![]() |
|
Había unha vez un curruncho que, o pobre, xa non sabía qué pensar, qué crer. ¿Soño? ¿Realidade? Mergullábase na dúbida continua, na proximidade da esquizofrenia.
Porque durante aqueles estraños anos ao curruncho chegaban sempre estrañas e contradictorias voces. Ás veces murmurios, ás veces berros, pero sempre, sempre contradictorios. Un día abría os seus ollos e atopábase con misivas de afastadas terras. Terras grandes e imperiais que lle insinuaban que el nada era, nada, senón un esquecido curruncho. Tristes cartas aquelas nas que os resabidos territorios falaban das súas bananas azuis, máxicas estradas polas que cruzaría a industria, a comunicación, o progreso florecente. E ao pobre curruncho non lle daban nin unha migalla de banana. Nada. "Curruncho, ti xa tes dabondo cos magostos", vociferaban algúns trasgos cínicos.
Outro día abría os seus olliños e lía mensaxes entregadas en man. Estaban redactadas polos vecinos próximos e tiñan a complicidade de algúns magos do propio curruncho. Ledas novas as das mensaxes. 0 curruncho deixaría de ser un curruncho esquecido, agora ía ser un novo país. Un país que gozaría dos feitizos das bananas e das apócemas nutricionais e competitivas que fixeran falta.0 curruncho está tan confuso. A el non lle importa ir de curruncho polo mundo, o que lle molesta é que pensen que curruncho ten que ser sinónimo de pailán que todo o traga. Un día toca tragar esquecemento, outro fermosos fogos de artificio, segundo cadre, segundo lles pete.
Así que o noso triste curruncho cabreouse. E agarrou con forza un dos seus tesouros: un enorme azul salgado. ¡Serei un curruncho, pero teño as portas abertas ao inmenso océano!
Efectivamente, o noso zarandeado curruncho semellaba ter a chave de ricos camiños polo territorio líquido. Riquezas por compartir e descubrir. Autoestrada potente cara ao intercambio máis alá do espacio bananeiro.
Echegou entón unha negra sombra. A negra sombra de sempre. A que falaba claro, clariño. "Curruncho, por unha vez deberías ser ti o dono da chave e máis da porta".
0curruncho agachou a cabeza, afundiuse na súa propia maldición. Alén do esquecemento, alén dos fogos de artificio, estaba a saída do labirinto. Ser un curruncho con chave de seu, non de prestado. Ser un curruncho que envíe cartas e mensaxes pola súa man escritas. Un curruncho que, á fin, crea que na fin da terra, no cu do mundo é posible a milagre de ser o epicentro do gran tremor, o tremor da confianza no propio destino.
Conta a historia que un día venturoso o curruncho refregou os ollos, espertou dun longo soño, esqueceu as trapalladas dos ignorantes, imbéciles e escuros e respirou fondo cantándolle libre aos bos e xenerosos.
| O que os lectores opinaron sobre este artigo: | ¿Que che pareceu a ti? (1=horrible, 10=xenial) |
| Outros en galego-português o Outros sobre sociedade e política o Outros artigos de diversos autores | |