A guerra polo control de Internet

por Manuel Casal Lodeiro / Febreiro'99 (edición web)
Artigo publicado en O CORREO GALEGO, no suplemento "Descubrir" (22/06/1998)


Windows 98 sairá ao mercado este verán mentres a próxima batalla entre a Xustiza estadounidense e Microsoft fica aprazada ate setembro.

Índice
  • A GUERRA POLO CONTROL DE INTERNET
  • AS ACUSACIÓNS CONTRA MICROSOFT
  • NETSCAPE TRATA DE CONTRARRESTAR AS MANIOBRAS DE MICROSOFT
  • WINDOWS 98

  • A GUERRA POLO CONTROL DE INTERNET

    Despois de moitos tiras e afrouxas entre Bill Gates e a Xustiza dos EE.UU. o home máis rico do mundo poderá lanzar este mes a nova e controvertida versión do seu popular sistema operacional Windows: Windows98, tamén coñecido como Memphis. O pasado 12 de maio conseguiu Microsoft a súa primeira victoria nesta guerra ao lle dar os tribunais a razón na súa apelación contra a orde de aprazar o lanzamento ao mercado de Windows98: estimaron que o acordo anti-monopolio a que chegaran o goberno dos EE.UU. e Microsoft en 1995 non era aplicable ao novo Windows98. Este acordo establecía que Microsoft non podería obrigar aos fabricantes de computadores que quixesen instalar Windows nos seus equipos a incluír o Internet Explorer, o navegador para Internet da empresa de Redmond (Washington).

    Polo tanto hanse cumprir os anuncios en canto á data de lanzamento oficial do producto. Atrás quedan os coidados que levaron á empresa a gardar silencio oficial durante meses en canto ao momento da saída ao mercado do seu producto (non se quería dar pistas á Xustiza, no fose ser que tivesen tempo de reaccionar e lles paralizasen o choio) para seguir despois unha política de feitos consumados.

    Toda esta historia de tribunais empezou cando, gracias ás primeiras copias de proba (betas) do sistema Windows98, se puido observar a intensa (forzosa poderíase dicir) ligazón existente entre o Internet Explorer e o propio sistema operacional. Isto levou a principiar investigacións acerca do posible uso ilegal por parte de Microsoft da súa posición dominante no mercado dos sistemas operacionais (9 de cada 10 PCs usan un sistema operacional de Microsoft, tendo 150 millóns de computadores concretamente Windows) para amplialo ao eido dos navegadores para Internet, destruíndo desta forma á competencia (a actual e mais a potencial). Xa en decembro do ano pasado anunciouse a cruzada, que dende entón ten inqueda a toda a industria informática, tanto do software como do hardware. Os contendentes son dun lado unha presada de fiscais "estrela" dos diferentes estados norteamericanos, o xuíz Thomas Penfield Jackson con todo o Departamento de Xustiza dos EE.UU. e mais os prexudicados: a empresa Netscape Communications (dominadora ate o de agora do mercado dos navegadores co seu Navigator), Sun Microsystems (aliada de Netscape e que ten a súa propia acusación contra Microsoft por destruír a compatibilidade interplataforma de Java, unha das principais vantaxes desta linguaxe de programación); e diante teñen a omnipotente Microsoft, apoiada por grandes empresas fabricantes como Compaq, Dell, HP e Intel e con axuda do mesmísimo presidente Clinton (como demostrou en maio cando a xuntanza do G8 en Londres).

    Durante os meses que se levan de preparación do proceso téñenselles botado en cara aos paladíns anti-Microsoft importantes erros que abafan a súa imaxe de eficientes defensores da Lei: os fiscais non actuaron precisamente coordinados e o Departamento de Xustiza polas súas actuacións máis parece estar defendendo os intereses de Netscape que verdadeiramente loitar pola igualdade de oportunidades "para todos" (como proba desta parcialidade lémbrase que existen outros navegadores, como Opera, que non se lle teñen pedido a Gates que inclúa como opción con Windows98, cousa que si insisten en facer co Navigator).

    E a principal acusadora de Microsoft tampouco é precisamente unha víctima digna de moita compasión. Netscape gozou ata hai pouco dunha porción moi maioritaria do mercado dos navegadores xa que foron eles quen practicamente os inventaron; en realidade o primeiro foi Mosaic (programa que puxo en marcha o crecemento imparable da Web) creado pola xente que agora dirixe Netscape. E ninguén pode negar que cando tivo esta posición tentou poñer en práctica tácticas coma as que agora bota en cara a Microsoft: contratos leoninos aos provedores de Internet, por exemplo. Paradoxalmente, a súa envidiable posición no mercado foi lograda gracias a que Microsoft permitiu o desenrolo do Navigator para Windows95 (daquela Gates aínda non cría en Internet).

