Adeus, Rosa, adeus

Non hai moito tempo tiven que despedirme dunha boa amiga por motivos laborais. Destinábana a outra cidade o que supuña certo recoñecemento profesional e significaba un ascenso na súa carreira. Pero isto non me fixo feliz. Aledeime xa que o seu traballo é moi importante para ela pero os dous sabiamos que a distancia ía distancia-la nosa amizade. Prometímonos facer esforzos para que non se rompesen os nosos lazos pero é precisamente o termos que esforzar en ser amigos o que fai que a tarefa sexa baldía. Ser amigos significa xustamente o contrario: estar aí simplemente porque che apetece e non porque teñas obrigación.

Agora pregúntome se uns centos de kilómetros son dabondo para borrar dun plumazo as complicidades, o afecto e o agarimo que nos tíñamos.

Cuando un amigo se va algo se pierde en el alma recita a sevillana e agora noto en propia carne o que cría que era simplemente una letra pegadiza. Si, cando un amigo se vai algo de ti mesmo evapórase con el.

Certo é que, da mesma maneira que van, veñen e imos facendo oco a novos amigos que ó principio eran soamente coñecidos e que pouco tempo despois non te imaxinas tomando copas sen eles.

Pero o regusto amargo de ter perdido parte de ti non cho quita ningén, e daste conta que se ben o tempo faiche medrar persoalmente as circustancias da vida modifican e recortan o que crías que formaba parte de ti mesmo.

Quizais as batalliñas no bar ou vellas fotografías esquecidas poidan facer revivir esas partes evaporadas pero é ese valeiro de ti mesmo o único que fica.

De algo estou seguro: hai amigos polos que terei sempre ocos na miña vida.
Esmiríades

VI Festival Folk Internacional de Mondariz-Balneario

Na noite do sábado 17 de Agosto puidemos asistir ós concertos que dentro do dito festival se celebraron na citada localidade pontevedresa. Organizando todo estaba a asociación xuvenil Saidoiro, pero pese á súa boa vontade non puideron lograr que se fixesen as actuacións no marco do Gran Hotel, pola negativa dos seus titulares. De calquera xeito, foi moi aceptable a localización final dos concertos (o Hotel Cemar) e non houbo queixa.

O primeiro grupo en actuar foi Paco Díez y La Bazanca, de Valladolid. Despois dalgúns problemas de son, e cando a xente xa empezaba a impacientarse, empezou unha actuación que sorprendeu a máis dun. A simpatía do líder e os antigos sones sefardís da banda, alternados con pezas máis típicamente castelás (pasodobles, etc.), sacaron á xente a bailar e foron un bo aperitivo para o que había vir despois. Curioso oír o son da gaita castelá...

Seguiron os Dhais, de Lalín, co seu folk cheo de ritmo e máis preto ós ouvidos xóves có son máis purista e tradicional de xente como Milladoiro. Un baixo eléctrico potente e unha frauta protagonista en todo momento levaban a voz cantante. A xente que baixara a bailar con Paco Díez xa non abandonaría a pista...

E como traca final de festa a lendaria banda portuguesa Brigada de Víctor Jara. Crearon estes un ambiente especial, cunha magnífica comunicación co público (aínda que algún que outro non lle colléramos algunha palabra o voceiro do grupo, mágoa de separación secular da fala portuguesa e maila galega) e a participación de voces femininas galegas. Foi unha actuación emocionante e enriquecedora: esas gaitas, esa forma de toca-lo pandeiro... diferentes das galegas e ó mesmo tempo iguais. E o acompañamento de Uxía, á voz, como regalo engadido.

Casdeiro

Milladoiro nas festas de Bilbao

Lugar: Plaza Nueva. Data: noite do 23 de Agosto. Semana Grande de Bilbao.

Chego media hora antes do concerto e lamento o atasco producido polos fogos artificiais: xa non quedan asentos libres. A espera faise longa pola ansiedade. A xente non deixa de pasar e doume conta que dende onde estou sentado (fóra da zona de cadeiras) non vou ver nada.

