SYNAPSIS
Artigo nº:228
Título:Computadores galegófonos
Autor:Ramón Flores
Data de creación:1999,2000
Data de publicación:19-Marzo-2000
Anteriormente publicado en:http://members.xoom.com/RamonFlores.1

Software libre, unha oportunidade de ouro para que os computadores falen galego

(Fai click aquí para a versión Post-script deste artigo)

Limiar

   Hai anos que os computadores entraron nas nosas vidas, e non semella que vaian abandonar-nos nun futuro próximo, senón ás avesas facer-se cadora máis omnipresentes, seguindo o mesmo carreiro que muitos outros aparellos modernos. Agora ben, a diferenza doutros trebellos, estes poden "falar" connosco, mais seica non entenden a nosa língua; primeiro falaban inglés, logo pasaron-se ao castelán mais o galego costa-lles. Non parece que este feito preocupe excesivamente nen as nosas autoridades linguísticas, nen as organizacións que defenden o galego. E penso eu, se cadra por que paso várias horas ao dia diante dun deses aparellos, que cumpre  prestarmos-lle a atención que merece. A incapacidade de comunicar-nos en galego cos computadores atenta contra os nosos direitos linguísticos, ao nos obrigar a empregar de seguido unha língua que non é a nosa, sendo ademais unha nova arma para o arsenal dos que atacan o galego pola sua suposta "falta de utilidade".

   Nun mundo dominado polo software proprietário, onde os copyrights impiden que os usuários poidamos adaptar o software ás nosas necesidades, e onde a falta de competéncia da lugar a que os pequenos mercados sexan ignorados, o futuro do software en galego é certamente precário. Afortunadamente para nós, e para muitos millóns doutras persoas pois a nosa situación non é nen muito menos única no mundo, as cousas estan a cambiar. O software libre está a revolucionar o mundo da informática, traendo non xa unha refolada de ar fresco, senón un auténtico furacán liberador.

   O software libre, tamén coñecido como software de fonte aberta, permite entre outras cousas traducir os programas, e representa hoxe en dia unha alternativa viábel ao software proprietário, con independéncia da língua, mais no caso galego representa, na miña opinión, a mellor alternativa. As nosas autoridades poderian aproveitar esta ocasión para, fornecendo software en galego á cidadania, demostrar o seu interese pola nosa cultura. Mais o mellor de todo é que neste caso as autoridades non son imprescindíbeis, ainda que loxicamente poden facilitar muito a tarefa.

   Existen vários sistemas operativos libres, catro deles son tipo unix:  GNU/Linux, FreeBSD, OpenBSD, NetBSD e outro é un clone do MSDOS  FreeDOS(1). Dos cinco o GNU/Linux é o máis popular e o que conta con un maior número de aplicacións. Como ademais é o que máis coñezo, por ser o que uso, no resto do artigo referirei-me principalmente a el. De todos os xeitos comparte muitas caracteristicas cos xxxBSDs, sendo bastante compatíbeis entre si, e sendo relativamente doado que unha aplicación nativa dun calquer deses sistemas poida ser executada nos outros sistemas, muitas veces os próprios binários son compatíveis, outras veces cumpre recompilar as fontes. En todo caso a tradución  feita para un programa dun dos catro sistemas tipo unix, é válida para os outros tres sistemas tipo unix restantes.

   A tradución de software libre é normalmente unha tarefa tecnicamente sinxela, e de feito xa existen vários programas traducidos ao galego. Caso de que o leitor/a teña interese en comunicar-se en galego co seu computador, pode facer-se unha idea na seguinte páxina, onde se mostran algunhas imaxes capturadas do meu.
 

Un pouco de história

  En 1983 Richard Stallman farto de ver como o software proprietário trunfava impondo un espirito anticooperativo, escrebe un manifesto no cal, ademais de denunciar a situación imperante, anúncia que vai escreber un sistema operativo libre: o GNU. Naquel tempo o dito manifesto podia tomar-se como unha arroutada, mais as vezes a utopia fai-se realidade. E asi un pequeno grupo de programadores foi elaborando con esforzo, paciéncia e ilusión, as pezas fundamentais do soño Stallmaniano: un compilador de C, gcc, un editor de texto que é muito máis que un editor de texto, o Emacs, un linker, ld, un depurador, gdb,  e un longuísimo etc.

