Este decálogo que diversas organización galegas veñen empregando, fai-nos ver que unha persoa, ainda individualmente, pode facer moito para conquistar a normalidade para o noso idioma. Estes son os pontos:
- Fala en galego sempre que poidas: coa familia, con amigas e amigos, con coñecidas e coñecidos. Fai o propósito de falar en galego a quen sabes que te entende, ainda que até o de agora lles falases en español.
- Respeita a quen fale outra língua, mais esixe que as outras persoas temán respeiten a tua.
- Dirixe-te en galego a todo o mundo: na rua, por telefone, no centro de ensino, no traballo. Verás que te entenden. Segue-lles falando en galego ainda que che respondan noutro idioma.
- Ás túas coñecidas e aos teus coñecidos que entenden o galego coloquial pero mostran curiosidade por algun termo que ignoran, explica-lles o significado desas palabras, axudando-lles a ampliar o vocabulario.
- Respeita as diferenzas locais da língua. Coñece as particularidades de cada zona. Esta é a riqueza do galego, como de todas as línguas.
- Toma a decisión de escreber todos os apontamentos, notas e cartas en galego. A partir de hoxe pon sempre o nome en galego. Fai mudar os teus papeis: impresos, rótulos, etc. Seria ben triste que, por aforrar uns pequenos gastos, deixásemos de contribuir á expansión do noso idioma.
- Subscrebe-te a revistas, semanários ou xornais escritos total ou en boa parte en galego. Le libros, asiste a espectáculos, escoita e visiona a emisión de RTV na nosa língua.
- Esixe de todas as entidades, mesmo das institucións máis rotineiras, que che escreban en galego. Fai-no amablemente. Non perdas o tempo e os nervos en pelexas cos inimigos declarados da língua do país. Deixa-os de lado, ignora-os.
- Se tes como língua familiar o español, interesa-te pola nosa língua. Loita contra a inxustiza fomentada contra o galego. Toda represión dunha língua é un acto de barbárie. E, sobretodo, tenta falar e escreber en galego, porque a mellor defensa dun idioma é o seu uso.
- Se te sentes bloqueada ou bloqueado psicoloxicamente, como adoita ocorrer para pasar a falar en galego con persoas e en ambientes en que sempre falaches en español, comeza por usá-lo coas descoñecidas e descoñecidos, a practicá-lo en situacións novas para i-lo introducindo logo na tua esfera habitual. Non te avergoñes dos desfeitos da pronúncia ou escrita. Respeitar o galego pero a distáncia, sen rompé-lo nen lixá-lo, iso si que deteriora o idioma.