![]() |
|
"Olla, meu irmau honrado,
o que acontez con Daniel:
os que o tiñan desterrado
agora falan ben del"Estes versos de Celso Emilio Ferreiro acaen perfeitamente ao panorama que estamos a viver este 2000 na Galiza, con motivo da comemoración do 50 aniversário da morte do noso (com)patriota Afonso Daniel Rodríguez Castelao no exílio bonaerense. De novo, "os que o tiñan desterrado" caen no mesmo delito de apropiación indebida da sua figura, baleirando-a previamente do conteúdo nítido da sua obra e da sua entregada vida.
De novo, certos círculos de auto-denominados intelectuais afectos ás prebendas do poder autoanémico colaboran nesa terxiversación desde presupostos presuntamente apolíticos, seica tan imparciais que mesmo deben carecer de metodoloxia. Mais tamén, de novo, e mália a todo o que fagan desde arriba, Castelao segue a ser guía das e dos intelectuais honestos e de todos e todas aquelas que traballan para unha nova situación política para o noso país e, desde nós, para o mundo.
Algun corifeu do PP definiu a sua própria política empregando a metáfora do orballo: parece que non chove, pero molla. Poderíamos volver utilizar esta imaxe literaria para o que se está a facer con Castelao e que vai chegar -de certo, xa está chegando- a inusitadas cuotas de obscenidade neste ano. A modo, mais de xeito inexorábel, este lúcido e polifacético home está a ser obxecto de manipulación. 0 investigador e porta-voz do BNG nas Cortes do Estado manifestara-o hai xa anos con estas palabras:
Castelao falando en representación
de Galiza nun acto celebrado en Abril do 41 en Montevideo
organizado por GALEUZCAMomento da protesta na chegada dos restos
de Castelao a Bonaval. O BNG rexeitou
o fundo e a forma desta repatriación."A táctica consiste en facer dun cristianismo heterodoxo un católico practicante, ao que se adican misas e funerais, cando até a extremaunción foi-lle imposta por decisión da sua dona, cando xa estaba inconsciente. Consiste en reducir a artista a quen foi un lúcido e apaixoado político nacionalista. Intenta presentar como ideoloxicamente aséptico a quen estaba disposto a acoller a nación baixo a estrela de cinco pontas, como símbolo de traballo, precisamente por refugar os símbolos tradicionais que, como o cáliz, tiñan unha inequívoca connotación católica. A conduta represiva da Igrexa Católica na contenda civil e a defensa do laicismo aconsellaban, pois, o cámbio. Non era-un home contraditório, mais claro e contundente no aspecto axial do seu pensamento e da sua conduta, un apaixoado nacionalista de.esquerdas como ten recoñecido alguén tan pouco sospeitoso como o [na altura] senador do PNV, Iñaki Anasagasti. Nengun tacticismo o levaba á desorientación canto ao norde preciso: a autodeterminación nacional da Galiza" ("Un patriotismo esclarecido" in "Castelao e Bóveda. Irmáns!!", A Nosa Terra, Extra 5-6, 1986, pp. 45-49).O cúmio das ofensas contra Castelao neste ano que vimos de estrear viñeron do corazón da españolidade descoberta, co envio dunha coroa coa bandeira vermella e gualda por parte do Delegado do Governo español na Galiza.Mais a oficialidade cultural galega tamén se vestiu de gala para a ocasión. Asi, a Real Académia Galega homenaxeou-no [?] lendo poemas a el dedicados e editando un libro de artigos sobre el nunha sala en que habia vários escudos da España pero nen un só símbolo da Galiza. Non hoube palabras directas de Castelao nen nos cantos da Coral Polifónica ali presente (nen tan sequer a coñecida e non problemática canción "Lela"). Pechou-se o acto cun hino galego cantado só até á metade, indo mesmo contra o legalmente vixente. É de xustiza chamar imbéciles e escuros a quen tal ofensa simbólica consenten desde as suas privilexiadas cadeiras académicas.
Mais ainda tivemos que aturar algunhas leituras reducionistas e simplistas da sua obra que deducian e propalaban o presunto sexismo do noso artista e político. Nunha análise de verdade aprexuiciosa, lonxe das terxiversacións academicistas, observará que n' "Os vellos non deben de namorarse" o que se pon en entredito é un mundo governado polo egoísmo monetarista e a consecuente obxectualización das mulleres. 0 título pode levar a deducións apresuradas que cómpre confrontar coa leitura -ou asistencia á representación- do próprio drama (e do resto da obra de Castelao, p. ex., a cousa "Dous vellos que tamén tiveron mocidade" e os cadros de "Cincuenta homes por dez reás"). Ademais, non podemos esquecer que nos seus escritos e na sua criación plástica, este xenial galego perseguiu fins didácticos, mais nunca moralizantes.
Dificilmente se pode negar a sintonia existente entre a obra literária de Castelao e a literatura rusa do momento. É unha escrita para o povo e cun forte conteúdo e vocación filosófico-transcendental. Exemplo perfeito é o romance "Os dous de sempre".
As clases populares galegas son as protagonistas de toda a sua obra artística, como foron as grandes destinatarias do seu impresionante labor político. E, xa que falamos de política, de pensamento e vida pública, non debemos dubida en combater todas as terxiversacións que tamén sobre isto se queren facer pois, se é certo que el non se consideraba un político profisional, a política foi a vocación de toda a sua vida.
As mozas e os mozos que sabemos que Galiza pode ser outra cousa e que o mundo pode ser outra cousa, debemos procurar coñecermos ao Castelao verdadeiro por meio da obra que nos deixou. Que o seu legado fique na ignominia para a maior parte da povoación da Galiza é, ademais dun auténtico atentado cultural, unha pexa máis no camiiio da significación colectiva e na loita polos nosos direitos nacionais. Pois, como dixo Blanco Amor, despois de Castelao só se pode amar Galiza através da ollada dese home que, nos tempos máis dificieis, prendeu o facho do noso futuro.
| Escríbelle ao autor deste artigo | |
| O que os lectores opinaron sobre este artigo: | ¿Que che pareceu a ti? (1=horrible, 10=xenial) |
| Outros en galego-português o Outros sobre sociedade e política o Outros artigos de varios autores | |