Sobre lixos e flores
Os lixos son algo tan natural coma os pétalos dunha flor. Esta afirmación, a todas luces esaxerada, carecería de sentido sen uhna explicación. Todo ser vivo xenera residuos na súa actividade. Ó principio estes residuos integrábanse no ecosistema, pero debido a unha serie de factores, que máis tarde sinalaremos, amontóanse en inmensos vertedeiros constituíndose en verdadeiros reactores biolóxicos.
O aumento da poboación, sobre todo nos últimos dous séculos, e un consumismo ligado co aumento da calidad de vida fan que os residuos humanos non sexan integrados debidamente no ecosistema.
Os seres humanos xeneramos moi diversos tipos de residuos atmosféricos, líquidos e máis sólidos. Estes últimos podemos dividirlos en industriais (tal vez os máis perigosos) e urbanos, ou sexa os tan famosos R.S.U. (residuos sólidos urbanos) máis coñecidos simplemente polo cidadáo medio como lixos. Se ben, estes últimos non supoñen a porcentaxe maioritaria de residuos totais, si son os máis próximos á cidadanía e os que xeneran, pola súa proximidade, unha preocupación máis inmediata.
Agora ben, plantéxasenos unha pregunta de difícil resposta: ¿Que facemos cos R.S.U? ¿Seguimos a amontoalos en vertedeiros ata que nos sepulte literalmente (caso de A Coruña) unha montaña de lixo, queimámolos en incineradoras ou dámoslles un novo tratamento mediante a compostaxe ou o biogás? Tal vez a resposta estea nunha combinación de todas estas técnicas pero no terían sentido sen a implantación dunha política de residuos baseada no principio da escaleira.
Dita escalera estabelece un sistema de xestión cun escalón superior (e por tanto o máis preferible) ocupado pola reducción de residuos en orixe (eliminación de partes superfluas, reducción de peso ou tamaño, eliminación de envases inútiles...) seguido da reutilización (utilización de envases retornables) a reciclaxe (obtención de materias primas para volver a seren utilizadas na fabricación de novos productos), o aproveitamento enerxético e por último o verquido controlado.
Desgraciadamente, o trinomio reducción-reutilización-reciclaxe ten as súas propias limitacións e prescindindo do compoñente orgánico, resulta que por término medio só algo máis da terceira parte (o 36%) dos RSU son recuperables mentres que o 64% restante ten que recibir outro tipo de tratamento, que por regla xeral é o verquido controlado. E isto sendo optimistas ó tomarmos ó 100% a participación cidadana e a separación dos materiais reciclables.
En definitiva, ata lograr a tan ansiada meta do desenrolo sostenible fica un longo camiño por percorrer tanto técnico e de desenrolo de medios que permitan a reutilización total dos RSU, como de concienciación cidadana en relación ó respecto ó medio ambiente e ó entorno natural.
Esmiríades
Adrian Tomine: A mocidade independente
Adrian Tomine é un autor novo, de 21 anos, pero a cunha escasa obra que xa chamou a atención do público e maila crítica nos Estados Unidos.
As historietas de Tomine non teñen moio que ver coo que se realiza maioritariamente nos U.S.A . Tomine encóntrase en ese reducido grupo de autores (en comparación coos que traballan para os omnipresentes superheroes no mercado norteamericano) que prescinde do xénero dos superheroes para contarnos historias máis ou menos reais ou que reflicten aspectos da sociedade que interesan ó autor.
Os inicios de Adrian Tomine dentro do mundo dos comics non poden ser máis curiosos. A súa estancia no instituto non foi unha experiencia moi agradable (como el mesmo recoñece na introducción de 32 stories, recopilación dos seus primeiros traballos) polo que como vía de escape comezou a realizar os seus propios comic-books. Animado polos piropos de seu irmán, Tomine tratou de vender algunhas historias nun mini comic (polo seu tamaño e contido) titulado Optic Nerve counha primeira tirada de 25 exemplares financiada por el. A pesar de que non se venderon moitos, Tomine continuou traballando (coa firme intención de ir mellorando número a número) nos mini-comics de Optic Nerve. O seu estilo foi pulíndose e pouco a pouco foi atopando un publico fiel e en aumento. O derradeiro número da serie significaría o ingreso de Tomine por dereito propio dentro da industria do comic da man da editorial Drawn & Quarterly que lle permitiría reiniciar de novo a súa serie Optic Nerve (con novas historias) nun formato similar ó do resto dos comic-books e con meirandes posibilidades de chegar a un número moito máis amplo de lectores. Tan só 2 números da serie teñen aparecido, pero que permiten sinalar as características e as inquietudes deste autor.
