¿Que di a xente...? ¡Def Con Dos!

Def Con Dos + Narco
La Riviera
31.01.97

Abandeirados e ideólogos da independencia e a rebeldía, Def Con Dos representan de forma moi explícita parte do auténtico espírito do rock, intrínsecamente transgresor. Rebeldía, esta vez si, con causa; a realidade cotiá os alimenta e turran contra ela desde tódalas perspectivas posibles: con claridade ou con ironía; con seriedade ou con cachondeo; pero sempre co mal leite de quen cre o que di, de quen está convencido de que HAI que dicilo.

Maioría de xente nova entre os que enchiamos La Riviera, ¿quizáis os menos novos cansáronse de protestar?; ¿quizáis no ven en Def Con Dos ó voceiro adecuado...? Ambientazo, en calquera caso, para o que foi a presentación en Madrid de Ultramemia, significativo título do seu xa sexto asalto.

Alí chegaron Def Con Dos con toda a súa parafernalia, os seus emblemas e o seus slogans. E, aínda que sexa esto o que máis chama a atención, convén non esquecer que, por riba de todo, Def Con Dos conta con grandes músicos. E non, Def Con Dos non é ningunha broma. Xogan en todo momento coa realidade máis crúa. Todo para demostrarnos con cánta frecuencia esta realidade supera realmente á ficción máis aparentemente ridícula. Así de podre vos está o mundo.

O tempo dará e quitará razóns, pero ós que atopamos en Def Con Dos ós voceiros de moitas das nosas reivindicacións gústanos pensar que realmente son o que parecen. De momento, un paso máis na súa conquista do mundo é a creación dun selo propio desde onde daren saída, e pulo, a aquelas bandas que lles interesen. Así debería ser sempre, ¿verdad?. Pois xa témo-los primeiros froitos, personificados na banda que abriu o concerto, Narco. En directo, tan incendiarios coma os propios Def Con Dos, musicalmente máis radicais incluso, anque aínda lles falten táboas e, quizáis, unha pinga de orixinalidade que lles evite odiosas comparacións.

Def Con Dos sorprendéronme a primeira vez que os vin. Sei que esta vez non vai ser así, agora sei o que podo esperar; todo é máis predecible, pero non por eso menos benvido. Certo que o seu show é bastante liñal, produce a mesma sensación durante a hora e media. Maioría de temas de Ultramemia e Alzheimer mailos seus esperados éxitos cinematográficos e algunha que outra proclama de asaltos anteriores. Dá igual, sabémolas todas. Encol do escenario, unha media de vinte persoas, entre músicos que tocan, outros que cantan-proclaman, un colectivo itinerante de figuras que saltan e algún que outro roadie que, tras expulsar a un par ou tres dos anteriores, se une ó resto celebrando algún estribillo memorable.

Festa Def. ¿Ou teránlle posto algún nome específico xa...?

Iñaki Díaz de Etura

Televisión: o opio do pobo

Criticar á televisión... puxéronnolo fácil, ¿verdade?. Parece incríble o grao de degradación que pode chegar a alcanzar a programación das canles deste país e, aínda así, continúan sorprendéndonos con porcarís cada vez máis infumables, en cantidade e calidade. A solución, a que veño aplicando desde h ai tempo: a abstinencia (televisiva, enténdese). Funciona. É realmente gratificante sentirse fóra dese mundo tan podre, sentirme dono dese anaco da miña vida que antes me era roubado con demasiada, e cada vez maior, frecuencia. Romper có inmovilismo que te suxeita diante do fodido aparato. Sínteste ben, pero... non é dabondo.

E non é dabondo porque, como con tantas outras cousas nesta vida, o pernicioso non é o medio en por si, senón o uso que se fai del. E porque nas nosas máns está cambiar esa situación.

A televisión, por si mesma, é un elemento positivo; máis aínda, apaixoante, por tódalas inmensas posibiliidades que ofrece como medio divulgativo en tódolos sentidos. Precisamente por eso resulta especialmente doroso ver en qué se convirtiu; en qué a convertiron.

A chegada das canles privadas supuxo un hito. Supoño que ninguén minimamente informado esperaría que aportaran calidade; non hai que esquecer que as canles de televisión privadas son empresas e, como tale s, o seu único obxectivo é ganar cartos. O resto dos aspectos son totalmente secundarios. Un plantexamento así pode funcionar en certos campos, pero non noutros, e non na difusión televisiva, como a triste realidade se encarga de demostrarnos cada día. Agora ben, si era de esperar que, ante la presencia de ditas canles privadas, a televisión pública evoluíra cara a unha proposta alternativa a aquelas, cubrindo os ocos que quedan, que son moitos. E aí é onde xorde a miña gran decepción. Lonxe desto, a televisión pública entrou na mesma carreira cas emisoras privadas, ata o punto de que se convertiu practicamente, no que a programación se refire, nunha máis.