Empezan a soar as primeiras doces notes e me ergo para ir máis adiante. A Plaza está chea sen chegar ó ateigamento. Un principio moi suave fai fuxir ós máis impacientes de entre o público. Os demáis ficamos degustando o entrante. Empézanse a notar algúns problemas de son (insturmentos que apenas se oen, amplificación ruidosa). Pero a noite vai collendo ritmo: ritmo galego. Pouco a pouco van facéndose co público. Unhas palabras cada poucas cancións: recordo ós compositores de música tradicional, anécdotas, dedicacións ós seus colegas vascos de Oskorri, palabras de alento para os pacificistas de Euskadi (ser pacificista en Euskadi hoy en día parece tan difícil como ser nacionalista vasco, gallego o catalán en Madrid, suponno que despois disto moitos dos da camiseta Euskal Herria Askatu marcharon do concerto), recordo para os emigrantes galegos no País Vasco...

O ritmo foi a máis pouco a pouco. E a entrega do público tamén. Ó final da actuación (máis de hora e media) xa os fixeran saír varios bises a gritos de Beste bat! (¡Outra!). Ovacións considerables. Vascos tentando bailar galego. Inmigrantes galegos. Fillos de inmigrantes galegos facendo espontáneamente alarde de baile ante os ollos sorprendidos do público. Mocidade con signos galegos no vestir. Mocidade rockeira movéndose sen parar ó ritmo da gaita, o violino, o pandeiro... Parellas rastas e alternativas abrazadas e mecidas polos aires atlánticos.

Por uns momentos un cheiro fedente pareceu querer estraga-la festa: proviña do lume que lle poñían neses intres uns críos pro-ETA a uns urinarios públicos nas cercanías. Gracias a Deus sopraba o aire e logo marchou o espectro nauseabundo da violencia.

Houbo momentos intensos, como cando o público seguía o difícil ritmo das palmas portuguesas, ou cando cantabamos "Quen puidera namorala" (sobre o poema de Cunqueiro) ou "Rompeu a chiculateira".

En definitiva un regalo para os ouvidos do todo aquel que dende a morriña pola patria lonxana ou a admiración polo son dun pobo irmán acudiu á Plaza Nueva de Bilbao mentres a poucos metros reinaba a cacofonía das festas e os estoupidos da violencia.

Casdeiro

Especial Os Diplomáticos de Monte Alto

Historia dun encontro imposible

A Coruña, 20 de Agosto do 96. Máis ou menos as 7 e media da tarde. Fago a miña primeira entrada no Parrús. Momento histórico. Baixo as escaleiras e alí estou, no mítico local dos Diplomáticos. Pidos uns cortos para min e meu curmán que me acompaña nestas últimas horas que hei pasar na Coruña antes de volver para casa. Non teño moito tempo así que vou directamente ó grao: pregúntolle ó camareiro se teñen a vender camisetas do grupo. Dime que non, que ata que volvan á Coruña e as traian, non teñen. Pregúntolle por ónde é que andan, se siguen polo País Vasco (lera había uns días que tocaran en Gernika con gran éxito). Dime que precisamente tocan ó día seguinte en festas de Bilbao. ¡Cajondiola! Non pode ser... Xustamente mañá éche cando marcho eu para alá... ¡Vounos perder outra vez! Sempre igual: eu para Galicia, eles para Euskadi: historia dun encontro imposible.

Pero, agarda un momento... Eu chego as 8 e pico, e o concerto hache ser pola noite... ¡Aínda poderei velos! ¡Alabado sexa Alexandre Finisterre! Así que vou as 12 horas de viaxe en tren pensando no concerto, quentando motores...

Xa estou nas Biscaias. Chamo ó meu amigo Alberto, doume unha ducha e tento informarme. "Miércoles 21. Os Diplomáticos de Monte Alto. Txosnas". Bo, a información non é moita pero confirma as noticias do Parrús. Non se especifica o sitio pero non che han ser difíciles de atopar (bandeiras nakra, ¿onde estarán?).

