SITUACIÓN DO GALEGO NA FACULDADE DE INFORMÁTICA DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA
por Alberto Remuiñán Garaboa / Maio'98


INTRODUCCIÓN

  A informática está presente na maior parte dos campos do mundo actual, cada vez esta presenza é maior polo que é interesante expor un pequeno informe referente ao uso da língua galega neste eido, facendo referéncia ao lugar onde se forman os futuros informáticos de carácter universitário na Galiza como é a FACULDADE DE INFORMÁTICA da UDC.

  A situación do galego na Faculdade de Informática considero-a a grandes rasgos como a situación do galego na actualidade na Galiza que é de unha total desprotección da língua galega respeito á outra língua cooficial. Como é sabido a Universidade da Coruña ten estabelecido nos seus estatutos o de ter como língua oficial o galego e o compromiso de normalizar o seu uso entre a comunidade universitária polo tanto a Faculdade de Informática como membro teria que cumprir iso mas ao igual que pasa na maioria de faculdades que conforman a UDC non se cumpre.

  Para falar de unha língua (neste caso o galego) nun colectivo tan grande como é a faculdade na que estudo haberá que observá-lo desde cada un dos tres sectores que compoñen a faculdade. Tamén se adicará un ponto que se poderia denominar de apéndices no que se tratan aspectos que inflúen no uso do galego de unha maneira particular nesta faculdade e que non afectan soamente a un único sector. Falaremos do principal colectivo que loita pola normalización do galego no eido da informática e que tivo a sua orixe nesta faculdade, a Plataforma polo Galego na Informática. Tamén se falará entre outras cousas de diversos actos desta faculdade como son os ciclos de conferéncias.

 


SECTOR DE PROFESORADO

  No sector do profesorado ten-se que facer unha distición entre a parte que poderíamos denominar de investigación e a de docencia.

 


INVESTIGACIÓN

  Na denominada parte de investigación referirei-me á parte da que mellor me puden informar que ademáis é a mais importante ao meu parecer xa que trata o tema referente ás autoestradas informáticas ou da InterNet. A información que se atopa na InterNet atopa-se nos denominados servidores WWW, estes servidores conteñen todos os documentos que mediante gráficos, son, texto ou mesmo vídeo se poden ver na InterNet. Na faculdade de Informática existen dous departamentos con servidores ou armacenadores da información que son o de Electrónica e Sistemas e o departamento de Computación que apresentan duas situacións diferentes no caso da sua actuación con respeito ao uso da língua. Asi o Departamento de Electrónica e Sistemas apresenta a sua información en galego, inglés e español sen embargo o de Computación só apresenta a sua información en língua inglesa. No favor deste departamento dicer que dentro del existen laboratórios de investigación con servidores próprios que fan uso do galego.

  


DOCÉNCIA

  Con docéncia referiremo-nos a todo o tocante á parte adicada á fomación dos futuros informaticos do país que receben praticamente na sua totalidade as clases na denominada língua cervantina. Neste apartado cabe salientar pequenas excepcións asi como aspectos pontuais como son o de facer os seus apontamentos e exames en galego. Cabe salientar que un dos fundadores da PLATAFORMA POLO GALEGO NA INFORMÁTICA é o profesor Xoan Pardo Martínez e que até o ano académico 1997/98 todas as iniciativas de organizar as clases en galego por parte de distintos profesores tiveron como resposta unha negativa, sen embargo, este ano está-se a impartir como mínimo unha matéria en galego (trata-se de Redes da que un dos responsábeis é o escritor Xabier Alcalá Navarro). Nomeo esta matéria por mor de que nunha das clases nas que se imparte esa matéria non se pode dar en galego, pois existe un único estudante que non entende ben o galego. Sen embargo, e nun caso hipotético se un profesor dese as clases en español e existise un estudante con dificultades para a comprensión desta língua pois teria-se que aguantar pondo-se de manifesto o de que a língua oficial na faculdade e a língua a utilizar son distintas.


APÉNDICES

 


ACTIVIDADES

  Nas distintas actividades que de un xeito ´extraordinário´ se realizan na faculdade citaremos as mais importantes:

  • Ciclos de conferéncias.

  • Xuntas de faculdade.

  • Consellos de departamentos e comisións.

  •   No aspecto que se refire ás conferéncias que se celebran nesta faculdade, dicer que a maioria son levadas por persoas de fóra da Galiza, aínda que as que os seus conferenciantes son de Galiza tamén son dadas en español. Como aspecto negativo engadido citar que mesmo algún dos cartaces que anunciaban ditas conferéncias non estaban escritos en galego e mesmo algún non respeitaba o topónimo de A Coruña.