O obxectivo das cadeas públicas de TV, ó contrario có das privadas, NON é ganar cartos, senón ofrecer un servizo á sociedade, contribuír á difusión da cultura, información, etc., respondendo á demanda que delas fai a comunidade (ou, polo menos, parte dela). Todo esto, eso si, coidando a xestión para que o custo resulte razoable e asumible para os contribuíntes. Pero sen esquecer que os resultados económicos, por si sós, non xustifican a existencia dunha emisora pública de TV.

Ben, esto é algo que todo o mundo sabe, pero que, a tenor da situación actual das nosas canles públicas, moita xente parece ter pasado por alto. Podo aceptar incluso unha proposta de televisión pública cunha canle xeralista (eufemismo éste que ven significar "programación lixo") que contribúa ó sostemento económico do invento, se eso redunda noutra canle cunha programación realmente alternativa e de calidade... pero nada máis lonxe da realidade. O pouco que de alternativo nos queda pulula por aí a horas imposibles para o seu público potencial, condenado ó ostracismo, mentres a merda cubre de gloria o prime time.

Un dos casos máis sangrantes é a total ausencia, desde hai xa bastante tempo, de programas musicais adicados á música do noso tempo (rock, pop, folk, blues, etc.). Nin de actualidade, nin retrospectivos; nin enfocados para o gran público, nin especializados. Ren. ¿Que xustificación hai para esto?. ¿Falta de público?. En absoluto, a audiencia para este tipo de programas existe. Seguramente, non é tan ampla coma a que conseguiría un reality show, ou un cutre-concurso, ou qué sei eu qué novos tipos de lixo inventados ou por inventar, pero, de novo, se alguén piensa que os índices de audiencia deben se-lo primeiro factor á hora de programar unha canle pública, estamos listos. Mentres, os amantes da música neste país levamos anos afastados da parte visual dese mundo que nos apaixona. E, por tocar argumentos económicos, xa que parece ser que tanto preocupan, lembrar que a industria discográfica en xeral e a do video-clip en particular moven moitísimo diñeiro, e neste país ésta última está practicamente inexplotada.

Dinnos que os contidos da programación reflicten os gustos e as esixencias da maioría. E logo, ¿que pasa coas minorías?; máis aínda, eu non creo realmente que a audiencia sexa tan nefasta. Sinceramente, creo que, por moito lixo que sexa capaz de traga-la xente, non nos merecemos a TV tan horrorosa que temos. Unha proba: neste país, e non hai moito tempo, programas como "El hombre y la tierra" ou "La clave" eran seguidos maioritariamente. Agora non. ¿Cal é a diferencia entre o antes e o agora? ¿É a xente máis superficial, máis parva, agora ca daquela...? Evidentemente, non, a xente é básicamente a mesma. Simplemente, eses programas existían; e a xente os vía. Agora non existen, ou o fan a horas intempestivas.

Conformismo, uniformidade, doctrina, hipocrisía, inorancia, sumisión... este é o voso gueto.

Pensa, vive, crea, fai cousas interesantes, utiliza de forma intelixente a televisión... ooops... perdón, isto último é xa case imposible.

Iñaki Díaz de Etura

As tiras de SuperAnder

Os que teñen o desgusto de coñecerme chámanme Jon. Son 28 anos vello, de profesión debuxante (¡Deus sabe que o intento!). Traballo actualmente en Merlín Animación (empresa bilbaína que fabrica dibus).

...Era un infante eu cando comprei un cómic que asinaba un tal John Buscema e aí naceu unha devoción. Logo pasarían pola miña inqueda retina (é que teño un tic) innumerables mestres como Eisner, Miller, Bernet, Prado, Mignola, Uderzo ou Timm entre os máis admirados.

SuperAnder (NOTA: Ander acentúase na 'a' e é a forma vasca de Andrés) naceu en 1.995. Estas son as súas primeiras aventuras gráficas realizadas por daquela, e personaxe coa cal sigo traballando.

Non vos pasedes coas críticas, que son moi sensible. Ata logo.


Ferlop!

As mulleres son diferentes

¿ ou os homes ?

Son conscente que estas catro palabras pódenme granxea-la inimizade, ou mellor dito a reserva, de máis da metade da poboación. Aínda que non me espantan as camisas de once varas quero deixar moi claro que eu me considero feminista, se feminista é a persoa que pensa que non debe haber discriminacións por razóns de sexo. Ante calquera elección, por exemplo, un posto de traballo, éste debe ser concedido ó candidato/a con mellores méritos ou que mellor poida desempeñar dita función. Négome a defender vetustos argumentos que se basean nunha meirande capacidade física masculina nun mundo mecanizado ou que cren que o absentismo laboral feminino é maior debido a motivos biolóxicos ( embarazo, período, etc.) cando existen centos de estudios que demostran ata a saciedade que os homes traballan menos horas por semana.