    Sun, a outra gran prexudicada, pensa pola súa banda que Microsoft desvía en proveito propio a tecnoloxía Java (en principio universal) coas especificacións que só funcionan en Windows, o que ven destruír a compatibilidade interplataforma. Precisamente é Sun quen ten a única posibilidade de evitar no último momento que saia W98 pola incompatibilidade do IE co auténtico Java.

    Estas dúas empresas xunto con Oracle organizáronse nun lobby anti-Microsoft chamado "PROCOMP" ("Proxecto para promover a competencia e a innovación na era dixital") que é o que está detrás das denuncias que tiveron a Gates en xaque ata agora.

    Certamente as opinións vertidas durante todo o pre-proceso por cada un dos contendentes non teñen desperdicio, sobre todo as de empresa de Bill Gates. Xa en febreiro, por exemplo, descalificaron a un perito independente da Universidade de Harvard por consideraren que iso implicaría ser xulgados por un individuo e non por un tribunal.

    Nembargantes un dos momentos cruciais foi a comparecencia do propio Gates diante dunha comisión xudicial do Senado dos EE.UU. onde foi duramente interrogado sobre as prácticas da súa empresa. A principal táctica de Gates consistiu en defender a liberdade total do mercado: el considera que a lexislación anti-monopolio dos EE.UU. debe cambiar por ser unha regulación sobre o mercado que impede o desenvolvemento tecnolóxico.

    Opina que o Estado non se debe meter a regular nada no eido informático. Para el o control do Goberno soamente restrinxirá a capacidade de innovación: segundo Microsoft teñen dereito a introducir modificacións no seu sistema operacional que supoñan meirandes beneficios para os seus usuarios. A administración non o nega, pero quere que venda por separado o navegador ou que dea a posibilidade de instalar Windows98 co Navigator de Netscape. Gates, nunha comparación pouco apropiada, afirma que iso é como pedir a CocaCola que nos seus paquetes de seis latas poña 3 de Pepsi. Pensa que o Estado non ten dereito a promover unha determinada idea sobre o deseño de software, que soamente suporá un paso atrás para os usuarios e a industria (e por tanto para o país). Tal é así que Gates axitou nos últimos combates a pantasma apocalíptica (á que se sumaron Clinton e mais os fabricantes) de que os efectos directos do aprazamento no lanzamento do W98 serían negativos para a economía dos EE.UU. O certo é que a industria aumenta claramente as ventas cando Gates saca un novo sistema operacional, (xa pasou co W95) ao teren que ser actualizados unha morea de equipos para se adecuaren aos requisitos do novo software (a eterna roda que fai que os equipos se queden obsoletos porque os deseñadores de software fan programas que cada vez necesitan máis recursos: a industria do software e a do hardware alimentándose mutuamente). Vamos, que se adiaban o Windows98, Wall Street habíase resentir. Así pois parece que do éxito da industria (encabezada por Microsoft) neste pulso que leva dende principios de ano coa xustiza depende a saúde financeira de gran parte dos fabricantes de software e hardware do mundo (especialmente dos EE.UU.). De feito a maioría das empresas apostaran xa por Gates e tiñan a punto as súas estratexias de mercado e as súas previsións de beneficios baseadas en Windows98.

    Os da outra banda tampouco se quedan atrás nas súas alegacións e denuncian que ninguén pode ter a chave da rede informática mundial (segundo palabras do senador Dewine). ¿Queren facer de Internet unha autopista de peaxe? Polo menos ese negro panorama nos pintan os adversarios de Mr. Gates: se Microsoft triunfa nesta guerra, acabouse a competencia na Web. Todo sería controlado por Microsoft, malia teren posto no pasado todo tipo de atrancos ao seu crecemento posto que tiñan a pretensión ata hai relativamente pouco de impulsar a súa propia rede (de pago): a Microsoft Network (MSN). Esta rede foi un fracaso, por unha banda porque coincidiu co medre simultáneo da Internet (1995), e por outra pola baixa calidade intrínseca (en España nin tan sequera chegou nunca a funcionar).

    Unha organización independente máis próxima a nós, FrEE (Fronteiras Electrónicas de España), ve con preocupación estas pretensións de Microsoft que apuntan cara a constitución dun imperio global que poría en serio perigo as bases dunha sociedade da información aberta e competitiva, indo así alén das tese do lobby PROCOMP.

