Aquí téde-la entrevista que lle fixemos ó responsable desta interesante campaña, Miguel Vinagre Álvarez, da ACCE (Asociacion Cántabra del Correo Electronico).
¿Cando naceu a Plataforma Tarifa Plana Ya?
Pois naceu hai cousa dun ano, a raíz dunha idea na área de FIDO de Comunicacións. Queixábase a xente de que debía existir unha tarifa cha para facer as comunicacións telemáticas máis baratas para un mellor aproveitamento desta e un verdadeiro fin, como a investigación, negocios, programación...
¿Cales son os seus obxectivos? ¿Cando se logren deixará de existir?
Os obxectivos son o da tarifa cha, ou polo menos darlles un pouco a brasa para que se dean conta de que estamos descontentos co servicio que nos prestan. De todos modos é unha cousa que obrigatoriamente hase implantar, coa liberalización das telecomunicacións, como ocorreu en Chile este ano. Cando logremos algo, evidentemente deixará de existir como tarifa
plana. Igual nos embarcamos noutro proxecto, pero quén sabe de qué, salvad las ballenas, reciclad papel, no a la censura en Internet... a min interésame facer presión e mellora-las cousas. E se teño tempo e podo non dubidarei en axudar no que poida.
¿Cales son as vosas accións? ¿Canta xente participa nelas?
Principalmente mandamos mensaxes a T e nun futuro, se algún
directivo despistado dá o seu enderezo por aí, bombardealo :) Agora queremos montar unha asociación de maneira que o poñamos legal, ou buscar unha asociación que nos represente.
Tamén pedimos que informen de nós os medios divulgativos como prensa , radio e se se pode TV.
Somos 2.800, non somos demasiados, pero sube a cifra cada día :)
Cando falades de Tarifa Cha... ¿de que coste aproximadamente a pedides? ¿Tedes en conta que a algunha xente sairálle máis caro con Tarifa Cha ca con Tarifa por Tempo como ate o de agora?
Por unha parte a tarifa cha será de libre contrato, se vas gastarte
máis por tela, non a contratas e santas pascuas, pero non creo que sexa o caso. É máis, os que gastan menos é que están preocupados por gastar demasiado, co que este problema se solucionaría.
O coste, en USA son unhas 2.500 ó mes o que se gastan en teléfono por este concepto. É previsible que o poñan a unhas 4.000 ou 5.000 e coa liberalización os prezos baixarán.
¿Que obstáculos existen para que se estableza a Tarifa Cha?
Tecnolóxicos (está sobresaturado e non te podes imaxinar cómo sería
despois) e que o Governo non quere renunciar ós pingües beneficios que sacan con T, e iso que non llo reducirían en moito. Ademais é un servicio público e non debería dar beneficios.
¿Quen sairá gañando máis coa Tarifa Cha? ¿As empresas proveedoras, as empresas utentes ou os particulares?
Todos:
E por outro lado en España aumentaría o número de servidores dando servicios, polo que se xeneran postos de traballo; poderíanse desenvolver programas share para Inet cousa que agora non se fai ...
Ben, estas son as motivacións e os obxectivos desta plataforma. Na vosa man está apoialos ou non, cada quen que saque as súas valoracións e actúe en consecuencia.
Casdeiro
E aquí tedes outra entrevista a outra xente que anda na rede loitando polo seu: falamos polo e-mail co representante oficioso da Ciber-Irmandade da Fala (galega, por suposto).
¿Que é a Ciber-irmandade? ¿Cando naceu? ¿Quen a forman?
Pois a Ciberirmandade é unha pequena experiencia que ten como fin animar a todas aquelas institucións, empresas, etc... que son galegas ou teñen relación con Galiza e que se dan a coñecer na rede, que o fagan tamén no noso idioma. Levamos relativamente pouco tempo funcionando, dende fai 3 meses, e está formada por persoas que están interesadas en poder desfrutar da rede en galego.
¿Cales son as súas actividades concretas?
Hoxe en día a nosa principal actividade é o envío de e-mails a aquelas institucións que posúen páxinas WEB e que nós imos establecendo, por non ter unha opción de desfrutar de ditas páxinas en galego. Esto esta respaldado por medio dunhas páxinas de informacioon para aqueles ciberirmandiños que a requiran, como por exemplo información encol de lexislación básica de emprego do idioma, seccións de información estatística de emprego da lingua, etc.. Tamen estamos a confeccionar un pequeno boletín que analiza todo aquelo que foi saindo nos medios de comunicación encol da lingua e que mereze unha visión crítica pola nosa banda.
