Singles recomendados da tempada:
- "Angels of the Silences" - Counting Crows
- "Don't Speak" - No Doubt
- "Ciao Baby" - Def Con Dos
- "Breathe" - The Prodigy
- "Beautiful Ones" - Suede
- "Long Way Down" - Goo Goo Dolls
- "Bittersweet me" - R.E.M.
Álbumes recomendados da tempada:
- "K" - Kula Shaker
- "One To Another - The Charlatans
- "Coming up" - Suede
- "Rock And Roll Circus" - The Rolling Stones
Algo de música para redescubrir:
Álbum "Pescis Iscariot" de The Smashing Pumpkins:
- Curioso nome para o que pode considerarse un álbum máis de Smashing Pumpkins. E digo pode considerarse porque, a pesar de ser unha recopilación dos temas adicionais aparecidos nos singles dos seus dous primeiros discos, o feito de que o universo Smashing Pumpkins non sexa excesivamente conceptual fai que a esta presada de bos (boísimos) temas non lle falte a coherencia necesaria para ser considerado como tal. É un auténtico regalo para tódolos que, ben non adoitan a comprar singles, ben chegaron un pouco tarde ó tren e se encontran cunha morea de temas nos que a súa condición de reservas non implica merma en calidade. En absoluto: toda a intensidade e toda a variedade, toda a rabia e toda a dozura que habitualmente
nos sirven Corgan e compañía están aquí. Imprescindible.
Iñaki Díaz de Etura
Críticas de tebeos da tempada
Record of Lodoss War - La Dama de Faris (Lodoss too Senki - Faris no Seijo, ) - Planeta-DeAgostini Comics (Kadokawa Shoten Publishing). Autores: Ryo Mizuno (guión), Akihiro Yamada (debuxo)
Tomo do lendario (nunca mellor dito) manga que nos presenta Planeta DeAgostini nunha boa edición á que só se lle bota en falta algunha indicación externa de que non é unha historia completa. Estamos ante un manga excepcional non tanto pola historia (un relato épico de espada e bruxería ambientado nun mundo ficticio) coma polo debuxo, unha gozada de traballo de Akihiro Yamada, que se non fose polas caras das personaxes, poucos poderían recoñecer nel un comic xaponés. A súa liña clara ten moito de influencia europea, mesturada co debuxo detallista nipón estilo Masamune Shirow, pero non renuncia ás sombras repartidas cun efecto dramático nas páxinas máis tenebrosas (esas paisaxes onde se oen os choros dos dragóns nas montañas, eses demos silenciosos e abrumadores...). No texto final (onde fala o debuxante, o que xa é revelador da preeminencia do debuxo fronte á historia neste manga) se nos suxire unha completa banda sonora para o tebeo que inclúe a Mandala Band, Jethro Tull, Rick Wakeman... Resumindo: unha historia típica de espada e bruxería cun debuxo que agradará tanto ós otakus coma ós comic-bookeiros ou ós que lles vai máis o europeu.
Casdeiro
- ¡Non pérda-la preview en exclusiva da nova ciber-revista sobre comics Born Again!
Críticas de películas da tempada:
Trainspotting, de Danny Boyle.
Director: Danny Boyle. Guión: John Hodge. Intérpretes: Ewan McGregor, Ewen Bremner, Jonny Lee Miller, Kevin McKidd, Robert Carlyle, Kelly McDonald.
Por fin chegou ás nosas pantallas, a finais de Setembro, esta película baseada nunha novela de Irvine Welsh que ven dando que falar (aparte de diñeiro) dende principios de ano, sen dúbida a película do ano no Reino Unido. Parte dese falar sobre a película veu de certos sectores sociais que quixeron ver nela unha apoloxía do consumo de drogas: pois despois de ve-la película, teño que dicir que esta xente non a debeu de ver. ¿Como, se non, se pode chamar apoloxía a descripción pormenorizada e crúa tanto da parte supostamente positiva da droga como dos seus efectos negativos (hai unha morte na película a causa da droga e outra tamén perfectamente achacable a ela; ademais as escenas do mono do protagonista acaban de completar un cadro que a ninguén engañará respecto a ónde conduce a heroína).
