![]() P edimos que a nosa terra sexa nosa. Porque somos fillos dela. Porque ninguén mais pode gobernala. Porque ninguén mais pode cumprir a súa misión histórica. Porque levamos o seu nome polo mundo adiante. Porque queremos cumprir a postrimeira manda dos nosos irmáns: os que deron a vida pola liberdade."
O noso instinto xeneroso é incompatible co chovinismo; pero ninguén pode afanar os noso anceios patrióticos, que se afincan, simplesmentes, no amor á Terra-Nai, sempre compatible co desexo de reconstrucción racional do Estado hespañol e coas arelas de redención humán. Para nós a patria non é esa idea abstracta que defenden os imperialistas. Para nós a patria é un sentimento natural, inspirado en realidades sensibles aos cinco sentidos. A patria é a Terra. A Terra que nos dou o ser e que nos recollerá na morte como semente de novas criaturas. A terra, que cría frores nos campos para regalía dos ollos e albres para que canten os paxaros; onde atopamos sombra fresca no vran e quentura garimosa no inverno; onde sufrimos a inquedanza das sementeiras e gozamos a ledicia das colleitas; onde o vendaval brúa polas ponlas dos carballos e funga nas cordas dos barcos; onde canta o vento nos piñeiraes; onde esboufan as ondas do mar nos cons da ribeira e runxen nos areaes; onde por primeira vez ollamos a choiva, a brétema, o sol, o luar, o arco da vella e a noite estrelecida."
G aliza deixará de loitar pola liberdade cando a conquira."--Citas tomadas de "SEMPRE EN GALIZA", por Castelao. Escrito no desterro: Badajoz, 1935; Valencia, Barcelona, 1937; Océano Atlántico, 1940; Bos Aires, 1943.
|