      No referente ás reunións da faculdade soen realizar-se en español (existen as típicas excepcións dos galego-falantes), mais os secretarios soen escreber os acordos e incidéncias das reunións (xuntas, consellos ...) en galego.

     


    A PLATAFORMA POLO GALEGO NA INFORMÁTICA

      A Plataforma polo Galego na Informática é, sen lugar a dúbidas, o colectivo que mais fai pola normalización do galego na Faculdade de Informática. Entre as suas actividades resalta a publicación de unha revista aperiódica na que se detalla o nome de termos utilizados habitualmente no eido da informática e que son usados en inglés ou español. Tamén apresentaron campañas en favor da comercialización do WINDOWS´98 similar á que se apresentara co gallo do famoso WINDOWS’95 na que a Xunta se negara a pagar 40 millóns para traducí-lo e que impediu que os computadores da Galiza pudesen ter o seu sistema operativo en galego.

     


    PROGRAMAS

      Este é quizás un ponto importante dentro do proceso normalizador do galego. Referiremo-nos aos programas que mais usualmente son utilizados por alunos e profesores para desenvolver as suas clases de práticas (as titulacións que se cursan nesta faculdade teñen asignados case un 50% dos seus créditos en horas adicadas a práticas que xunto coa teoria forman cada unha das matérias. Dicer que os distintos programas atopan-se únicamente en español e en inglés e que o galego é inexistente. Sabendo que as titulacións que se cursan teñen asignados case un 50% dos seus créditos en horas adicadas a práticas este é un tema mui importante. Opino que ás empresas que venden as licéncias non lles importaría traducir o programa a unha língua sempre e cando exista unha suficiente demanda como é no caso da Faculdade de Informática.


    SECTOR DE EMPREGADOS DA ADMINISTRACIÓN E DE SERVIZOS

      Este é un sector con unha importancia menor en canto a número de indivíduos que conforman este sector respeito dos outros dous, pero que se caracterizan por ser o sector que utilizan maioritariamente o idioma galego nas suas relacións co resto das persoas que integran a faculdade, destacando fundamentalmente o servizo de biblioteca e a conserxaria. No aspecto negativo cabe destacar o servizo de repografía que se caracteriza por usar únicamente do español e pasar olímpicamente do galego. Nunha situación intermédia atopa-se a administración na que nos atopamos nunha situación dun uso de igualdade, mais ou menos, entre as persoas pertencentes a este colectivo.

     


    SECTOR DE ALUNOS

      Debido a que na Faculdade de Informática é a única na que existen as titulacións de Enxeñaria Técnica en Informática de Sistemas e a Enxeñaría Superior, de cinco cursos, podemos atopar aqui xente de toda Galiza.

      O sector de alunos conforma a situación do galego na Galiza dentro da xuventude pero tendo en conta algúns matices. Algúns dos matices a ter en conta poden ser, por exemplo, o nivel sócio-económico das persoas que estudan nesta faculdade, sendo esta nunha proporción bastante elevada de clase média-alta debido a diversos factores nos que non entrarei xa que se saen do ámbito deste documento. O ponto anterior está vencellado ao seguinte que se menciona que é o das afinidades políticas (é sabido que na sociedade galega, e principalmente en sectores de maior nível económico o galego parece supor unha espécie de ´desprestíxio´. Este sentimento dá-se tamén nalgún partido político que soe ser ao que votan as persoas que pertencen a esa clase social segundo se pode observar das enquisas que realizan os xornais en periodos electorais). Outro ponto que é importante de salientar é o de lugar de procedéncia dos estudantes, entendendo neste caso o lugar de procedéncia se se ven do meio urbano ou meio rural. Neste caso produce-se o que é de prever como é o uso maioritario do español nos estudantes que veñen dun meio urbano e do uso do galego no caso anterior. Cabe destacar a labor dos representantes de alunos mediante o uso do galego na maior parte dos comunicados e dos cartaces que realizan.

      Para rematar con este sector apresentará-se un dado que resume a situación do galego neste sector e que se referirá aos proxectos apresentados en galego que no ano 1995 viñan dados da seguinte maneira:

      Encanto aos Proxectos fin de Diplomatura apresentaran-se 3 en língua galega de un total de 207, no tocante aos proxectos de fin de Licenciatura foron a asombrosa cifra de cero proxectos en galego de un total de 21 apresentados.

      Con todo o anterior deducimos que non se apresenta un futuro esperanzador para o galego xa que este sector será o dos futuros informáticos que non usarán o galego nun dos eidos que farán que un país sexa vangarda e poda progresar.


    Synapsis Home Page Mais artigos sobre Sociedade e Política Mais artigos em galego-português