![]() |
|
Internet é cada vez máis un hábitat ideal para os defensores de todo tipo de causas.
EFF: Fundación Fronteira Electrónica Esta organización, unha das máis famosas das nadas na Rede e para a Rede, naceu en 1990 en San Francisco, California, co obxectivo de procurar solucións a certos problemas que estaban a aparecer nos novos espacios electrónicos, ao mesmo tempo que asegurar a protección dos dereitos fundamentais dos seus usuarios:
· a protección dos rapaces fronte a materiais potencialmente ofensivos,
· a protección da propiedade intelectual,
· determinar qué leis dos países se poden aplicar a medios como Internet que non están ningures e mais están en todas partes ao mesmo tempo,
· a protección da privacidade,
· a protección contra a censura.Tamén promoven o coñecemento e a difusión das posibilidades que ofrecen estas tecnoloxías para tódalas persoas, apoiando medidas políticas que garantan un mellor acceso e eviten a regulación e os monopolios. Estas accións están espallándoas dende os EE.UU. ata o noso ciberespacio. Por exemplo, FrEE (www.arnal.es/free), Fronteras Electrónicas de España, nada en Galicia, ben tendo os seus mesmos obxectivos, pero centrado na Internet de fala hispana e a Internet en España.
Dúas das campañas máis importantes da EFF son:
· Blue Ribbon Campaign, contra a censura en Internet, promovida conxuntamente coa American Civil Liberties Union, e mais o Electronic Privacy Information Center. Contra o que di a Declaración dos Dereitos Humanos, os lexisladores dos EE.UU. e outras partes do mundo tentan dicirnos o que podemos e mais o que non podemos ler/ver/escoitar tanto nós coma os nosos fillos. Mesmamente o Parlamento Europeo deu luz verde aos sistemas de filtrado na Rede en Outubro de 1997. Pero son países como China, Turquía, Arabia Saudita, Malaisia, Tailandia, Singapur, Corea do Sur ou Bahrain quen levan o premio mundial aos cibercensores.
· Gold Key / Privacy Now! Campaign, pola liberdade da encriptación. Os EE.UU. queren limitar a potencia dos algoritmos que codifican as mensaxes de correo electrónico ou os arquivos para que as súas axencias (CIA, etc.) sexan capaces de os saltar e ler o seu contido. A Declaración dos Dereitos Humanos tamén ampara a privacidade da comunicación.Web: www.eff.org
Newsgroup: comp.org.eff.talk
E-mail: webmaster@eff.orgUn home óllanos dende unha páxina de web. "Non son ningún asasino. Non podo ter remordementos polo que non fixen", dinos este
home por medio dun arquivo de son cando prememos nun botón. O titular da páxina reza: "Este home será executado dentro de 9 días por un crime que non cometeu". É un caso real dunha campaña contra a execución dunha condena a morte nos EE.UU. que ilustra perfectamente o auxe que está a experimentar todo tipo de activismo a través da rede.
Se sucedese nos tempos previos a Internet este caso que presentamos como exemplo, os avogados e as asociacións que loitasen pola vida deste preso estarían limitados na difusión da súa loita a mandar cartas a revistas e periódicos rogando polo envío de peticións de clemencia ao gobernador do estado. Nos primeiros tempos da rede, pouquiño máis poderían acadar a través dos primitivos sistemas de foros ao alcance dos escasos internautas que daquela pululaban polo ciberespacio, ficando a maioría da xente ignorante da súa causa. Pero hoxe en día, en plena explosión do uso da Rede, organizando unha campaña na Web poden conseguir que moita xente escoite a voz do condenado, vexa o seu rostro, coñeza de primeira man a súa historia e envíe unha petición de clemencia ao e-mail do gobernador con tan só premer co rato nunha ligazón da mesma páxina. O foro alt.activism.death-penalty fai de punto de encontro para milleiros de persoas dispostas a axudarlles.