Pero deixando a parte esta polémica a película en si é socialmente interesante, está realizada con orixinalidade e ritmo e está plagada de escenas que van dun extremo a outro da sensibilidade xuvenil actual: dende o humor máis escatolóxico e psicópata (estilo The Young Ones) ata o delirio máis febril pasando polo terror, o thriller o ata o realismo máxico. Son os ingredientes para cociñar unha historia de evasión mortal, de evasión da propia evasión, de falta de moral, de sexo e liberdade. Así pois un atopa tropezóns de tódolos gustos nesta sopa escocesa, ata un toque de nacionalismo nihilista. Eu persoalmente quédome coa impresionante escena da sobredose do protagonista namentres sona 'Perfect Day' de Lou Reed.
A panda de Trainspotting poderían ser arquetipos dos antiheroes dos 90. Ou poderían se-los teus veciños de barrio.
Casdeiro
No nome do fillo
No principio da pasada decada Margaret Tacher, a Dama de Ferro, subiu ao poder na Grande Bretanha, e con ela un vello xeito de facer politica que ben se podería resumir en dúas palabras: por collóns.
Esta non é a historia do Eire, nen do IRA, nen da loita republicán na Irlanda, esta é a historia de dúas nais, das súas diferencias e do seu achegamento por mor das circunstancias. Catti leva unha vida acomodada, non ten inquedanzas políticas e dos seus tres fillos o maior deixou a
Universidade; ela non o sabe pero o seu fillo é un activista do IRA. Anne si ten unha actitude política ben definida: os brits, os británicos, son os inimigos e hai que combatilos ata botalos fóra. Anne vive da agricultura, (da fita sacase a impresión que a súa vida non é tan apañada), ó seu fillo buscao a policia británica e ela ben o sabe.
Coma xa se puxo de manifesto noutra fita, No nome do pai, a política carcelaria na Grande Bretanha, lonxe do abeiro dos dereitos humáns, é de asoballamento, de escarebellar na conciencia da persoa ata esmorecer. Neste caso a excusa é a renuncia a usar o uniforme obligatorio, coma un símbolo do non recoñecemento da autoridade británica. Para dar un escarmento a administración négalles o uso de calquera outra roupa, nun principio, e logo dunha mínima hixiene persoal. En resposta a isto píntanse as gaiolas coa merda. Boby Sands é o líder e o que inicia a protesta cunha folga de fame, e lévaa ate as súas últimas consecuencias, ata morrer.
Elas ben o saben, pronto ha de tocarlles ós seus fillos. Cómpre mobilizarse, qué nai deixaría morrer os seus fillos sen facer ren. Paseniñamente mudan as actitudes, o que antes era indiferente agora faise vital coma o aire que respiramos; os detalles, a diferencia entre dereitos e privilexios, son os que definen, un día si e outro tamen, a loita contra un
reloxio inexorable, a fame. Estes mesmos detalles levan a morrer de fame a dez presos, entre eles o fillo de Anne, no mesmo intre Catti decide salvar ao seu fillo autorizando, in extremis, a súa alimentación. Final tráxico, contraste entre a vida e a morte, polo diferente decorrer dos caminhos das dúas nais, e por suposto, polas mortes que atrás quedan e a esperanza que
xorde delas.
Para cavilar, da moito. É difícil para unha persoa con sensibilidade, pasar por alto esta película, como tema de comparanza, se alguén quer ver algún paralelismo, ou como análise dunha situación, desgraciadamente, moi extendida no mundo.
Emilo Saavedra Otero
Webs da tempada
Dixeron de nós na Voz de Galicia (26-Nov-96) que recomendabamos webs de pago. ¡Pero que se cren ¿que vivimos disto?! Nunca vos recomendamos NADA de pago. Os enderezos que aparecen nesta sección teñen todos cousas interesantes GRATIS TOTAL.
Cando nos paguen por recomendar un web non o chamaremos web da tempada: será patrocinador da tempada. Porque nós chamamos ás cousas polo seu nome.