SYNAPSIS
Artigo nº:194
Título:Fukuyama "acata" de novo
Autor:Antonio Puente
Data de creación:Junho-1999
Data de publicación:4-Setembro-1999
Anteriormente publicado en:?

A fin da historia dez anos despois

Co motivo do décimo aniversario da publicación do seu celebérrimo artigo The end of history, Francis Fukuyama recibiu o encargo de reflectir sobre a vixencia daquelas teses súas (coincidentes, daquela, coa caída do muro de Berlín, que para algúns supón, moito máis razoablemente, o the end do século XX) ó fío dos novos acontecementos.

Pensando sobre a fin da historia dez anos despois é o título da súa nova entrega, de difusión mundial --co que, por unha vez, cúmprese empiricamente a mundialización que tanto pregoa--, na que, grosso modo, ratifica a forma das súas teses, sintetizables como dun liberalismo groseiro. A saber: a orde liberal vixente, encarnada polo sistema democrático das sociedades avanzadas, supón a consumación da historia (palabra que Fukuyama, como bo pensador protoposmoderno, escribe sempre con minúscula); algo que vén demostrado pola ausencia de alternativas viables, toda vez que aquel supón a terminal da viaxe que parou definitivamente os motores da dialéctica hegeliana e marxista. A orde liberal das actuais democracias occidentais é o non plus ultra da historia, e calquera signo que o cuestione (crise económica de Asia, estancamento ruso, crise de Kósovo... e o que veña, pero para ser fiel ós seus parágrafos do decenio) non son senón puntuais desvíos, demoras ou excepcións que non fan senón confirma-la regra desa consumación histórica, á que non lle cabe máis que ensancharse a través da imparable mundialización tecnolóxica.

A claridade das súas exposicións permite detectar --moito antes que noutros pensadores máis abstrusos ou sofisticados da súa mesma tendencia-- algunhas imposturas.

A máis palpable, tan recorrente hoxe en día, é o que poderiamos denomina-la indistinción á carta entre realidade e representación intelectual da realidade; isto é, para Fukuyama, a orde liberal supón un substrato natural para non precisar de constructos nin de ferrramentas de interpretación ningunha; dun lado está o constructivismo social (que, desde o marxismo á psicanálise, en van busca emendas ou alternativas); e doutro, a orde liberal do mercado, apoiado en verdades evidentes sobre a natureza..., como se este non fose, precisamente o máis concorrido dos constructivismos sociais, a este respecto, véselle xa de todo o plumeiro cando dá en homologar ciencia e tecnoloxía: "...A ciencia pode non ter fin, pois rexe o proceso histórico, e estamos na cúspide dunha nova explosión de innovacións tecnolóxicas". Fukuyama debería saber que un dos trazos que marcan a perplexidade posmoderna é xusto a escisión entre ciencia (representación intelectual) e tecnoloxía (praxes), con tal mala sorte que aquela --que antano rexía efectivamente o proceso histórico-- agora non pode senón situarse á brumosa zaga da tecnoloxía.

Polo demais, hai un xiro copernicano entre a súa decenaria profecía do advenimento dunha posthistoria humana e o seu actual parto dunha nova historia posthumana. ¿Como será posible esa metástase -chamémola así, xa que non cre nos estadíos da dialéctica moderna-, se ó seu ver existe un inquebrantable substrato natural da conducta humana que é a orde liberal? E en última instancia, ¿non cabe inferir na lóxica do seu novo discurso, que o mercado liberal é en definitiva poshumano? Tal vez haberá que esperar outros dez anos para coñecer novos partes ó respecto sobre a loita final deste pensador con simpático nome evocador de mula e consultorio e apelido de pixama para o frío.

O que os lectores opinaron sobre este artigo:    
¿Que che pareceu a ti? (1=horrible, 10=xenial)
10    Enviar voto
Outros en galego-português      o      Outros sobre sociedade e política      o      Outros artigos de diversos autores