    En 1991 Linus Torvalds decide fabricar-se un núcleo similar ao de Unix, ao que vai chamar Linux, co obxecto de pode-lo executar no seu computador, un PC compatíbel. O proxecto GNU pola sua banda xa estaba a traballar nun núcleo do seu sistema, o Hurd, mais Linus vai desenvolver muito máis rápido o seu núcleo, aproveitando un meio en expansión: a Internet, por onde lle chegaria axuda tanto de programadores como de provadores do produto. Por outra banda o Linux encaixa perfeitamente co software da GNU, de feito foi desenvolvido usando o compilador gcc. Xuntando o Linux coas ferramentas GNU e algun outro software, máis ou menos libre, como o sistema de xanelas XFree86, xurde un sistema operativo libre, o GNU/Linux.

  Segundo a Fundación polo Software Libre, fundación que está detrás do proxecto GNU, o software libre é-o en canto nos permite:

Evidentemente un programa para ser libre ten que oferecer-se en código fonte, aínda que se poida distribuir tamén en versións compiladas.

    Software libre non é sinónimo de software gratuito, existen bastantes empresas que venden software libre. Mais unha vez que un usuário o compra pode copia-lo, revende-lo, regala-lo, instala-lo no número de computadores que queira ... , todo menos loxicamente reclamar direitos de autor sobre o dito software ou modificacións del. Isto da lugar a que o prezo non sexa en xeral mui elevado.
 

Software en galego, ulo?

    Descoñezo o tanto por cento da poboación galega que emprega con unha certa frecuéncia algun computador, mais estou seguro que xa non é despreciábel, e que ademáis está a medrar. Agora ben, cando un galegofalante ten que comunicar-se con un computador na maioria dos casos non o pode facer na sua língua. Teñen algunha dificultade conxenita os computadores para se expresaren en galego?, por suposto que non, os computadores poden comunicar-se cos seus usuários en calquer língua, sempre que exista o software axeitado. Mais ao non ser o mercado galego avondo atractivo, as grandes empresas de software non teñen interese en editar versións galegas dos seus produtos.  Non é isto algo que afecte exclusivamente ao galego, milleiros de línguas en todo o planeta están nas mesmas condicións. Mesmo línguas con muitos millóns de falantes, e/ou que teñen o respaldo dun estado. Se existe versión de MSWindows en catalán e en basco é porque están fortemente subsidiadas, mais non sempre avonda con pagar a tradución (2).É mais, ao estar o software proprietário protexido por copyrights, ninguén alleo a empresa pode traduci-lo.

    Este problema non existe co software libre; o usuário ten garantido o direito de, entre outras cousas, traduzi-lo. De feito a maioria dos programas libres facilitan o proceso de tradución. Asi o software da GNU ten un procedemento estandar de tradución, fornecendo software para facilitar a tarefa. Sendo esta unha das razóns pola que o software libre se está a expandir dun xeito tan acelerado. Cando escrebo este párrafo (12/12/99) as ferramentas da GNU están sendo traducidas por 27 grupos distintos, o proxecto GNOME por 30 e o KDE por 40.

    Aproveitando estas facilidades alguns usuários galegos temos traducido xa alguns programas mais ou menos libres. Estas traducións, ademais de facer-nos a comunicación cos nosos computadores máis agradábel, constituen unha prova palpábel de que termos software en galego é factíbel. Porén, se ben é certo que hai algun traballo feito, ainda fica muito por facer para poder termos unha distribución(3) que permita galeguizar totalmente um computador.
 