¿Que promoción ten? ¿Ídesvos dar a coñecer nalgún medio?
En principio a promoción é aquela que lle estamos a dar os propios membros naqueles ámbitos onde nos movemos. Esta asociación parte dun entendemento e organización entre os que a formamos, e polo de agora a xente que nos foi coñecendo foi gracias un achegamento pola súa banda.
Con respecto á segunda parte da túa pregunta, quéroche dicir que estamos invitados a asistir ó MITE'96, en Silleda, onde se vai producir o primeiro encontro galego de usuarios de INTERNET.
¿Cres que os usuarios galegos de Internet teñen un interese maioritario por ve-la súa lingua na rede?
Esto as veces é algo difícil de establecer, dígoo porque a maioria das persoas nos movemos xeralmente da maneira máis comoda posible con respecto á lingua. Quero dicir con isto que unha persoa que non teña unha serie de motivacións determidadas, sexan, políticas, culturais, etc..., tanto lle ten en qué lingua poda dispoñer dunha información, sempre e cando a entenda. Nesto temos unha desventaxe os galego-falantes, xa que somos unha lingua minoritaria que ademais estivo moi desprestixiada socialmente, e por riba ata fai moi pouco estaba totalmente apartada das escolas e o sistema educativo, polo que, en Galiza, ninguén tivo unha educación totalmente en galego, mais si unha grande maioria tívoa en castelán.
Isto condiciona moitísimo a actitude de cara á nosa lingua, e por suposto falo en todos os ámbitos nos que se require un emprego da lingua a nivel escrito -a nivel falado temos outro panorama-.
¿Pode extrapolarse a situación do galego en Internet á situación na sociedade real? ¿As empresas usan aínda menos o galego cando están en Internet?
Pois as veces semella que as empresas aínda empregan menos o galego na rede, suponno que por unha idea equivocada de que a rede está para comunicarte cos de moi lonxe??, e as veces é paradigmático, pero empresas que empregan o galego na súa propaganda en Galiza, teñen as súas páxinas en castelán, como se a Internet só poideran entrar os de fora. Ademais non se decatan da boa impresión que pode causar a unha persoa non galega ver que unha empresa é respectuosa coas súas tradicións, esto indica sempre un nivel cultural engadido, e permite ver a dita empresa non só dende un ponto de vista puramente economicista.
¿Queres citar algunhas empresas que se destaquen no seu uso do galego en Internet?
Cada vez van sendo máis, pero quixera destacar unha en especial, pola promoción do galego e a nosa cultura en xeral que está a ter na rede, e falo de Item:)aga, unha empresa de deseño que está a manter o barrio Galego VIEIROS, onde realmente moitos galegos temos un recuncho para ter información dos recursos que van aparecendo na rede encol de nós e por parte de nós os galegos. É un traballo moi loubable e sobre todo por parte dunha empresa que está a empregar recursos económicos, tempo, e persoal para esta tarefa.
¿Coñecéde-lo nivel de uso na rede doutras linguas en similar situación (catalán, euskera, gaélico, bretón, corso, etc.)? ¿Cal é en xeral o nivel de presencia das linguas minorizadas?
Eu coñezo o caso catalán, pero supoño que cada un destes casos é un puro refrexo do que ocorre na sociedade concreta. No caso catalán se pode observar un respecto moi alto cara á súa lingua, e ademais un uso a nivel comercial e institucional moi aceptable, pero esto é tamén resultado das políticas feitas polas súas institucioons, e a conciencia de pobo que ten hoxe en día o pobo catalán.
¿Tedes algún lema co que queiras rematar esta entrevista?
Por suposto: o noso lema, que empregamos sempre que se nos dá a ocasión -e esta é unha desas ocasioons :) - é En Galiza en galego e na INTERNET tamén.
Casdeiro
Xa se van acabando as Radio-Barbaridades históricas. Estas son as derradeiras:
Casdeiro
Comezamos neste número unha serie de colaboraciós gráficas. Algo así coma o humor gráfico dos periódicos.
|
Casdeiro
La Columna del Hipercrítico

¡Isto xa é a rehostia! ¡¡¿Como se pode ser tan subnormal/inepto/irrespetuoso/..?!! Víste-lo que fixeron os de Tele 5 con Expediente X? ¡Non foi (está sendo) de xuzgado de garda, non: é de paredón directamente! Pero repasémo-los pecados mortais contra a calidade desta cadea no caso que nos ocupa...