A recopilación dos seus mini-comics por D&Q nun tomo unitario revelan a evolución deste autor, o seu desenrolo artístico. A pesar das reservas que o mesmo autor posúe sobre estas primeiras historias (recomendando as que realiza actualmente por consideralas moito mellores), éstas non deixan de carecer de interese e algunhas delas poden ser moi similares tanto en contido coma en estilo ás que realiza na súa nova serie.
O seu estilo de debuxo vai evoluir desde un estilo solto e algo descuidado ata unha procura de perfección que conlevará certa rixidez nas figuras e no remate. Traballando en branco e negro, poderíamos dicir que Tomine ten un estilo de debuxo moi persoal pero que reflicte ó mesmo tempo as influencias de xente como Mazzucchelli ou os hermanos Hernandez.
En canto ó contido das súas historias. Nos seus inicios Tomine trata de narrar historias verdadeiras que lle ocorreron a el (soños, anécdotas), posteriormente tratará de crear personaxes de ficción e contar outro tipo de sucesos, anque case sempre ambientados en problemáticas de relacións xuvenís. As súas historias son curtas e xeralmente adoitan referirse a xóvenes urbanos ós que o autor trata de achegarnos e ás situacións nas que se encontran. Algunhas das historias dos seus inicios a pesar de seren orixinais e estaren ben levadas indican claramente o tipo de historias nas que o autor mellor se move e á vista dos 2 números de Optic Nerve ten inteción de continuar. O intento de realizar algo diferente (Lunch Break, historia que fai lembrar en gran maneira á realizada por Ann Noccenti e Mazzucchelli para o Ángel dos X-Men ou Echo Ave na que se achega a un tipo de ficción menos cotián counha idea tamén moi similar á de A ventá indiscreta de Hitchcock) non sal mellor parado ca o resto das súas historias, e éstas empezan a repetirse perigosamente. Ó contrario que outro autor como Peter Bagge que a pesar de tratar sempre unha mesma personaxe como Buddy sempre está procurando novos temas e personaxes ós que meter o dente, Tomine parece terse quedado ancorado nun mesmo tipo de historietas que repite ata a saciedade. Nun primeiro momento, as historias curtas de Tomine poden chamar a atención e ata agradarche, pero, e esto xa é unha opinión persoal, da mesma forma que rematas por cansarte de seguir certas series nas que sempre ocorre o mesmo e che contan as mesmas cousas, a pesar da súa aparente orixinalidade o autor de Optic Nerve comeza a deslizarse pola mesma costa.
David, do ciber-fanzine Born Again
E velaquí tedes unha das historietas curtas do Tomine para que xuzguedes vós mesmos: Páxina 1, Páxina 2.
RockCoruña: Unha cidade morta
RockCoruña, unha cidade morta é a crónica pesimista e desesperada da situación do rock'n'roll na miña cidade, unha cidade na que a música nova non ten ningunha posibilidade de sair a flote, relegada a circuitos marxinais, non só non apoiada, senon que incluso frenada e torpedeada polo Axuntamento e a súa cultura oficial de grandes espectáculos para as masas de votantes.
Que ninguén se leve a engano. Este artigo é unha visión completamente parcial e subxetiva dun músico de rock na cidade de A Coruña. É un berro para decir que basta xa de frenar á mocidade. Non pedimos apoio; tan só que nos deixen en paz y non nos bloqueen.
Pero xa está ben de tanta queixa (tempo haberá máis adiante neste artigo), e centrémonos na xente que fai algo positivo pola música nesta cidade. Dividirei esta xente entre a xente das bandas, a xente das salas de concerto (ben, bares onde tocar) e a xente que ofrece apoio de cualquer xeito á música.
As bandas:
En A Coruña hai moitas bandas de rock'n'roll, algunhas delas moi boas (Mac'n'Rones, Km0 e QFB, por exemplo; estes últimos telonearon a Elastica no seu último concerto en A Coruña), que non teñen nada que envexar a outras moitas bandas de outras partes do planeta. Son xente nova cun gran amor pola música, que poñen todo o mellor deles no que fan, empregando grandes cantidades de tiempo e cartos (sobre todo de tempo).
