9.6.- Como se comunica a información de xestión no TMN (figura 8)

TMN segue o conceito convencional de xestor/axente para o intercámbio de mensaxes entre funcións: o xerente envia mensaxes de administración e recebe notificacións, e o axente administra os obxectos xestionados, recebe mensaxes do xestor, e emite notificacións para o xestor.

No exemplo da figura 8, os xestores e axentes que há entre os sistemas A, B e C son parte da rede de xestión de telecomunicacións TMN. As operacións entre xerente e axente do sistema B non son parte do TMN. O que é mais, os recursos reais non son parte do TMN, pero as suas visualizacións, a través do modelo de información, si que o son. O sistema A administra o sistema B mediante a referenciación do modelo de información de B, e analogamente B xestiona a C.

 Figura 8: Interacción entre funcións TMN (cascada de sistemas)

A situación na que unha entidade xestiona outra entidade, e esta segunda xestiona a outra terceira entidade chama-se cascada de sistemas. Polo tanto, como no exemplo da figura 8 queda patente, un sistema pode ser á vez xerente e axente.

TMN usa princípios de orientación a obxectos e interfaces estándar para definir a comunicación entre os blocos funcionais que há na rede. Dado que o TMN se basea no marco de xestión OSI, as funcións de xestión son executadas por operacións que se basean nos servizos do elemento de servizo de información de xestión común (CMISE). A información que se xestiona recebe o nome de base de información de xestión (management information base, MIB).

Os procesos que administran información chaman-se entidades. Unha entidade de xestión pode tomar un papel de entre dous: xestor (ou "xerente") ou axente. Os procesos axente e xestor envian e reciben demandas e notificacións usando o protocolo de información de xestión común (common management information protocol, CMIP).

Os blocos funcionais TMN poden actuar no papel de xestor e/ou axente. Os conceitos de xestor/axente son os mesmos que se usan para a xestión en CMIP e en OSI. Isto é: un proceso xestor envia directivas e recebe notificacións, e un axente proceso cumpre as directivas que lle chegan e emite notificacións, como xa comentábamos antes.

Dados dous obxectos de determinado nível protocolário, a un terceiro obxecto o primeiro podeo ver como xerente entanto que o segundo pode ve-lo como un axente.

A función de elemento de rede (F.E.R.) só pode actuar no papel de axente. O bloco funcional de estación de traballo (F.E.T.) traduce entre TMN e a interface do usuário e non é unha entidade de xestión: non actua nen como xestor nen como axente.


Anterior documento de T.M.N. Índice de T.M.N. Seguinte documento de T.M.N.


Synapsis Home Page Mais artigos de ciência de computadores Mais artigos em galego-português