Con certa acritude, di Will Eisner, un dos mais talentosos
narradores do século XX e cidadán estadounidense para
mais señas, que os seus compatriotas cren en solucións
sinxelas a problemas complicados. Se o crime é un problema -e
ben complicado-, a pena de morte pode ser sinxela, mas non é
solución. Daquela, a que fin serve, especialmente nunha
sociedade supostamente avanzada como a estadounidense? Segundo o
informe sobre os direitos humanos de Amnistia
Internacional correspondente ao ano 1997, a pena de morte segue a
ser usada de cote nos EEUU, onde 45 persoas foron executadas entanto
mais de 3.150 se achan baixo a senténcia capital. Ao mesmo
tempo, enquisas publicadas recentemente indican a tendéncia no
crescimento do apoio do povo americano a tan aberrante
impartición de xustiza. É en EEUU, autoproclamado
campión das liberdades e dos direitos civís, onde a
brutalidade e hipocresia desta medida se fan mais evidentes, unha
nación na que a lexislación ampara mesmo a
execución de menores de idade e de persoas con retrasos
mentais.
A pena de morte non prevén o crime. A American
Civil Liberties Union informa de que os estados que a usan non
teñen en absoluto índices de criminalidade inferiores
aos que non a imparten. Estudos sociolóxicos teñen
probado repetidamente a nula influéncia da pena capital na
erradicación do crime.
A ACLU denúncia ademais que a pena de morte é en
EEUU unha medida racista, que castiga sen piedade os delitos de
pobreza, en xeral --a prática totalidade dos milleiros de
persoas condenados a morte son pobres-- e de pertenza a unha minoria
étnica, en particular. A povoación negra fai o 12
porcento do total dos EEUU, e sen embargo dos 3.859 executados desde
1930, o 50 porcento son negros. As outras minorias (nativos
americanos, hispanos e asiáticos) tamén son
víctimas desta desproporción racista.
A pena de morte mata inocentes. Un estudo publicado no Stanford
Law Review documenta 350 casos ocorridos no século XX nos que
se demostrou que o acusado non tiña cometido o crime polo que
foi condenado á morte. Deles, 25 foron executados e os outros
pasaron décadas en prisión.
Que hai dos culpábeis? Cando unha sociedade renúncia
á execución de brutais asasinos, non o fai tanto polo
ben deles, como polo benefício próprio, pola humanidade
dos que apoian e dos que imparten a xustiza. Este é o ponto
fundamental do debate. Que clase de sociedade se pode construir
senón, baseada no uso do asasinato como método
regulador?
Unha sociedade miope e cretina na que ao dia seguinte a que dous
nenos cometan unha masacre no pátio do seu coléxio, non
se debate a restricción do aceso dos menores ás armas
de fogo, senón se estes deben ser xulgados como maiores de
idade cando cometen un homicídio.
Kike Benlloch é redactor chefe da revista electrónica
|