Xa son as doce e estamos a percorre-las txosnas. Un escenario tras outro. Aínda non hai rastro dos Diplomáticos. A xente das txosnas non sabe nada. ¿En cal dos escenarios poderán tocar? ¿A que hora? ¿?

Un detrás doutro polos escenarios van pasando grupos. Pero non Xurxo & Co. Van pasando os minutos, van pasando as cervexas. Voume poñendo nervioso. E ¿se o concerto non era nas txosnas? e ¿se era na Praza do Gas? e ¿se non era hoxe? e ¿se beberon demasiado antes do concerto e non poden tocar? ... Xa son as 2 e pico da madrugada e non apareceron aínda nin conseguín noticia ningunha deles. Xa estou desesperado, derrotado. O meu amigo di de ir tomar algo a un garito separado da zona das txosnas. Bueno.

Son case as 3 e volvemos cara ás txosnas. Xa son un zombie, a cabeza gacha ata que oio un son enxebre de acordeón... Ó lonxe vexo un grupo nun escenario: ¡¡Os Diplomáticos!! Achégome a velocidá luz deixando atrás ó meu amigo. Alí están, en plena apoteose, entre un público danzón que enche o pequeno espacio diante do escenario, a auténtica Tropa da Tralla in person. ¿Levarán moito? ¿Cando empezarían? O que temía: perdín o principio da actuación. Pero, ¿canto máis? Pregúntolle a un repunante da txosna de enfrente. Faime un aceno: que non sabe. Un compañeiro ve a paixón na miña cara e venmo dicir: xa levan moito tocando. ¡Horror! ¡Merda vella! Sinto o peito reventar entre o infortunio de perder a meirande parte do concerto e o desexo de empaparme das cancións que queden... ¡Sorpresa: "O Tren!" O tren que me leva pola beira do Miño... E a min tróuxome a casa e ó concerto máis esperado, pero mira ti que mala sorte... Agora trasfórmanse en Fillos de Pita e lle meten ás rancheras. Despois un "Ai vai", un "Vivir en Bilbo que fonito é"... E xa está. Acabou. Apenas 15 minutos. O mel nos beizos. Síntome morrer. Quero matar ó meu amigo, quero matarme a min por facerlle caso: xusto nos fomos das txosnas cando deberon empezar a tocar, xusto antes de pasar polo escenario onde efectivamente habían tocar. ¡Cajonacona! Non estaba tan subitamente deprimido dende aquel penalti que fallou Djukic... Hai un par de rapazas que me miraban cantar as últimas cancións poñendo a ialma naqueles escasos intres tentando comprimir neles anos de espera por ver o grupo máis arroutado da historia, un par de rapazas que me miraban con esa ollada que quere algo. Pero non podía: ardíame o peito de rabia. E ó acabaren de tocar alí estaban. Alí tiña a Xurxiño, podíame ter asinado o libro, podía ter falado con el, coñecelos a todos... aproveitar que aquí apenas son coñecidos e a xente non os rodeaba, falarlle do que é ser galego biscaíño, retalos a unha partida brava de futbolín... Pero non podía. Tiña ganas de chorar de rabia, coma os nenos pequenos.

Nin tan sequera puiden preguntar polas camisetas.

"Vámonos a casa". Marcho de fuciños co meu amigo cara ó tren sen dicir máis. Só quero chegar canto antes a Barakaldo e esperar que esta noite me estoupe o peito e saia do burato unha nécora rabiosa.

Casdeiro

Concerto de Os Diplomáticos de Monte Alto en Santurce

Primeiro día de festas no barrio de Mamariga en Santurce (Biscaia). Primeiro concerto de festas: Os Diplomáticos de Monte Alto. Alí estabamos hora e media antes do comenzo da actuación achegándome ó escenario onde estaba o grupo probando sonido. Atrás quedaba a inesperada chamada de Xurxo Souto na que me avisaba do concerto e me falaba do que lles emocionara a miña carta. Nela botaba fora de min toda a rabia que me encheu cando perdín a actuación que tiveran en festas de Bilbao, gran concerto polo que me contaron. Agora non podía cre-la miña sorte: pasaba da tristura máis fonda por perder de ver o grupo tras anos de buscar e disfruta-los seus discos e tentar velos en directo, á ledicia absoluta de recibi-la súa chamada e te-la oportunidade de non só velos en directo senón coñecelos en persoa.