O papel das institucións

    As institucións públicas galegas (Xunta, deputacións, concellos, universidades ...) son grandes consumidoras de software. Software que nestes momentos está maioritariamente en castelán, ainda que a língua que empreguen as ditas institucións sexa o galego. Usando software comercial esta situación ten dificil solución, dificil e cara. E usando software libre?. Como dixen anteriormente o software libre non necesita permisos para ser traducido, e usualmente facilita-se a tarefa. Ademais ao dispormos das fontes podemos adapta-lo doadamente as nosas necesidades, non só en matéria linguística.

    Das institucións antes citadas a Xunta de Galicia é posibelmente a maior consumidora de software, sobre todo tendo en conta que dela dependen direitamente os centros públicos de ensino básico e médio. Semella portanto que deberia ser ela a que tivese un maior interese no tema, e a primeira vista é a institución con maior capacidade para levar a cabo o traballo, ben con persoal próprio, ben mediante un convénio ou encarregando-llo a unha ou várias empresas, galegas por suposto.  O software traducido non só serviria para uso interno, senon que tamén seria utilizábel por outras institucións e polos cidadans galegos en xeral.

    Tamén as deputacións e os concellos usan software, e tamén eles poden usar software libre e adapta-lo ás suas necesidades. Non seria portanto desbotábel que un concello, ou grupo de concellos, con algunha deputación polo meio se cadra, tomara a iniciativa de anosar software libre para as suas necesidades, revertendo loxicamente o seu traballo nos cidadans.

    As universidades pola sua banda contan con unha importante avantaxe: abundante material humano cualificado. Non só os seus traballadores, profesores e técnicos, mais tamén os seus alumnos. Unha universidade que saiba aproveitar eses médios pode levar a cabo un moi bo traballo con un custe mui baixo. Cumpre salientar que de feito o software libre está xa presente nas universidades galegas, mesmo encarregado de tarefas de grande importáncia, ainda que a nível de usuários por agora é minoritário. Non é de extrañar a penetración do software libre nas universidades galegas, xa que os vencellos entre o mundo universitário e o software libre son fortes desde os seus inícios. Porén polo momento as universidades galegas non apoian institucionalmente o software libre como si ocorre con outras universidades.

    Na Galiza non só existen institucións públicas, calquer institución privada interesada minimamente pola nosa cultura pode axudar á existéncia de software en galego, ben apoiando iniciativas existentes, ben liderando ela mesma unha iniciativa, de maior o menor alcance. Asi institucións como a Fundación Caixa Galicia , a obra social da nova Caixa do Sul (4), ou a Fundación Pedro Barrie de la Maza  teñen capacidade avonda para criar unha distribución própria, mais tampouco seria de desprezar que traduciran e mantiveran unha suite de oficina ou un entorno de xanelas, por sinalar un par de exemplos.
 

O papel das empresas

    Actualmente o mundo do software está dominado por grandes empresas americanas (5). Nesta situación o nicho ecolóxico dunha empresa de software galega é por forza mui reducido. O movimento do software libre pode traer novas oportunidades para as empresas galegas, en xeral para as empresas de todo o mundo.

    Unha aposta, a primeira vista, forte para unha empresa galega seria artellar ela mesma unha distribución própria. Dependendo do produto o traballo seria maior ou menor. Unha distribución en castelán é relativamente doada, mais xa existen outras, algunha delas como a SuSE de renome mundial. Unha distribución en galego (6), ainda que fose parcial, outorgaria-lle á empresa que a  levara a cabo unha imaxe de marca diferenciada. Non seria desbotábel tampouco distribucións en várias línguas, como é a Suse, centrando-se nas línguas da Península Ibérica. Cumpre salientar que no mundo do software libre os ingresos dunha empresa que mantén unha distribución veñen, por unha banda das vendas da dita distribución, mais por outra da venda de servizos; i.e. de suporte técnico. Quen mellor que a empresa que artella a distribución para resolver os problemas que poidan aparecer?, ou para implementar as modificacións que desexamos para realizar unha determinada tarefa?.