    E por se fose pouco este panorama digno de George Orwell, saen á luz trapos verdadeiramente sucios: segundo revelou o Dpto. de Xustiza dos EE.UU. en documentos internos de Microsoft fálase da conexión entre o IE e W98 como a forma de afundir a Netscape. Había que conseguir impedir que os usuarios instalasen Navigator por riba do IE que puñan eles de fábrica, porque vían que era difícil aumentar a cota de mercado só polos méritos do seu navegador. Así que W98 foi concibido como arma para facer que o IE gañase a batalla dos navegadores, e así a guerra por Internet.

    ¿Apuntarían neste sentido as queixas de Netscape de que o seu navegador non funciona ben en W98? Microsoft négao ata o punto de asegurar que vai máis rápido e con máis estabilidade que en W95, ademais de ser moi fácil de poñer en substitución do IE (por outra parte Gates ten dito que é imposible sacar o IE do Windows98, ¿como se come isto?).

    E por se fose pouca leria os hai que mesmo falan de reunións secretas entre Microsoft e Netscape en maio de 1995 nas que pretendían repartirse o pastel dos navegadores. A cousa non debeu chegar a nada e Netscape decidiu romper e ir pola súa conta. Tamén se saca agora a relucir que no fracaso do sistema OS/2 de IBM, que parecía chamado a quitar boa parte do mercado a Windows, Microsoft tampouco xogou limpo propagando secretamente críticas destructivas en artigos e mensaxes polas redes.

    Pero por moito que lle tiren pasteis á cara, por moito que se lle quede colgado o Windows98 nas presentacións, por moito que os fiscais lle revolvan os papeis parece que Bill Gates non se bota para atrás nin un só paso. Ten detrás, apoiando, unha industria que contribúe con 100.000 millóns de dólares á economía dos EE.UU.

    Así que ¿ata que punto lle poden parar os pes a Bill Gates agora que xa é inevitable o lanzamento ao mercado de Windows98 con IE incluído? Aínda que durante o verán sega parte do mecanismo xudicial e o proceso se abra o 8 de setembro parece que ata finais de ano non haberá resolución en firme aos diferentes recursos previsibles (o cal xa é unha victoria para Microsoft), e se nos guiamos polo que pasou no caso semellante de IBM (13 anos de proceso e ao final para nada porque cambiara radicalmente o mercado para entón) Gates ha triunfar na súa política de feitos consumados. E no peor caso para el, soamente tería que separar as súas actividades en sub-empresas, como sucedeu no caso de AT&T, a compañía de comunicacións.

    Microsoft pensa que a industria non debe quedar a expensas dos gobernos, nunha descarada actitude que pretende primar o mercado sobre a Lei e por tanto sobre a Democracia. Ademais pretende perverter a tradición de estándares abertos de Internet (soamente se podería usar o seu navegador, soamente se podería programar co seu Java...) Pero ¿como se podería solucionar este conflicto de forma xusta para todos? Hai quen apunta a seguir a filosofía de UNIX: deixar o núcleo do sistema operacional Windows como dominio público e limitar a comercialización a todo o demais (que xa é de abondo).

    Na Unión Europea (como en Xapón) estase investigando tamén a actuación de Microsoft no asunto dos navegadores, pero Gates non parece tan preocupado polas posibles actuacións fóra do seu país. De feito teremos xa o Windows98 en castelán nas tendas o 23 de Xullo.

    voltar ao índice


    AS ACUSACIÓNS CONTRA MICROSOFT

    Pero ¿en que consisten as acusacións que lle fai a Xustiza a Microsoft e en que están baseadas? Por unha parte quéreselle aplicar unha lexislación anti-monopolio (anti-trust) que ten orixe a principios de século cando potentados do petróleo e o aceiro como Rockefeller e Carnagie tentaban abusar da súa posición predominante nos seus respectivos mercados para afogar á competencia. Daquela xurdiron leis coma a Lei Sherman e a Lei Clayton que configuran a base xurídica da lexislación vixente hoxe en día nos Estados Unidos en materia de monopolios e que levaron ás accións do Dpto. de Xustiza dos EE.UU. contra Microsoft. Por outra banda acusaban a Microsoft de faltar ao pacto que en 1995 prohibiu a inclusión forzosa do Internet Explorer co sistema Windows nos computadores novos.

    E ¿cal son en concreto as pretendidas tácticas ilegais que incumpren a lei anti-monopolio? Vexamos algúns exemplos. En marzo investigáronse os provedores de acceso a Internet xa que parecían estar privilexiando o uso do I.E. sobre o N.N. Tamén parece que Microsoft pon fortes restriccións á publicidade que os seus socios tecnolóxicos poden contratar a Netscape (a mellor plataforma publicitaria en Internet en canto que ten o web máis visitado) e de ameazar aos fabricantes con represalias no caso de instalar W98 co Netscape Navigator.