En canto baixou Xurxo do escenario para saudarme chegou unha nova e marabillosa sorpresa: "?Viches quen está connosco tocando a guitarra? Manu, de Mano Negra." Entre os cegadores focos tardei en encontralo, pero non había dúbida: alí estaba o carismático inventor da patchanka, disfrutando a proba de son entre os seus amigos Diplomáticos.

O amable Xurxo Souto acompañounos a presentárno-la súa simpática moza e puidemos te-la nosa primeira conversa. O deixamos de contado que fora seguir coas probas e fomos tomar algo namentres 'acababa de coce-lo caldo'.

Na espera apenas algúns velliños nos bancos e rapazada con pegatinas de Marihuana legal ya. Non parecía esperar ninguén ó grupo.

Pouco antes das doce da noite apagáronse as luces da praza e minutos despois empezaba o concerto cun son poderoso de tambor, como de treboada, tribal, enxebre, mentres a voz de Xurxo xurdía directa e apaixonada. Comezo vibrante que deu paso a unha variada serie de temas dos tres discos, entre os cales non paraba de sonar a xeito de interludio "Ai vai", peza orixinal do seu invitado Manu Chao. Entre as cancións coñecidas que tocaron estaban: "Talleres Carnotxo", "O Incrible Bestilleiro", "Castiburón", "Como o Vento", "Gaiteiro", "Vivir na Corunna" (versión Santurtzi), "Fura Futobolín", "Peito de Uralita", "Apaja o Kandil", "Terra Brava", "Platinos", "San Furancho", un medley "A tropa da tralla / Non chas quero". No final do concerto, coma fixeran en Bilbao, trasformáronse en Fillos de Pita para tocar "O Tren" de Do Barro, "Anselma"... No medio do concerto saleu das sombras dun lado da batería, onde participaba na percusión, Manu Chao que agarrou a guitarra para tocar un tema de Los Carallos, o seu antigo grupo, e un xenialmente improvisado "Marihuana blues". A xente quedou totalmente sorprendida (¿podía ser realmente él? ¿con esos gallegos?). Entre ese detalle, a simpatía brava de Xurxo cara ó público explicando os temas, falando nas introduccións dos mariñeiros, do bonito que che é ter un fillo jevi, de Alexandre Finisterre, dos repunantes (Michel, a Obregón, Jesulín -con foto que adornou durante un rato o micro-, Rociíto...), a bandeira independista galega, a ikurriña cos escudos das sete provincias... ganáronse a un público que na súa inmensa maioría non os coñecía apenas de nada. As primeiras filas disfrutaron de moito espacio para bailar a gusto e por atrás non se estaba nada mal porque se ben había bastante máis xente da que se podía ter esperado unhas horas antes, estábase folgado.

Pese ó cansao da viaxe e o pouco durmir o grupo fixo un concerto enérxico, como non pode ser doutra maneira.

E pese a toda a enerxía gastada no escenario aínda lles quedou abonda para aturarnos ós poucos pesados que os abordamos ó final para entrevistalos ou pedirlles sinaturas ou camisetas. Tralas entrevistas aínda tiveron forzas para ir sumerxirse na festa entre novos e vellos admiradores (e admiradoras!). Entón foi cando falamos entre a cervexa e o kalimotxo das posibilidades da Internet, das loitas propias de cada un, da festa, das nacionalidades, da paz e a violencia, da nova revista bravú dirixida por Pereiro, de planes musicais... e incluso puidemos disfrutar da versión a capella que Manu Chao e a moza de Xurxo Souto fixeron do "Me estoy quitando" de Extremoduro. ¡Gracias, Diplomáticos, pola vosa simpatía e agarimo e poder! ¡Gracias, Manu Chao, pola túa naturalidade e que sigas redescubrindo esa Galicia que tanto che ten impactado no corazón!