    Ainda que nengunha empresa galega asuma o risco de criar unha distribución própria, existen outras vias para que contribuan a termos software en galego. Se algunha das institucións antes citadas decide facer-me caso e anosar software libre,  unha opción evidente é encarregar-lle o traballo a unha empresa de software, que loxicamente deberia ser galega. Outro xeito no que as empresas galegas poden facer negócio co software libre é prestando asisténcia técnica. Co software proprietário o lóxico é pedir axisténcia técnica a empresa que criou o software, xa que só eles coñecen os seus miolos, mais falando de software libre, onde as fontes son coñecidas, a accesibilidade e proximidade son factores de tanta ou maior importáncia.
 

O papel dos usuários

    No mundo do software libre as lindes entre usuários e "criadores" son difusos, e as oportunidades de participar muitas. Algunhas persoas adican-se a programar elaborando un ou máis programas, mais lóxicamente son usuários de muitos outros. Por outra banda se un usuário quer modificar un programa, e sabe como, non só pode face-lo, senón que é alentado a o facer. Mais alén da programación existen outras tarefas importantes como escreber documentación sobre os programas ou traducir os programas e máis a sua documentación. Outra tarefa indispensábel é probar os programas, atopar-lle os erros, e informar documentadamente deses erros. Para contribuir ao traballo colectivo, non se precisa portanto ter uns grandes coñecementos de informática, senón vontade de colaborar.

    O movimento mundial do software libre criou-se e medrou baseando-se en usuários individuais ou agrupados en proxectos dispostos a compartir o seu traballo co fin de obter un sistema aberto. As empresas chegaron mais tarde, ainda que o seu desembarco semella ser definitivo. Non é pois de extrañar que os primeiros pasos para a tradución de software libre ao galego fora dado por usuários.

    Hoxe en dia existen dous grupos de usuários organizados co fin de traducir ao galego o GNU/Linux. O GPUL-tradución(7), que ten por obxectivo traducir programas (8), e o GzLiNuX,  que se adica a traducir documentos variados (HOWTOs, FAQs, guías, documentación de aplicacións ...). Relacionado intimamente con este tema, ainda que sen adicar-se directamente a traducir xurde o proxecto LEGAL (Linux En GALego), que pretende ser un ponto de encontro das persoas interesadas en termos linux en galego, incluindo loxicamente aos dous grupos antes citados, e a outros usuários que traballan independentemente no tema. Trata-se de acadar unha certa coordenación no traballo a realizar, asi como de conseguir unha maior repercusión, e atraer a novos usuários interesados nos labores de tradución.

   Ainda que non está tan directamente relacionado co software libre non podo deixar de falar do proxecto Galego21 . Este proxecto consta de vários subproxectos, todos eles pulando a prol do galego, dos cais para este artigo son especialmente relevantes dous. O proxecto Rianxo pretende elaborar un tradutor automático galego <---> outras línguas.  Está escrito na linguaxe de programación java e en galego, sendo software libre, non se pode pedir máis. Só  me resta desexar-lles sorte na dificil tarefa que se marcaron. Pola sua banda o proxecto Xis adica-se a traducir software para MSWindows9X/NT ao galego.

   O bon que ten traducir software de MSWindows é que hoxe en dia este é o sistema operativo dominante nos PCs, e portanto o seu traballo pode chegar rapidamente a muita xente. Mais tamén apresenta desavantaxes importantes. A inmensa maioria do software para  esta plataforma é software proprietário (9), mesmo o freeware e o shareware están protexidos por copyrights, e portanto antes de pór-se a traducir un programa cumpre ter a autorización do dono dos direitos de autor. É relativamente doado obter tal autorización no caso de freeware e shareware, mais  estes programas xogan un papel marxinal no mundo do MSWindows (10). Obter a autorización para un programa comercial de éxito é outra cousa. Ainda que se conseguira, cousa ben dificil, como se comercializa o produto?, vai estar interesada a empresa en sacar un produto especial para un mercado tan reducido como o galego, que ademais pode cobrir sen muitos problemas en castelán?. É portanto impensábel que mediante o esforzo dos usuários poidamos conseguir dun xeito legal (11) que o noso computador, usando MSWindows, fale galego senon sempre na maioria das ocasións. Outro problema de importáncia provén das dificultades técnicas que apresenta a tradución de software de MSWindows. Neste caso non hai un procedimento estandar, como no caso do GNU/Linux, cada programa é diferente, e non sempre fácil de traducir (12). Ademais está o tema da distribución das traducións. En GNU/Linux un programa vai preparado para empregar diversas línguas, segundo os gostos do usuário, e para fazer que fale outra nova língua usualmente chega con engadir-lle un arquivo duns cantos kbytes (ducias ou como muito uns poucos centos). No mundo MSWindows porén, xunto o modelo anterior seguido principalmente polos produtos shareware e freeware, resulta usual que para cada língua haxa un programa distinto, que ocupa comprimido vários MBytes, o cal dificulta enormemente a sua distribución.
 