Non obstante, xurden os primeiros inconvenintes á hora de conseguir un local de ensaio xa que só existen uns poucos que xa están ocupados, e a uns prezos desorbitados. Xurde entón a necesidade de compartir o local de ensaio, cos conseguintes problemas de convivencia, ainda que, en xeral, hai un bo ambente entre as bandas, exceptuando algunhas que non vou a comentar.
Unha vez conseguido o local hai que insonorizá-lo, o que en xeral fai-se con cartóns de ovo e porexpán.
O seguinte problema é conseguí-lo material co que tocar. Os prezos están realmente altos, ainda que se o que queres é tocar sinxelamente podes conseguir material relativamente barato, ou podes compartir material con algún grupo que xa o teña e se enrrolle.
Hai diversos estilos de bandas en A Coruña, ainda que quizais o grupo máis numeroso sexa o das bandas de rock'n'roll, entre as que destacan, ademáis de as xa mencionadas, Fish'n'Cheeses, Delithium Tremens, Fuckin' Family, Hijos de José Cuervo e outras. Son bandas que practican un rock potente, directo.
No momento de elaborar este artigo estou preparando unha recopilación de bandas de Galicia, que aparecerán próximamente nas páxinas de Hijos de José Cuervo.
Sás de concerto:
En A Coruña existen moi poucas sás de concerto, que en realidade son bares ou pubs que a xogan cos veciños e o axuntamento para obter unhas poucas pesetas. A máis recente, e que parece reunir mellores condicións para tocar, cando menos inicialmente, é Ragna Rock, propiedade dos donos do Tambo, un pub moi coñecido na Cidade Vella. Nela podes escoitar música en directo con relativa frecuencia e disfrutar bos prezos nas bebidas.
Outro bar que programa concertos con bastante asiduidade (prácticamente todo-los xoves) é o pub Jimmo, situado ó final de Juan Flórez. É bastante grande e ofrece unha boa acústica.
Outra sá de concertos, ainda que programa música máis suave é El Cairo, en a Cidade Vella.
Existe unha máis, o Playa Club, que menciono eiquí por sé-la máis grande, pero que no que respecta ó apoio prestado os grupos da cidade pode-se dicir que non é cero: é negativo, como o axuntamento. Non da, quita, e só programa concertos de grupos de fora. Se toca algún da cidade, cobra prezos moi altos ós grupos polo aluguer do material.
Todas elas se atopan co problema da consecución de licencias por parte do axuntamento e a insonorización adecuada para non molestar ós veciños.
Decir, no obstante, que non é ouro todo o que reluce, e que hai moito listo que pon o bar, e os grupos poñen o resto, recibindo a cambio a entrada que cobran, demostrando unha falta de respeto e de apoio ós músicos.
A outra xente:
Englobo baixo o epígrafe de A Outra Xente, ó resto da xente que ofrece seu apoio ós músicos: os amigos, noivas, etc., sen cuio apoio desinteresado e incansable non tería sentido nada do que facemos. Eles e elas son os que nos dan as forzas necesarias para seguir adiante, loitando e pelexando contra todo e contra todos.
Esta xente é a que vai a todos os concertos, o que é en parte triste, xa que a xente non ten o costume de ir ver concertos que no sexan de grupos importantes, deixando de descubrir moita boa música feita na sua cidade. Prefiren pagar varios miles de pesetas por ver grupos que xa están acabados e non teñen nada que decir a pagar trescentas pesetas (que inclúe unha caña) por ver a xente coma eles e da súa misma cidade. Isto é en parte culpa de todos: Da xente pola súa estupidez, dos grupos por non saber vender nosa música ou saber difundir nosos concertos, que non contan co apoio dos medios de comunicación.
Mención especial, merece eiquí o pub Fun House (da Cidade Vella), que nos sorprendeu a todos cunha iniciativa loable, como é a de convocar un concurso de maquetas para grupos de Galicia, sen apoio de ninguén e que, tras un proceso previo de selección, editará 15 cancións (unha por grupo seleccionado) nun CD, grabado por un selo de Os Anxeles (California, USA): Total Energy. Esta iniciativa é especialmente loable xa que non conta con ningún apoio oficial, correspondendo á iniciativa puramente privada duns amantes da música. Podes atopar máis información nas páxinas de os Hijos de José Cuervo mencionadas máis arriba.