É un claro exemplo de cómo a popularidade e a tecnoloxía de Internet pode no momento actual axudar a moitas causas de todo tipo. Xa pasou o tempo en que os activistas lle tiñan medo a cousas como HTML, newsgroups, ou RealAudio: agora calquera pode estar na Rede e eles non debían ser menos. En canto viron os espectaculares resultados das primeiras campañas organizadas na rede, tódalas ONGs están indo de cabeza, mesmo no noso país: o buscador OZÚ rexistra a finais do 98 un total de 95 enderezos de webs de ONGs españolas, e Galiciacity 20 galegas (aínda que faltan na súa lista algunhas das que falaremos nun apartado).
E como a Rede aínda é noticia (¿deixarao de ser algún día?) na prensa tradicional, os activistas aproveitan esta popularidade e poden lograr que moitas das visitas á páxina do penado a morte, por seguir co exemplo, proveñan de xente que leu sobre a campaña no seu xornal favorito e despois foi buscar o web a Internet. Este caso acadou 30.000 visitas nunha soa semana e centos de e-mails que colapsaron a caixa de correo da oficina do gobernador que tiña na súa man a vida do preso. Da medida do potencial do activismo en Internet pódenos dar idea a cifra de decenas de milleiros de lectores do grupo alt.activism.
En definitiva, demóstrase nestes casos que Internet está dando á xente a capacidade de difundir as súa loitas e de enganchar a outra xente a que actúe. Ademais a difusión é no grado que os promotores queiran, sen ter que depender do filtro que fan os medios como a TV, a radio, a prensa... ou ter que gastar millóns en campañas publicitarias para poder dicir todo o que queren. Cos medios de hoxe acabouse o acceso limitado aos medios tradicionais, nas mans duns poucos. Nestes días da aldea mundial, se sucede algo denunciable en calquera parte do planeta, pode ser rapidamente transmitido, sen censura, a millóns de persoas e pódese xerar unha resposta colectiva inmeditamente. E esta resposta acadable do público ha ser moito máis sinxela, rápida e cómoda que nunca. Por suposto, se o activista conta cos medios e os profesionais axeitados, pode sacar partido tamén ao crecente carácter multimedia da Web con vídeos, locucións, informacións interactivas, boletíns informativos, foros de conversación, etc. A mesma tecnoloxía que están a utilizar as empresas e os organismos públicos.
¿O SISTEMA INMUNOLÓXICO DA HUMANIDADE? Existe unha interesante teoría que compara a potencialidade do ciberactivismo cun auténtico sistema de defensa da Humanidade. Segundo esta teoría, o corpo humano pode ser considerado unha rede de comunicación en si mesmo, e tal e como se ten comprobado a súa saúde depende en boa medida dunha morea de sinais constantemente enviadas por neurotransmisores químicos. Ademais as últimas investigacións en enfermidades do sistema inmunolóxico recalcan que o modo en que o corpo se conecta como un todo determina o grado de saúde.
E se vemos a Humanidade como un sistema que se estende por todo o mundo poderíase pensar nos problemas sociais, medioambientais, etc. como unha enfermidade inmunolóxica dese sistema. A conclusión é que segundo o mundo se vai interconectando cada vez máis, está xurdindo unha nova rede de comunicación capaz de actuar como o sistema inmunitario do planeta: ao aparecer unha sociedade a escala planetaria, está aparecendo tamén un sistema inmunolóxico a escala planetaria. O éxito cada vez maior das ONGs potenciadas por sistemas como Internet o demostraría.
Campañas na Web
O xeito máis normal de facer campañas na Web é poñendo unha páxina na que se explique o obxectivo da mesma e pedindo aos interesados en apoiala que poñan o logotipo da campaña nalgunha parte das súas propias páxinas ligando co web da campaña. Así multiplícase o efecto difusor e calquera pode atopar o logotipo na páxina máis inesperada e informarse do asunto cun so click. Exemplos deste tipo de campañas son por exemplo a que reclama un dominio de primeiro nivel para Galicia, a que esixe o Windows98 en galego ou a que loita pola privacidade da correspondencia electrónica.