Pontos fracos

O GNU/Linux é un sistema operativo con ben gañada fama de robusto, estábel, fiábel, flexíbel e seguro (13). Teñen-se feito bastantes comparativas co MSWindows NT (14), e na maioria delas sae gañando, en todo caso non é dun nível inferior. As debilidades que se lle apoñen son principalmente duas: dificultade de administración e falta de aplicacións. Para afondar neses dous pontos cumpre diferenciarmos duas situacións: 1) que falemos dunha organización dunha certa entidade ou 2) que falemos de usuários individuais ou organizacións pequenas.
 

Organización média/grande

   Neste caso o parque informático debe estar administrado por técnicos informáticos para os cais a maior flexibilidade do sistema GNU/Linux, coa maior complexidade que isto conleva, non significa normalmente un grande problema, senón muitas veces é considerado unha virtude. Isto unido as facilidades que oferece este sistema de administración remota, e as avantaxes antes citadas fan que muitos técnicos informáticos de todo o mundo se decanten a favor do GNU/Linux, o que da lugar a unha importante presenza no mundo corporativo. Evidentemente os computadores van ser utilizados por muitas outras persoas ademais dos técnicos, mais como usuários. E a nível de usuário a dificultade de uso dun sistema GNU/Linux é similar ao doutros sistemas operativos como MSWindows, MacOS ou Solaris.
   A falta de aplicacións foi un problema, mais hoxe en dia é-o muito menos. Desde hai tempo o GNU/Linux mantén unha importante cota de mercado nos servidores de rede: servidores web, cortalumes, servidores de arquivos, xestores de impresión, servidores de bancos de dados, etc. Loxicamente para esas tarefas hai software avondo e de cualidade. Un tipo importante de programas dos que habia unha certa caréncia son as aplicacións de oficina. Afortunadamente estas caréncias estan a ser subsanadas rapidamente (15). Se o leitor quer ver cos seus próprios ollos  a abundáncia de software para GNU/Linux o mellor e que visite algun site especializado en listar, comentar e facilitar a descarrega, do dito software. Existen muitos deses sites, sendo na miña opinión mui aconsellábeis os dous seguintes: Tucows Linux  e Freashmeat .
   Outra estratéxia que ven usando a comunidade GNU/Linux para paliar a caréncia de aplicacións, cadora menor mais hai uns anos importante, é a elaboración e uso de emuladores. Asi o Dosemu permite executar a maioria das aplicacións para MSDOS e o Wine, apesar da opacidade de Microsoft, permite executar unha grande cantidade de aplicacións para MSWindows3.X e MSWindows9X/NT (16).
   Se algun organismo precisa un programa determinado que non existe, ou algunha modificación dalgun programa existente, pode contribuir á comunidade mundial de software libre pagando para que se desenvolva.
   Por último, unha avantaxe que apresenta  o GNU/Linux nas organizacións grandes é a sua compatibilidade co Unix. Isto facilita a conexión de estacións de traballo (baixo GNU/Linux) e grandes servidores correndo algun Unix proprietário.
 