Outra xente que merece unha mención especial é a da Asociación Cultural Mecenas, que descoñezo se segue existindo, pero que no tempo que eu a coñecín movía-se bastante para apoiar cualquera inciativa cultural que xurdise na nosa cidade. Incluso compraron un equipo de son (mesa, amplificación e altofalantes) que cualquer grupo membro da asociación podía empregar. Esperemos que sigan nelo.
O Axuntamento:
Chegamos agora á parte desagradable do artigo. A parte na que vou falar da xente que impide que a música salga adiante. Concretamente o Axuntamento de A Coruña.
Decir neste punto, por se non quedou suficientemente claro antes, que todo ísto non é máis que a miña opinión persoal sobre unhas situacións e uns feitos que se producen, polo que se alguen discrepa, estou disposto a recibir as suas queixas, opinións e/ou comentarios na miña dirección (jbarca@redestb.es).
Ben, unha vez aclarado o tema, vamos a darlle caña ó axuntamento.
O Excelentísimo Axuntamento de A Coruña só pensa en apoiar iniciativas culturais de gran envergadura e que teñan unha gran repercusión publicitaria e política. Así, por exemplo, trae artistas internacionais ó Coliseum, marco incomparable, ou ó Noroeste PopRock (na praia de Riazor) para que os papás e as mamás contemplen o bonito que quedou o paseo marítimo e os turistas veñan en masa.
Todo ísto en sí non é malo en sí mesmo. Paréceme correcto, a xente de fora tambén ten que vivr; hai que publicitar a imaxen dunha cidade de servicios, xustificar espectacularmente as inversións. Pouco importa se os cartos empregaron-se ben ou non, só importa o grandioso, cabalo grande ande ou non ande.
Pero a xente da ciudad que tambén facemos música reclamamos un sitio onde poder tocar, que se apoien iniciativas válidas, con proxectos presentados unha e mil veces ante o Axuntamento que o único que conseguiron foi rebotar de un sitio para outro ata que fracasaron.
Pedimos que non se nos poñan trabas á hora de tocar.
Pedimos que unha institución creada polo Axuntamento, o IMCE (Instituto Municipal de Cultura e Espectáculos) apoie non só a cultura oficial, a da xente maior, senon tamén a da xente nova, dándolles a oportunidade de expresarse e sitios onde poder facelo.
Pero a triste realidade é que o Axuntamento e o IMCE só apoian o establecido, o que vende, non se preocupa pola cultura real, a da xente que ten algo que dicir e quere expresalo. Iso para eles non é relevante; os xóvenes non son xente que teña poder de decisión ou influencia sobre eles... e iso quizáis sexa culpa nosa.
Juan A. Barca García
En lembranza de Freddy Mercury
O pasado 25 de Novembro cumpliuse o quinto cabodano da morte do músico británico coñecido como Freddie Mercury. Sirvan estas liñas para lembrar a vida de aquel que a través da súa música logrou dicirnos tantas cousas, e que significou tanto para moutos de nós. Freddie foi unha figura controvertida; provocou a admiración de moita xente, pero tamén o rechazo de moitos outros. Quizáis a súa extravagancia, ou quizáis a súa raza ou as súas inclinacións sexuais...
pero, por rima dos prexuizos que aínda hoxe en día atenazan as mentes de moitos individuos está a admiración de todos aqueles que vimos na súa música e na súa persoa algo moito máis importante e trascendente ca as palabras que se poiden usar para (tentar) describilo, e que nos fará lembralo para sempre.
Este día significou tamén a inauguración da estatua de Freddie, finalmente situada en Montreaux, a localidade suiza donde tiña unha das súas residencias e donde Queen posúen un estudio de grabación; é o mesmo lugar que aparece na portada de Made in heaven, así como
a propia estatua reflicte a súa efixie tal como aparece no dito álbum. Tan só un vínculo terreal para alguén que xa non é (acaso nunca o foi...) deste mundo.
P.d. O vindeiro 1 de Decembro celébrase o día mundial de solidaridade cos afectados pola sida. Desde a súa creación fai (case) cinco anos, o Mercury Phoenix Trust traballa pola mellora de las condicións de vida dos enfermos de sida, así como pola procura dun medio
para erradicar a enfermidade.
