Concerto de Def Leppard

Def leppard foron, durante moitos anos, o paradigma de banda de masas co directo máis alucinante e dinámico do momento; rock potente para (case) tódolos públicos.

As longas esperas ás que nos sometían entre un e outro disco eran case marca da casa (desgracias persoais, produccións interminablemente complexas, ...), pero ese marea-la perdiz que vivemos desde Adrenalize (dous recopilatorios con algún tema novo, xusto o necesario para putear ós fans máis fieles) facía presaxiar que algo se estaba a mover no seo da banda. E é que o tempo pasou, e na época do grunge ¿...?, o britpop e mailo rock industrial parece que non queda sitio para aquel hard-rock melódico, intrascendente e desenfadado que os levou ó cumio.

Outros quedaran no camiño, pero os Leps eran demasiado grandes. Non obstante, no 96 a disxuntiva era clara:



Que pouco apetecible sona a opción b)... e que remedio quedaba que acepta-lo reto.

E iso é o que fixo Def Leppard. O resultado, Slang, ... ben... déixase escoitar... pero estes non son os meus Def Leppard. ¿Asumo eu a resistencia ó cambio que eles venceron?. Quizáis...; pero xa non sinto o mesmo, e iso é algo que nin eu mesmo podo cambiar. Cando espero diante do escenario pregúntome ata qué punto o directo dos Def Leppard do 96 seguirá sendo o daquel grupo que enchía estadios hai dez anos. Pero agora teño unha boa razón para aparca-las miñas dúbidas durante polo menos media hora: Terrorvision.

Vímolos no pasado Festimad, e o dito alí (ver Synapsis núm. 3 maio-xuño) é aplicable nesta ocasión. Realmente, síguenma traendo floxísima tódalas voces que os acusan de banais e faltos de contido. O rock, e por extensión a música en xeral, serve para transmitir calquera tipo de sensación. Terrorvision transmiten sensacións tan pouco banais como ledicia e gañas de pasalo ben. A min volvéronme facer pasar un rato fenómeno, e iso é algo que non está ó alcance de calquera. Potentes, simpáticos; un bo repaso ós seus hits e todos a saltar. Espero velos algún día como cabezas de cartel.

Cando (novamente) se apagan as luces sona We Will Rock You... a ver se é verdade; de momento, non é un mal presaxio. Seguidamente aparecen os Leps e inmediatamente tódalas dúbidas quedan resoltas: os primeiros acordes corresponden a... Rock till you drop !!!. E agora estou seguro: esta vai ser unha gran noite.

Efectivamente, experimentos de estudio máis ou menos logrados aparte, Def Leppard non perderon un anaco da súa enerxía en vivo; un detrás doutro, descargan tódolos seus hits dos 80 (Foolin, Photograph, Rocket, Hysteria, Animal, etc., etc.) sen unha soa concesión ós seus temas máis repousados ata ben entrado o concerto.

Realmente, e isto é unha proba de ata qué punto Def Leppard seguen sendo tan killers coma sempre, a única gran diferencia entre este show e os de tempos pasados (á marxe do tamaño do recinto) non pasa de ser unha anécdota, e é que Rick Savage aparece co pelo (máis ben) curto (vaia, era o único Lep cunha imaxe que se mantera case intacta desde os primeiros tempos).

Chegado o turno dos sós, resulta especialmente emocionante o de Rick Allen; aínda despois de tantos anos, parece difícil de crer o son que extrae da súa batería. E Joe Elliot... a súa voz segue sorprendéndome; realmente, nos discos de Def Leppard haivos algo máis (moito máis) ca unha cuidada producción.

Non só a selección de temas senón tamén a súa orde de aparición foron todo un acerto: caña a discreción cun receso acústico pola metade do concerto, que serviu para que todos descansaramos un pouco e para que a banda nos mostrara a súa outra cara, máis relaxada pero non por iso menos interesante, na que afortunadamente omitiron os seus temas máis empalagosos e onde aproveitaron para, sentados todos, agás Allen, cos seus instrumentos na parte dianteira do escenario, conectar co público dunha forma máis íntima. A destacarmos o só de ¿flamenco? que se marcou Phil e un tema cantado por Vivian Campbell.

Por certo, falaba do público: nótase que aquí había só fans (algo bo tiña que ter que a popularidade do grupo descendera) e non nenos que veñen a xogar. Voume explicar: os fans máis novos son tan benvidos coma calquera, pero últimamente fíxose tristemente acostumado acudiren ós concertos... pois iso, para xogar, e resulta bastante cargante, sobre todo para o auténtico seguidor, sexa da edade que sexa, que vai disfrutar da súa banda. Aquí non había xente de recheo, e a audiencia foi un elemento máis dun gran concerto.