Ideoloxías
Entre o ciberactivismo temos organizacións que xa loitan no mundo non-virtual dende hai moitos anos (por exemplo, GreenPeace) e que agora aproveitan a Rede como outro medio máis, e outras que naceron especialmente para actuar na Rede (como a EFF ou a nosa Ciberirmandade da Fala).
Nembargantes, non todo é tan positivo na parte activa da Rede. Tamén hai outro tipo de activistas, sacándolle o mesmo (ou máis) partido á tecnoloxía de Internet, e promovendo as milicias paramilitares, a negación do Holocausto, a fabricación de drogas sintéticas, as sectas ou directamente o terrorismo. Pero é que a rede, hoxe en día, segue sendo aberta e un pode loitar por, ou defender, calquera causa.
Aínda que se hai algunha ideoloxía que atope o seu hábitat ideal na Rede esa é a ideoloxía libertaria. E isto é así porque dende hai moito tempo Internet está fóra do control directo de ningún organismo, empresa ou Estado (malia que lle pese ao señor Gates) e os poucos controles que hai son descentralizados. Por tanto é unha especie de Utopía para os libertarios, os que promulgan a libre actuación do individuo coas mínimas normas posibles. O goberno dos EE.UU. leva tempo tentando poñer unhas fortes restriccións aos contidos de Internet, principalmente mediante a Communications Decency Act, cunha enorme oposición de tódolos membros da comunidade virtual. A libre expresión é a causa número 1 en Internet.
Vantaxes de Internet para o activismo:
· Baixo costo.
· Gran repercusión.
· Libre expresión.
· Libre acceso ás fontes e ás diversas partes (versións) implicadas no tema.
· Comunicación interactiva.
· Cooperación máis sinxela e rápida.
· Intercambio de información e experiencias con outros activistas.
· Comunicación barata coas delegacións ou activistas lonxe da sede.
· Fonte de información e investigación.Ciberproselitismo
Internet tamén é un medio ideal para a procura de novos membros para as ONGs, que pode que non sexan moitos, pero dado o perfil típico de internauta (activos, inquedos, de nivel cultural alto) han ser valiosos. Calquera pode colaborar adicando uns poucos minutos á semana enviando un e-mail de denuncia ou apoio, espallando unha mensaxe nos foros ou entre os amigos... E mesmo enviar donacións mediante as cada vez más estendidas páxinas seguras ou comprar productos en tendas-web solidarias ou ecolóxicas. Nunca o compromiso cunha causa foi tan fácil.
Pero non esquezamos eses países con réximes autoritarios e dictatoriais onde está prohibido o acceso a Internet e onde os activistas-disidentes deben correr moitos riscos para se conectar e procurar axuda e información (¡xa hai xente na cadea en varios países por se conectar a Internet!). Os seus compañeiros no exilio que montan webs de denuncia en servidores doutros países teñen unha importancia vital nestes casos (China, Cuba, Kurdistán, Timor Leste...). É evidente que Internet é unha forza democratizadora de potencial incalculable, e os gobernos estanse a dar conta.
ALGÚNS ÉXITOS DO CIBERACTIVISMO · A incrible proposta do Departamento de Agricultura dos EE.UU. de permitir que alimentos xeneticamente alterados, irradiados ou cultivados con lama tóxica (¿Doñana?!) levasen a etiqueta de "orgánicos" foi retirada despois de que 200.000 persoas se opuxeran. Foi o resultado dunha campaña levada a cabo por asociacións pro-orgánicas en todo tipo de medios, incluída Internet.
· O 10 de Abril de 1998, os Zapatistas conseguiron, na primeira ciber-asentada da historia, ter todo o día bloqueado o web do Goberno Mexicano cunha sobrecarga de visitas de internautas dende 23 países. O EZLN é segundo a prestixiosa revista Wired o grupo político de todo o mundo coa mellor presencia na Rede.