Foto de Casdeiro con Os Diplomáticos, Manu Chao e xente de Pititako Irratia (emisora de radio de Santurtzi).

Saúdo en exclusiva de Manu Chao para los lectores de Synapsis (WAV, 50 Kb).
Saúdo en exclusiva de Xurxo y Mang&uumf;i de Os Diplomáticos para los lectores de Synapsis (WAV, 143 Kb).

Casdeiro

Entrevista con Xurxo Souto de Os Diplomáticos de Monte Alto

Polo que se ve vides tocar moito ó País Vasco. ¿En que lugares de Euskadi tedes máis éxito? ¿Ides tocar a outras autonomías?

Bueno, en xeral a xente do País Vasco, a xente de Euskadi é apaixoada, bravú, entón non podemos facer un escalafón así de sitios onde temos máis éxito: a resposta é sempre boa. Home, nos sitios onde hai máis galegos notas que a xente sabe mellor as pezas, ese tipo de cuestiós, pero a ese nivel. Temos tocado en sitios totalmente diversos: non sei, dende festas en Bilbao (que chegaches tarde) que é un sitio grande a poboacións como é Tolosa (en Eibar non tocamos, que choveu)... unha vez tocamos nun sitio que se chama Markina, un sitio pequechiño de todo que fumos tocar, que aparte alí non había galego ningún e para nós foi o máis bonito porque é dicir alí conquistar un público que está totalmente fóra do noso contexto foi algo totalmente poderoso, bonito.

En canto a outras autonomías pois temos tocado bastante (bueno, un par de veces) en Barcelona, en Zaragoza (no ZZ Rock) e chamáronnos para as festas do Pilar, imos por Madrid tamén ás veces e por Asturias. Queda gran parte de Península Ibérica por conquistar aínda.


¿En que medida influeu Kaki Arkarazo no son do último disco, a parte da súa participación coa guitarra nunha das cancións? ¿Esas introduccións a base de caixa de ritmos en plan hip-hop son cousa del? ¿Pensades evolucionar hacia a vosa parte ranchera, blues ou rapper?

Pois eso: na pregunta xa introduces elementos da resposta. Kaki participou principalmente (á parte de que como é un home de moita cabeciña pois impregna todo o que fai, porque alí era productor) esas transiciós en plan hip-hop efectivemente fíxoas el, á parte fixo colaboración na guitarra... e sobre todo deunos espíritu, ánimo para face-las cousas cun pouco máis de coidado porque hai algo así consustancial a nós que é ese principio de ser tan trangalleiros que vale, unha cousa é ser apaixoados pero se eres quen de lanzar unha mensaxe apaixoada pero nun continente ademais perfecto ou intelixible pois a mensxe vai ser moito máis contundente. Eso en canto ó de Kaki.

En canto á evolución non sei cara ónde imos tirar. Supoño que, o principio é eso, a bravura, na forma que sexa. Non teño moi claro por ónde vai ir o conto.


¿Considerádesvos en certo modo os abandeirados do chamado rock bravú? ¿Parécevos que será unha moda que pasará ou vai se-la semente de todo un novo futuro musical en Galicia?

Bueno, máis que abandeirados somos un grupo máis que está implicado no proxecto. Porque é un proxecto para nós moi grande, moi entrañable e absolutamente inédito frente ó proverbial odio que hai entre os grupos ou tensiós, porque coa historia esta do bravú inventamos unha dinámica solidaria entre todos nós. É máis, xuntámonos nunha aldeíña alí en Chantada hai dous anos, decidimos buscarlle un nome frente a ese tópico dos grupos que din Non, é que eu estou fóra de calquera tipo de etiqueta. Non, nós queremos ter unha etiqueta e ó mellor o que pode ser unha moda é a etiqueta en si, o nome bravú, pero digamos que o contido que está detrás... eso, un país pequechiño, un pobo como é Galicia, pero cunha expresividade brutal eso é algo que existe e vai existir creo que durante bastantes décadas.