No medio do bo ambiente xeral, ata as canciós do último álbum son ben recibidas; tampouco abusaron delas. Slang sonou moi divertida e Work it out non desentonou. En calquera caso, a audiencia vibraba moito máis coas esperadas Pour some sugar on me, Bringing on the heartbreak, Let's get rocked,... non faltou nin unha. Ata dúas veces volveron Def Leppard ó escenario, e terminaron regalándonos o que para min (e isto é un pouco a título un pouco persoal) era a fin de festa idónea: un tema, á miña maneira de ver, emblemático dunha banda adicada ó ROCK con maiúsculas: Rock of Ages... Still rolling, keep on rolling.

Iñaki Díaz de Etura

Concerto de Suede / Boo Radleys

La Riviera (Madrid), 10.11.96

Ambientazo en La Riviera para presenciar a presentación en directo dos novos discos de Boo Radleys e máis Suede. Cheo a reverter ó que, por certo, contribuiron en certa medida aficionados foráneos que tampouco quixeron perder ó seu grupo preferido.

Xa durante a actuación de Boo Radleys o cheo era considerable, anque ata nas primeiras filas era Suede o acto máis esperado. Boo Radleys ofreceron un concerto correcto, evidenciando que o seu non fora casual, anque a escasa repercusión do seu último lanzamento pareza indicar o contrario. Encumiados onte, denostados hoxe, esquecidos mañá; os camiños da industria discográfica son inescrutables (e que llelo pregunten se non ós proprios Suede, que diso saben bastante). En calquera caso, Martin Carr e compaña cumpriron con creces diante dun público que esperaba maioritariamente o que viña despois.

Suede despexaron a incógnita hai tan só un par de meses. Anque pasaran xa dous anos desde que Bernard Butler abandonou a nave, o por entón recén estrenado Dog Man Star permitiu ó grupo seguir vivindo das composicións do binomio Anderson-Butler. Oakes demostrou enseguida poder suplir con creces ó seu antecesor no directo; pero non se pode facer un bon directo sen uns bos temas. Coming up é a resposta. E evidencia que a ausencia de Butler notouse... para mal. Un bon disco que complacerá á maioría dos fans, pero que está lonxe do seu brillante debut e, máis aínda, do seu fantástico Dog Man Star.

En calquera caso, unha presada de bos temas (iso, e non máis, é Coming up) dos que botar man para completar un gran show. Ó concerto...

Comiezan con She, un claro exemplo do que Suede nos ofrece no 96. Fáltalle algo para ser equiparable a antigos hits, pero o efecto directo funciona á perfección, cousa fácil cando encol do escenario está Brett Anderson.

Se o cantante é a imaxe dunha banda, compréndese por qué Suede non deixan indiferente a case ninguén. Máis aínda, cando dita imaxe é todo un coa súa música, vese claro por qué Suede sobreviviron ás críticas da prensa musical inglesa; o artefacto fuxiulles das mans: agora Suede son só patrimonio de Brett e compaña, e da súa lexión de fans. A súa credibilidade supera con creces á dos críticos que tentan agora afundilos (crédeme que dá auténtica vergonza ler algunhas das críticas que saíron de Londres nos últimos meses).

O repertorio baseouse en Coming up, que cubriron case na súa totalidade; unha pequena decepción para os que, coma min, vivían por primeira vez a experiencia Suede. Non faltaron, por suposto, algúns dos seus temas emblemáticos: So young, The wild ones ou a imprescindible Animal Nitrate fixeron vibrar especialmente a unha audiencia que sabía de memoria todos e cada un dos temas, antigos e novos.

Se unha novidade destacable presenta esta nova xira, é a presencia de Neil Codling, o novo teclista (antes, Suede eran cuarteto). Quizáis sexa o complemento perfecto para o directo da banda, xa que non só se encarga das teclas senón que, ademáis, aporta os coros cunha voz que complementa perfectamente á de Anderson.

Despois aproximadamente dunha hora, o grupo retirouse do escenario por primeira vez para dar paso a uns bises que foron, quizáis, a única pequena gran decepción da noite. Primeiro, pola súa brevidade, tan só un par de cancións diante un público e unha atmosfera que claramente pedían, merecían, máis; segundo, e a título un pouco máis persoal, porque despois do atracón de Coming up parecía o momento idóneo para recordaren o pasado recente: Metal mickey, The drowners, This Holywood life, Stay together... sei que cada un terá as súas, pero creo que todos botamos de menos unhas cantas esa noite. Unha pequena decepción que non pode empaña-lo que foi un gran concerto, dos que deixan esa sensación especial que, por unhas horas, días, faite sentir feliz de estar neste mundo... o cal, nos tempos que corren, non vos é pouco.

Pd. Porque un vos é sólo fan e non periodista, a seguinte lista non é rigurosa en canto á orde de aparición, pero porque un vos é (bo) fan, si éo en canto ós temas:

Iñaki Díaz de Etura