Usuários individuais e organizacións pequenas

   No caso de non contar con un técnico informático como administador, o problema da dificuldade do GNU/Linux é maior. Afortunadamente cadora se elaboran distribucións máis automatizadas (17), que facilitan enormemente tanto a instalación como a administración do sistema. O maior problema é que a maior parte da documentación está en inglés. Problema que se resolveria loxicamente con unha distribución en galego.
   Canto ao software de oficina aplica-se o dito anteriormente. Mais falando de software de lecer a situación é algo pior. Estan-se a portar muitos xogos para GNU/linux, mais ainda asi non hai tantos como en MSWindows, e no apartado multimédia o abano de software disponíbel en GNU/Linux é muito máis pobre que en MSWindows9X. Mais a situación pode cambiar rapidamente, xa que o GNU/Linux ten cadora maior aceptacion, e o proxecto Wine maior cualidade.

Futuro do GNU/Linux

   Unha pergunta obvia antes de se embarcar nunha empresa é cais son as suas espectativas de futuro. Sobre todo cando, como  neste caso, un non conta con ser un factor determinante no desenvolvemento do proxecto xeral, senon aproveitar os fruitos dese desenvolvemento, contribuindo en todo caso nunha pequena parte.

   A maior garantia de futuro do GNU/Linux é a sua liberdade, o feito de que o código fonte sexa público. Como di o memorandun Halloween I (18):

Portanto ainda que o desenvolvedor dun programa deixe de traballar nel, calquer outra persoa ou grupo pode retomar o traballo.

   Outro factor importante a considerar é a sua cota actual de mercado, e a sua taxa de medre. Tendo isto en conta o seu futuro é simplesmente brillante. Asi por exemplo segundo un estudo do IDG, mentres no ano 1997 o seu uso no ámbito empresarial era residual, en agosto de 1999 era empregado no 13% das empresas de USA e Canada. Outros sinais que apoian o dito son: o número cadora maior de empresas tanto de software como de hardware que están a ofertar produtos para GNU/Linux (19), o prezo elevado das accións das empresas líderes neste entorno,  a atención masiva recibida na última COMDEX, ou o interese mostrado pola Comisión Europea.

   Por último cumpre repetir que o galego non é nen muito menos a única língua discriminada pola indústria de software. Milleiros de outros pobos están na mesma situación, e portanto o software libre representa tamén para eles unha solución. Solución que de feito xa están a aproveitar alguns, asi se non hai MSWindows en islandés, si que hai KDE, e se tampouco hai MSWindows en indi, xa hai proxectos para que haxa GNU/Linux. Hai portanto muita xente interesada en que o movimento GNU/Linux non se pare, ainda que so sexa contando cos muitisimos usuários que non constituimos mercados atractivos. Seria dificil, ainda que non imposíbel, que un pequeno pais como Galiza poida manter el só o desenvolvemento dun sistema operativo e multitude de aplicacións. Mais se xuntamos muitos outros pequenos, e non tan pequenos, paises a tarefa resulta mesmo doada. Isto na pouco provábel hipótese de que os programadores e usuários dos grandes paises, USA, Alemaña, Xapón, etc, perderan o interese polo software libre.
 

A modo de conclusións

  1. O GNU/Linux é un sistema con muitas cualidades de por si como para ser preferido por calquer organización.
  2. Ademais das suas outras avantaxes oferece para os galegos a posibilidade de traducirmos un bo sistema operativo, e unha grande cantidade de aplicacións.
  3. Esta posibilidade é muito máis dificil e custosa co software proprietário. Ademais que nese caso ficamos nas mans da(s) empresa(s) posuidoras do copyright, que en calquer momento poden decidir deixar de traducir.
  4. A adopción de software libre polas institucións públicas galegas favoreceria a industria de software galega, do mesmo xeito que a criación da TVG deu lugar a unha industria audiovisual, pequena pero existente.
  5. A utilización por parte das institucións públicas de software libre conlevaria ao emprego, na sua relación cos cidadans, de formatos estandares e non de formatos proprietários como adoitan facer (20).
  6. O emprego por parte das administracións públicas de software libre teria como efeito secundário beneficioso abandonaren o uso de software ilegal (21). Práctica que non por frecuente deixa de ser condenábel, como calquer violación da legalidade por parte das autoridades encarregadas do seu cumprimento.
  7. A tarefa de traducirmos unha parte importante do sistema GNU/Linux pode ser levada a cabo por simples usuários. É mais, considero que levando mais ou menos tempo os nosos computadores aprenderá galego grazas ao GNU/Linux. Se debido a unha iniciativa institucional ou empresarial se acelera o proceso, mellor que mellor. En todo caso o software libre oferece-nos a sua liberdade, cumpre-nos aproveita-la.
 