Non vos había moita queixa ata que rematou a segunda tempada. Os pecados que emporcaban o disfrute desta estupenda serie eran os clásicos da cadea: incumprimento flagrante de horario e superposición dunha voz en off gratuita (sobre as voces das personaxes) lendo os longuísimos textos sobreimpresos que a miudo emprega esta serie para a ubicación física das escenas. Ás veces trocaban a orde dos episodios pero polo xeral non era moi grave de cara ó seguimento do argumento da serie porque eran episodios autoconclusivos sen repercusión no fío da historia global dos nosos amigos Mulder e Scully.
Pero cando empezou a mellor época da serie (ó final da segunda tempada de episodios e principio da terceira) empezou o recochineo total. Coincideu esta época co lanzamento do primeiro vídeo da serie, que en principio parecía alleo á serie e a Tele 5: era un caso fóra da trama xeral da serie, e por tanto non facía falta velo para segui-los episodios. Todo o mundo supuxo que así era e tentamos de segui-la serie... Pero empezamos a flipar porque parecían ter pasado cousas que non recordabamos (Mulder perseguía dunha mala hostia do copón a un jicho por matarlle ó pai, a irmá de Scully morrera...). Ese foi o primeiro toque. Seguiron os lanzamentos en vídeo (agora -aínda que non se indicaba dunha forma que non deixase lugar a dúbidas- con episodios xa vistos) e nós seguimos flipando entre a perplexidade dos acontecementos inexplicables per se e os que non entendiamos porque non nolos botaron. Para remate, chega o final da última tempada e cando din que xa acabaron os episodios correspondentes e empezan a reposición, volven de súpeto cun par de episodios que lles quedaran por aí, nos deixan sen ve-lo último episodio da tanda para sacalo en vídeo e nos botan os 3 últimos da 2ª tempada que nunca viramos e que coincide que son os que sacaron en vídeo engañando a todo Cristo. ¿Que é un lío de enteder? O lío é o que armaron estes mamóns de Tele 5. Desorde, ocultamento (o governo nega todo coñecemento), incumprimento de horarios, lucro indecente, falta de respecto... ¿A que están xogando connosco? Somos miles de fans e nos tratan coma a merda.
O único que vos podo recomendar é que, se non queredes pagar polos vídeos destes chantaxistas, vaiades ós webs de X-Files (http://www.thex-files.com e http://www.xfiles.com por ex.) a ler cál é a orde correcta dos episodios e o resume de cadanseus argumentos. Ide cando os volvan a botar (próxima tempada) e veredes cómo estes impresentables nos toman o pelo botando os episodios en desorde, e deixando sen botar os máis cruciais para que llelos merquemos en vídeo. ¡Que o demo os abduza!
Os medios de comunicación están cheos de incompetentes. Dende que empezou a liorta esta nos Grandes Lagos levan botando nalgúns noticieiros españois un mapa acompañando ás correspondentes noticias da zona onde pon que a capital do Zaire Kinshasa, está onde realmente está outra cidade, Kisangali, máis de mil quilómetros ó leste do seu emprazamento xeográfico. Esta xente non sabe nin botar man dun mapa. Como para despois esperar que consulten un diccionario como no caso do lindano ou lindeno (nome correcto en castelán) en troques do anglosaxón lindane...
Pero máis graves son outras equivocacións. Son perigosas: potencialmente mortais. Recomendación, nenos: ¡non vos fiedes do que di a prensa! (nin tan sequera o que dicimos nós). Se non, ollade o que saiu no periódico El Correo uns días despois de que sacaran unha reportaxe sobor dos cogomelos: (13-X-96) "Fe de errores: En el apartado de Setas más codiciadas, dentro del reportaje publicado ayer en el suplemento Sábado a Sábado, aparecía cambiada la descripción de la amanita caesarea y la amanita muscaria. Se afirma que la primera tiene las láminas y el pie blancos y la segunda, de color amarillo, cuando en realidad es al revés. La amanita muscaria, que es tóxica, tiene por tanto el pie de color blanco". ¡Isto si que vos é intoxicación informativa!
O Hipercrítico