    De todas formas aparte da comunidade internética, onde toda a liorta ten xerado un debate e expectación coma nunca se viron antes, esta é unha historia difícil de comprender para o gran público, que aínda que pode ver claramente cando unha empresa trata de impoñer un monopolio sobre algunha materia física (o aceiro o combustible), no caso tan abstracto do software non acaban de comprender ben as acusacións que son a base de toda esta leria nin a magnitude do que está en xogo: un mercado de 60 millóns de usuarios que crece a un ritmo vertixinoso. En España, coma en algúns outros países, a partida ten un marcador diferente: soamente o 31% dos internautas empregar o Netscape Navigator, tendo Microsoft o dominio do mercado con 68% de usuarios que entran en Internet con Internet Explorer (segundo datos de Microsoft Ibérica).

    voltar ao índice


    NETSCAPE TRATA DE CONTRARRESTAR AS MANIOBRAS DE MICROSOFT

    A estratexia de Netscape para defenderse da perda de mercado consiste en inverter a súa filosofía orixinal: se ben o primeiro Navigator (1994) foi case gratis, a versión 2.0 era xa de pago. Microsoft regalaba o seu así que non era de estrañar que no último ano Microsoft duplicara a súa presencia neste mercado pasando do 20% ao 40% a finais de 1997. Perante esta forza, Netscape decidiuse a pasar ao outro extremo: non só daría gratis o navegador senón que facilitaría ata o código fonte (seguindo a clásica filosofía de Linux). Así en abril facilitou o código do navegador e o creador de HTML do Communicator 5, e do programa de correo electrónico en maio. Pero a estratexia estalles tardando en dar os seus froitos e de momento Netscape ve cómo aumentan as perdas (a empresa valía en abril 88 millóns de dólares menos que a principios de ano) e ten que botar traballadores fóra. '¿Por que a nosa competencia non se adica aos consumidores en troques de usar os tribunais para loitar contra nós?' queixábase Gates. Pois parece que en Netscape van usar ambas as dúas armas.

    O negocio da empresa dirixida por Jim Barksdale ficará así centrado en dúas liñas de negocio: por unha banda o software e servicios para empresas (Internet, Intranet, servidores de web) que lle supuxo a Netscape uns 100 millóns de dólares no primeiro trimestre do 98; e por

    outra o Netcenter (o seu web) con 100 webs espello e 24 millóns de visitas por mes, e no que aproveita alianzas con Yahoo, Lycos, Infoseek, Excite e importantes periódicos estadounidenses.

    voltar ao índice


    WINDOWS 98

    Na base desta liorta está o sistema operacional Windows98, a punto de chegar ás casas de millóns de consumidores dentro dos seus novos PCs. Aínda que podería parecer que semellante barullada tiña que vir por un gran avance nos conceptos informáticos, realmente o novo sistema non é un salto comparable ao que foi o paso do Windows 3.11 ao Windows 95. O Windows 98, último sistema baseado en DOS antes da futura implantación do Windows NT (que ha ser a base dos primeiros computadores persoais do século XXI) ten fama de non ser máis ca un "refritido" do Windows 95 ao que se engadiron de fábrica as ferramentas que viñan sendo máis usadas neste sistema, e que aínda por riba vai servir para nos colocar publicidade de terceiras empresas. De calquera forma as novas características máis salientables son:

    • Execución máis rápida
    • Corrección dos erros do Windows95
    • Mellor interfaz, máis intuitiva e fácil: agora o escritorio é coma unha páxina de web gracias ao Active Desktop, xa incorporado mediante Internet Explorer a Windows95
    • Optimización para Internet (permitindo actualizar software a través da rede), para DVD, para recibir TV e radio, etc.
    • Sistema USB que permite conectar periféricos sen ter que reiniciar para os poder usar.

    Parece que o éxito do novo sistema operacional está sendo posto en dúbida por algúns analistas. Segundo International Data Corp. Windows98 hase vender durante o seu primeiro ano menos que o W95 e ata dentro de 2 anos e medio non o substituirá de todo. Parece que os poucos dólares que pensan inverter en publicitar o lanzamento e a opinión bastante estendida de que non merece a pena o paso intermedio do W98 antes do Windows NT, veñen corroborar esas opinións.

    Nembargantes outros datos apuntan a que o 91% dos que probaron as versións beta do sistema pensan actualizar á versión definitiva cando saia ao mercado.

    voltar ao índice


    NOTA: Neste artigo non están reflectidas as correccións lingüísticas feitas polo periódico sobre o orixinal para a súa edición en papel.


    Synapsis Home Page Mais artigos de ciência de computadores Mais artigos em galego-português