Notas
  1. Existe outro proxecto de sistema operativo libre Freedows, mais ainda está en elaboración. 
  2. O islandés  é un exemplo claro de que conseguir versión nunha determinada língua non é sempre cousa fácil. Islándia é un estado que protexe especialmente a sua língua, e o seu governo estaria disposto a pagar a Microsoft pola tradución do sistema operativo MSWindows, mais en Redmond o asunto non lles interesa e portanto non hai versión islandesa do MSWindows. 
  3. No mundo GNU/Linux unha distribución consta do sistema operativo máis un conxunto máis ou menos grande de aplicacións. Estas distribucións están elaboradas para facilitar-lle a vida ao usuário, reunindo (e compatibilizando se for mester) o software necesário para poder realizar unha determinada tarefa. Mais o software das distintas distribucións é compatíbel, sobre todo a nível de aplicacións. E non resulta difícil usar un pacote dunha determinada distribución nun computador onde hai instalada outra distribución. Cousa que por outra parte na maioria dos casos non é necesário, xa que é bastante común que as distintas distribucións teñan muitas aplicacións en común. 
  4. Cando isto escrebo as tres caixas do sul da Galiza teñen 3 sites independentes, os tres en castelán unicamente, o cal non anima muito. Os seus enderezos son: Caixa de Pontevedra, Caixa Ourense e CaixaVigo. Ollo co site de CaixaVigo, que emprega java masivamente, polo cal é dos máis pesados que teño visitado. 
  5. En particular por Microsoft, acusada polo departamento de Xustiza americano de ser un monopolio de facto. 
  6. As distribucións GNU/Linux son multilíngues en xeral, xa que boa parte das aplicacións están traducidas a diversas línguas, e trocar a língua de traballo é mui doado. É máis, os distintos usuários dunha mesma máquina poden definir a sua língua de traballo independentemente uns dos outros. Unha distribución en galego significa pois que os usuários teñen a posibilidade de escoller o galego como língua de traballo, e que a instalación e os manuais estarian en galego. 
  7. O GPUL-tradución é un subgrupo do Grupo de Programadores e Usuários de Linux, grupo universitário da Escola de Informática da Coruña.  
  8. Teñen especial querenza polo software da GNU, e asociados como o proxecto GNOME. 
  9. Existe algún software libre especificamente escrito para MSWindows 9X, de feito eu traducin un pequeno programa, mais é practicamente anecdótico. Tamén existe software libre que entre outras plataformas corre en MSWindows9X/NT, neste caso a tradución é válida para todas as plataformas. 
  10. Un non pode pensar en realizar a maior parte do traballo nun computador usando freeware e shareware. 
  11. É tecnicamente posíbel traducir calquer programa de MSWindows, sistema operativo incluido, mais na maioria dos casos é ilegal, mesmo para uso próprio, non falemos xa da distribución. 
  12. Como integrante da equipa que traduciu o Communicator (O Xis) podo asegurar que non foi tarefa fácil. E a actualización da versión 4.03 á versión 4.08, a pesar de só incluir uns poucos centos de mensaxes novas, foi realmente traballosa, cumprindo-me realizar parte das tarefas en UNIX. A tradución de programas que seguen as especificacións da GNU é unha tarefa muito máis doada, para a cal precisa-se basicamente un editor de textos, e a actualización é mui sinxela. É máis se o tradutor encarregado dunha língua non fornece a tradución actualizada para unha nova versión dun programa, o programa vai sair igual, con un suporte parcial da dita língua. Neste caso non aparecerán traducidas as novas mensaxes, mais si as que estaban traducidas na versión anterior. 