Aclarada a miña posición de partida querería xustifica-lo titular. Entre o meu grupo de amizades naturalmente hai homes e mulleres. Non sei, pero a min paréceme meridiana a diferencia que hai entre os uns e as outras. Comportamento, maneira de expresarse, puntos de vista diferentes, sensibilidade... Non digo que tódolos homes son iguais ou se comporten igual ou que tódalas mulleres actúen da mesma forma. Pero si, que tanto nos uns coma nas outras hai uns denominadores comús que empreñan dunha ou outra maneira os comportamentos, diferenciándoos. É por esto, polo que non entendo esa febre igualizante que certos grupos femistas preconizan, desposuíndo da súa maneira de ser, da súa feminidade, ás mulleres por un mal entendido espírito de loita igualitaria.

Creo que na diversidade está a base da riqueza tanto cultural coma persoal e calquera atisbo de iguala-los sexos sería unha perda irreparable. Igualdade de cara ás oportunidades pero diferenciación na maneira de ser.

Esmiríades

Inseri a moeda

Screen Dentro da irrupção artística que, entre os días 23 de Setembro e 6 de Outubro, desenrolou o projecto Movemento-Inércia na cidade de Valença (Espanha), sobresaiu a instalação CONTROL do Pistolo Eliza (Barcelona, 1965).

Um autor que começa a sua carreira coa fundação dum espaço excêntrico -O Purtatório- o qual desde hai mais dum quinquénio apresenta artistas novos ao mundo. Desde esse mesmo espaço -ao que agora teriamos de engadir O Purgatório II, integrado na RedeArte de espaçõs nem comerciais nem institucionais-, vem oferecendo as suas distintas facetas plásticas: a fotografia, a escultura, a intervenção, a banda desenhada, a performance (várias realizadas em clubes de dança) e, agora, a curtametragem e a multimédia, na que também participa coa promoção da cultura e música techno desde o coleitivo move. Esse é o Pistolo Eliza.

Que é que é Movemento-Inércia é respostado nos e-endereços http://www.upv.es/inercia, inerweb@pleiade.upv.es o inercia@drac.medusa.es: Mais de 300 artistas, europeus, americanos e japonesses, a realizar quasi 250 projectos diferentes que iam desde a arte digital até o óleo sobre lenço; entre os que temos de salientar a instalação que o valenciano Pistolo Eliza dispôs sobre os cais da estação da RENFE na manhã do 6 de Outubro, como concorrido fechamento do Projecto Movemento-Inércia en Valença. Talvez convenha aclarar que o termo instalação refere às recentes tentativas da escultura para superar a sua tridimensionalidade, desde a introdução do tempo na percepção dum espectador que se aperta a viver o conjunto escultórico conexo por um tempo de leitura cò que autor fia as peças que il expom. Assím, no caso do nosso autor, a sua instalação a formava uma caixa central de vidro na que il mesmo amosávasse nú e encolado a um microfone e vários sensórios que transmitiam a informação da sua angústia e mais o seu polso cardíaco, uma informação cardíaca que se podia ler nos oito ecrans que rodeiam à caixa de vidro tras da introducção de vinte pesos: se não introducirmos a moeda não obter informação, pois a caixa de vidro permanecia às escuras, e as ecrans, e alto-falantes, apagados. Aliás, esta instalação, tinha um compoente engadido de manipulação do espaço público, no outorgar-lhe, à instalação, um carácter de objet trouvé -achado- para o espectador, e não só para o autor como sucedia na vanguarda clássica. Quero destacar esta instalação pública entre todas as peças expostas porque, nela, o autor consegue reunir, sem chios de nenhum tipo, as novas tendências multimédia -da arte digital-, coa performance clássica -a do artista a pêlo còs seus espectadores-. Da predicação multimédia colhe, sobretudo, o iteractivo, ainda que supera essa iteractividade do rato da tua computadora cà, mais velha, sofrida no introduzir a moeda nos videojogos e começar a partida. A sessão começa com um insert coin que inicia o jogo, moeda sem a que não hai relação ou de como todas as relações estão mediadas polo comercial, cò seu correspondente game over que nos indica que o investimento tem-se esgotado e não devemos esperar mais dela; ou a circunstância idêntica que ocorre quando introduzirmos o nosso cartão no caixeiro automâtico. Assím estão as nossas relações sociais, económicamente mediadas. Por isso, no começarmos da iteracção, no introduzirmos nossa moeda, vemos ao Pistolo Eliza nú, em carne viva -como gosta de ver o espírito romântico ao artista-, dentro duma grande urna de vidro custodiada pola informação do seu polso até a morte, até o final da partida. A particularidade desta performance cibermediâtica, que o autor intitula instalaçãoritualiteractivahumanomultimédia -instalCiOnriTualinteRactivahumanOmuLtimedia-, enraiza em não recreiarse na vana espectacularidade dos meios tecnológicos, senão que atrapa porque penetra tanto a realidade das relações humanas como as expectativas que o espectador se tem criado da figura do artista: Um sujeito de sensibilidade en carne viva que tem de se imolar por il mesmo.

Nilo Casares

Visita em Realidade Virtual à instalação de Pistolo Eliza (por Bernardo Tejeda) QuickTime Movie (.MOV, ~138 Kb).