Iñaki Díaz de Etura
Recurrente Latexo, texto crítico
A peza "recurrente", do artista lugês -chairego- Bernardo Tejeda (A Havana -A Galiza-, 1957), é uma iniciação na arte digital
para alguém que já andava tentando de vislumbrar o melhor xeito de reunir todos os sentidos numa só vez, numa mesma peza, duma para sempre e ver se, assim, de passo, fica também reunido todo o espírito que, por aí, pulula sem bem saber, para quem? Bom, il sím que sabe o para que, que permanece atrás do feito, mas quem olha de primeiras, sempre fica surpredido (e suspendido) polo que adivinha que anda detrás.
Quando fixo a su primeira expossição individual (1992), já jogava cà luz como suporte própio da escultura. Sím, a luz, o mais imaterial, como o suporte próprio da arte mais material: a das tres dimensões, a escultura. Com esta, aparente, contradição estava a nos fazer pensar que, o que importa, está
muito mais longe do que aparece: É isto o ser próprio do mundo digital, o seres mais do que aparece, por isso a sua entrada nesta nova arte não só não é precipitada, se não que era esperada, e com muito, imprescindível.
Olhemo-la película (a peza "recurrente") e fitemo-la bem:
Qual é a estrutura. Bem simples, é una estrutura baixo duas ideias bem craras: a do interminável (o <loop> que marca a sua apresentação) e mais o reticular, o conhecemento que todos temos da rede de suministro de dados na que estamos, como
uma estrutura idéntica ao nosso cerebro, mas de todos nós.
Estas são as ideias reitoras da peza que se oferece agora.
A primeira, o <loop>, vem feita, não como simples recurso de programação da aplicação empregada, não; procede doutro ámbito; da impressão que todos temos, quando imos -navegamos- pola web, de que nunca acava, que o fim e cousa bem alhea a esta cousa pola que estamos a marchar. Também,
intuimos, estamos, a cada passo, voltando polos mesmos sítios polos que já anduvemos. Como não podia ser doutro xeito, rematamos por fazer na web, o que também fazemos pola rua, irmos polos mesmos percorridos que conhecemos e gostamos. E fazemo-lo uma vez mais outra, até que, aburridos, deixamo-lo de fazer. Sobre esta ideia voltarei mais tarde.
A segunda ideia, a da estrutura reticular-neuronal, também é intuitiva (como a outra devandita), se pensamos numa imagem para a web, a primeira que nos vem a mente é a do Sistema Nervoso Central que rige o nosso comportamento; se a web tem (comportamento),
se é regida, também tem de ter un Sistema Nervoso Central, tem de ter um cerebro, um algo que domine e dirija, que guie as canles de passo dum dado a outro: é só temos uma imagem imediata para essa ideia, a do cerebro, a do nosso cerebro. Dum cerebro cheio de dados e de conexões entre esses dados. Mas, também, aparece a ideia dum
cerebro canso, fatigado de nos suministrar os dados do funcionamento, como espantosso medo, como apavoramento dum nos ficar em branco, dum deixar de ideiar, de ter ideias e iniciativas.
A este ponto queria chegar antes, quando falava do deixar de fazer.
As cousas, de sempre, têm uma relação interna de tensão entre algo e seu contrário, algo e seu contrário que vivem num nível de realidade inferior do que, a cousa na que estamos, está. Por isso sempre somo-lo resultado duma
contradição criadora entre branco e negro, aberto e pechado, cheio e valeiro. Como nesta peza, como agora, que nos apresentam o todo da rede de dados, informação e sucedidos, como o resultado dum pálpito que abre e pecha o suministro, que abre e dá, e pecha e retira. Esse cerebro reitor da nossa web tem um capricho valeiro no que carrega a forza requerida para outro suministro de mais dados: como o nosso coração, como o nosso cerebro, que respostam, os dous, aos mesmos pálpitos,
aos mesmos impulsos, aos mesmos ciclos naturais de sempre: os latexos. Por mais artificialidade que empreguemos para viver, sempre rematamos por respostar aos primeiros principios naturais que nascem dessa contradição inicial entre cheio e valeiro, entre latexo e latexo,
para nos fundir num burato imenso como é esta rede, a nossa web, na que nos enchemos de dados cheios dos vacios que deixam as secuências de bits.
E porque sem essa ficção que nos leva a ver no latexo a vida, nada cobra sentido: o tránsito infinito vai do cerebro a esse mesmo cerebro, como coração enchido de sangue, de vida, tendo o oco valeiro como mero momento circunstancial de revitalização dessa vida de dados, que não remata: nunca acava.
Nilo Casares
RECURRENTE, de Bernardo Tejeda: QuickTime Movie (.MOV, 92'5 Kb).