  13. Unhas cantas ligazóns sobre o asunto: Linux in the Enterprise: Fact vs. FUDPut Linux to work  , Red Hat Makes Linux Better, Beowulf Project, EBIZ Pushes Linux For the Masses , Open source operating system is behind one of the UK's largest online learning projects, Previewing The 2.4 Linux Kernel, JazzNet 
  14. Algunhas comparativas MSWindowsNT vs Linux: Perfomance Test: Linux servers, NT vs. Linux Server Benchmark Graphs , Open Benchmark: Windows NT Server 4.0 and LinuxOn Mindcraft's April 1999 Benchmark, Microsoft Windows NT Server 4.0 versus UNIX, The veredict, All about Linux in corporations, Halloween II.,  Rant Mode Equals One: Linux Reality Versus Microsoft Myth 
  15. Como exemplo de como esas caréncias están a ser solucionadas poden-se salientar duas completas suites de oficina que están a libre disposición dos usuários desde hai pouco, a  KOffice da KDE e a Staroffice da Sun. Neste momentos o KOffice ainda é unha versión beta, mais a velocidade coa que traballan na KDE unha versión estábel non vai tardar muito. A Staroffice é unha suite de oficina bastante compatíbel en canto a formatos coa omnipresente Microsoft Office. Foi criada por unha empresa alemana a Stardivision, que foi logo absorvida pola empresa Sun. Esta empresa distribue a Staroffice como freeware, e prometeu liberar o código fonte. Ainda que a licenza sob a cal a vai liberar non gosta a todos na comunidade de software libre, en todo caso permitiria a tradución. Cumpre salientar que hai versións de Staroffice para vários sistemas operativos: GNU/Linux,  Solaris, OS/2 e MSWindows9X/NT. 
  16. Un feito interesante é que Wine está a ser empregado polas empresas de software para portar os seus produtos a GNU/Linux, xa que facilita muito a tarefa. 
  17. Un bon exemplo de distribución doada de instalar e de administrar é a Corel. Mais outras como a Openlinux,  a Suse , a  RedHat ou a Mandrake non son muito máis complicadas. 
  18. Documento interno da Microsoft que saiu, sen eles querer, a luz pública. Este é outros documentos relacionados poden-se atopar na páxina: The Halloween Documents.  
  19. Empresas de hardware como IBM, Dell, Motorola, Compaq, Hewlett-Packard, Intel, Fujitsu, Bull, Siemens, VA Linux System, Gateway, etc. Empresas de Software como Oracle, Corel, IBM, Borland, Netscape, Lotus, Novell, MathWorks, AOL, Aplixware, Sun, ILOG, Wolfram, Sybase, Metrowerks, National Intruments, Bartels, PlugSys, TeamWave, CForge, etc. 
  20. O uso de formatos proprietários (ex. Word97) obriga aos cidadans a mercar os mesmos programas que usa a administración, cousa pouco ética. Os formatos estandares (RTF, HTML, XML, ...) son abertos e portanto suportados sen problemas por calquer programa, libre ou comercial. 
  21. Muitas veces emprega-se o termo "pirata" para referir-se ao software copiado ilegalmente violando o copyright. Porén resulta evidente a desproporción, como consecuéncia da cópia dun programa non hai violéncia, mortos, mutilacións, violacións... como si adoita haber nos actos de pirataria. 




Copyright © Ramón Flores  
Permite-se a reprodución literal deste artigo sempre que se cite a fonte. (Autor e esta páxina).

 

Escríbelle ao autor deste artigo
O que os lectores opinaron sobre este artigo:    
¿Que che pareceu a ti? (1=horrible, 10=xenial)
10    Enviar voto
Outros en galego-português      o      Outros sobre computadores      o      Outros artigos de Ramón Flores