· En Maio de 1998 os ecoloxistas levaron a cabo un bloqueo de talas a través de Internet. Acampados xunto a unha fraga do norte da Columbia Británica, enviaron fotos da súa destrucción vía satélite a un web de denuncia.
· A Ciberirmandade da Fala ten conseguido mediante o envío de e-mails que un bo número de webs de empresas e institucións galegas incluísen a súa información en galego.Enderezos interesantes:
· Electronic Frontier Foundation: protección das liberdades civís fundamentais, como a privacidade e a liberdade de expresión, no terreo da informática e Internet (www.eff.org).
· Alliance for Community Media: piden o acceso universal aos medios electrónicos e loitan contra a concentración dos mesmo nunhas poucas mans (www.alliancecm.org).
· Global Internet Liberty Campaign: liberdade de expresión en Internet (www.gilc.org).
· AFL-CIO: movementos obreiros (www.aflcio.org).
· One World: comunidade de organizacións pola xustiza mundial (www.oneworld.org).
· Greenpeace: xa de todos coñecida, loitando polo medio ambiente (www.greenpeace.org).
· WWWF / Adena: conservación da natureza (www.servicom.es/adena).
· Human Rights Watch: defensa dos dereitos humanos, cun informe anual moi prestixioso (www.hrw.org).
· Amnistía Internacional: xa de sobra coñecida (www.amnesty.org).
· Acción Contra el Hambre: a coñecida ONG de axuda ao desenrolo (www.servicom.es/ach).
· ACNUR España: axuda aos refuxiados (www.servicom.es/acnur).
· Aldeas Infantiles: a prol dos rapaces desamparados (www.readysoft.es/advernet/aldeas).
O CIBERACTIVISMO GALEGO Se facemos unha busca en Internet por ONGs e semellantes que teñan que ver con Galicia, atoparemos panoramas diferentes segundo por onde busquemos: por exemplo, dentro do directorio do famoso Vieiros (www.vieiros.com) soamente atopamos 9 enderezos na sección de ONGs. O buscador Enxebre (www.enxebre.com) nin tan sequera ofrece unha sección para este tipo de webs. O maior número de ligazóns o atopamos en Galiciacity, con 25 entradas na zona de ONGs. De todas formas, non están tódalas que son, nin moito menos. O ciberactivismo galego aínda non está ben interconectado nin ten unha difusión axeitada. Un primeiro paso parece que se vai dar cunha páxina ofrecida pola empresa ferrolá CIF & NET chamada Directorio Galego de ONGs (www.cif.es/ong), que de momento está case baleira.
De calquera forma velaquí tedes algunhas asociacións destacadas no activismo galego na Rede:
· A Ciberirmandade da Fala: asociación que loita polo emprego do galego en Internet con actividades de denuncia e información sobre a lingua galega e a normativa que lexisla o seu uso (valbuena.fis.ucm.es/~camilor).
· A Plataforma polo Galego na Informática: asociación de informáticos e filólogos nada a raíz da "I Xornada polo galego na Informática" organizada en 1994 na Faculdade de Informática da Universidade da Coruña e que loita pola normalización da nosa lingua no eido informático (sol.des.fi.udc.es/becarios/pardo/Plataforma.html).
· A Mesa pola Normalización Lingüística: ONG que leva xa 12 anos na loita polo galego en tódolos terreos (www.interbook.net/colectivo/amesanl).
· A Leiteira: a prol do sector lácteo galego (www.vieiros.com/leiteira).
· Meniños: fundación para a infancia promovida polo Colectivo Galego do Menor (www.meninos.org).
| Escríbelle ao autor deste artigo | |
| O que os lectores opinaron sobre este artigo: | ¿Que che pareceu a ti? (1=horrible, 10=xenial) |
| Outros en galego-português o Outros sobre sociedade e política o Outros artigos de Casdeiro | |