Manu Chao fala da Feira das Mentiras


por X.M.Pereiro / San Xoán'98


(entrevista publicada na revista Bravú)
-¿Conteiche a historia das vacas?
- Si, pero estabamos de copas
-Todo isto comezou porque me topei cunha vaca en Rio de Janeiro, despois con outra en Belo Horizonte e logo con outra cando volvín a Madrid e aínda con outra máis en Barcelona, que me dixo que non volvera a París, que me quedara. E foi daquela cando comecei a falar con Marta: imos a Galicia, a ver que se pode facer alí...
...Agora encántame que a Feira das Mentiras se faga nunha feira de gando.


Hai un rebumbio do demo. Xuntanzas miles, millóns de chamadas, unha chea de idas e vidas do Auditorio a Salgueiriños e de Salgueiriños ó Auditorio, pasando por unha tenda onde mercar un bombo, dacabalo dun coche con matrícula navarra, (ou mellor dito, sen ela, que se foi co parachoques, outra semente deixada en Compostela)
-A montaxe da Feira acórdame a do tren de Colombia, unha chea de momentos nos que dis "isto nunca sairá adiante" e logo, "­xa está resolto todo!" para levar outro pao ó día seguinte. Empezas por soñar unha montaña e acabas parindo algo máis humano. Soñar é doado, realizar é outra cousa. Pero si realizas o 10% dos soños, xa é unha victoria. Tamén se parece en que sentes os mesmos comentarios cando entras nunha oficina: "¿e estes quen serán?"
- Ás veces debeu ser difícil explicalo...
-O que máis me sorprendeu foi que unha historia de vacas e de cousas moi persoais e moi propias dun grupiño de xente fose capaz de ir sumando xente, de que cada vez que contaba a cousa, a primeira reacción fose "eu vou", ou mais ben, "non entendo nada do que me contas, pero apúntome". Mesmo cando me facían entrevistas, aínda non rematara a sesión e xa notaba que o tipo estaba pensando "¿que fago eu no mes de xullo?". E o bonito é iso.
-Digo nas institucións...
-Ata hai pouco non sabiamos o que poderiamos facer a nivel de presuposto, sempre pensamos nisto dun xeito moi onírico, un pouco contando mentiras, e funcionou ben. O que me doe é moita desa xente que non entendera nada pero quería vir de todas partes do mundo e non puido ser por problemas técnicos ou de cartos.
-¿Que tipo de público coidas que vai vir?
-Tratamos de montar algo para atraer a todo tipo de públicos diferentes. Eu supoño que haberá moita xente nova, rapaces metidos nos ambientes da música, pero tamén tentamos facer cousas o máis populares posibles para que veñan as familias.
-Algo parecido ós eventos que xa organizou Caravanne des Quartiers por Francia e por outras partes do mundo.
-Son cousas diferentes. A xente dos barrios de Francia necesita coñecer que pasa aquí. A realidade dos que viven alí nun barrio de 20.000 pisos en bloques todos iguais é que ás 8 da tarde está todo pechado, cada un ve a televisión na propia casa e a partir das 9 só se ven os coches patrulla da policía. O meu soño cando descubrín realmente Galicia e as festas de aquí foi que as coñeceran a xente de Caravanne. Nunca vira nada igual. Eu coñecías de pequeniño, pero xa nin as acordaba.
A acollida que teremos aquí é moi diferente da que podemos ter en certos barrios de Francia, onde o primeiro contacto é de tensión moi dura. Cando chegas a un barrio alleo ó teu, os macarras mándante tomar polo cu. É unha tensión de dous a tres días ata que as nais baixan á festa, e daquela, ata os ionquis que se che estaban enfrontando se poñen de servicio de orde. Aquí non vai pasar iso. Aquí sinto menos esa presión, quizais tamén porque non vivo tódolos días, hai outro tipo de urxencias, a de que hai que facer algo, o que sexa... iso é unha responsabilidade grande á hora de organizar algo, a de darlles ese momento de poder facer. Ademais destas historias sempre xurdiron cousas que teñen logo vida propia.
- Xa houbo un encontro previo de Caravanne con Galicia, en Lyon.
-O encontro de Lyon entre a xente de Caravanne des Quartiers e o que chamamos Galicia Tropical foi o 200 por cento do que eu pensaba, foi una conexión total, sen round de observación. Josefa de Bastabales, unha muller que nunca viaxara máis alá de León, e de pronto sube a un escenario grande diante dun público de todo tipo de xente e de orixes... e os da cociña, onde máis se oía falar dos galegos era entre os cociñeiros, que son os que mellor coñecen de que vai todo... Aquel foi un bo primeiro encontro para este ensaio xeral.
-¿Ensaio xeral de que?
-Eu considero que este encontro que organizamos en Compostela, non é máis ca un ensaio xeral que dará a dinámica para preparar aínda mellor os encontros seguintes previstos. Non é tan importante o programa de festas da Feira das Mentiras, como a propia creación espontánea de toda caste de xente de boa vontade, dispostos a meterse nos nosos proxectos, a seguir desenvolvendo e inventado a Feira no futuro. Máis ca un proxecto, é unha aventura. E necesitamos á xente porque ten que ser unha aventura da xente.
-¿Na casa de discos non che dan caña porque te dediques a argallar historias de vacas e non a promocionar o disco?
-A española entendeuno e apoiou o proxecto desde o comezo, fixo a promoción tanto de Clandestino coma de Feira. En Francia si se están preguntando que ando a facer realmente eu aquí en Galicia, porque por aí adiante hai moito curro que facer, pero respéctano. Xa pasou antes, co tren de Colombia, ou coa travesía en mercante, sempre me falan de suicidio comercial, pero desta vez deixáronme algo máis tranquilo.

ir ao documento da FEIRA DAS MENTIRAS

Synapsis Home Page Mais artigos sobre Música Mais artigos em galego-português