¿Que hai da parte literaria do movemento bravú? ¿Que escritores están na movida e de que forma?

Pois, home, declarados está un rapaz de Lugo que é Santiago Jaureguizar, que tén ascendencia vasca, por certo,... pero de tódolos xeitos dentro do bravú o eido literario é para min o máis interesante e o que espero que teña un futuro máis grande, é dicir no sentido de que hai 15.000 historias poderosísimas que contar e que están aí paradas. Así resumindo, a min chámame a atención cómo poden saír historias tan potentes e tan inéditas. Por exemplo un mariñeiro galego ó mellor non sabe ónde queda Celanova, porque é unha cidade do interior, pero por exemplo un mariñeiro galego sabe ónde queda Capetón e Capetón é Capetown, Ciudad del Cabo en Sudáfrica, dicir que esa visión dos mariñeiros que bautizaron toda a Terra, eso está por contar, ninguén o explicou. É dicir, hai unha literatura por armar inédita. Coñecín un patrón de pesca de Corme, Serafín Mourelle, que este nos anos 70, este dicía: O mar non é poesía: o mar é traballo e esforzo E logo dicía Eu nacín en Corme, crieime na Coruña, casei en Noia e vivín no Jran Sol: ¿de onde son? Son do mar máis ca de sitio ningún. Eso xa si que é poesía. Hai grandes historias que contar por aí.

¿Cal é a vosa opinión do resto de xente que anda metida no rollo bravú? ¿Que grupos vos parecen máis interesantes ou prometedores?

Nós en principio... É unha pregunta moi delicada... En principio nós somos solidarios. O principio do bravú é que cada grupo tire por onde quera tirar, polo seu camiño, pero así personalmente, dentro dese disco creo que había 12 ou 13 grupos teño unha devoción especial polos Rastreros de Chantada, en concreto ese tema "Tractorada"... Osea, facer un tema contra as cuotas do leite, pois facémola nós sería solidaridá de urbanícolas. Eles traballan na Cooperativa Gandeira, son de Chantada, e iso si que tén moita verdade. Por exemplo, ¿non? Podía falar de máis grupos pero quería destacar Os Rastreros.

¿Dalgunha forma pódese identifica-lo rock bravú cunha determinada opción política no xeito que sucedeu en Euskadi co rock radical vasco?

Pois eu creo que non. Nas primeiras conferencias que tivemos do rock bravú falabamos de facer... que todo o que nos unía é o amor á terra e o amor á lingua, máis ca un ideario ou unha ideoloxía clara ou definida. Por exemplo os Rastreros que che citaba decláranse anarquistas sen embargo están Xenreira, da Estrada, que eses son así nacionalistas. Máis ca unha ideoloxía é unha idea: a lingua e a terra.

¿Tedes éxito entre a xente maior? ¿Como responden cando vos oen tocar pezas tradicionais pasadas polo voso potente estilo?

Eu creo que si porque a xente maior ten unha devoción especial polo acordeón. A miña avoa dicía que alí onde houbese un acordeón, nun rueiro onde houbese un acordeón, alí había festa, había romería. Entonces ó ver ó Rómulo co acordeón a xente entrégase.

As vosas letras non son precisamente intrascendentes, popies por dicilo dalgunha maneira. Tedes rabia nelas pero... ¿Que hai alén das vosas proclamas Kontra o mundo, Revolución, Forza dabondo pra tronza-lo universo..? ¿Promovedes algún tipo de reacción política, social ou vital/persoal na xente? ¿Contra quen vai tanta rabia?

A actitude fundamental é iso. Con toda a modestia do mundo, pero con toda constancia... unha constante actitude de subversión. O mundo tal como está non nos gusta e na nosa pequena medida, pero medida insistente, estar todo o tempo rompéndolle a cabeciña a quen poidamos por estas cuestiós. E neste momentos o máis obvio é eso: a rabia frente a perda de identidade. Ti prendes a radio e en calquera emisora están falando expertos en macroeconomía europea dicíndonos o que temos que facer, dándonos lecciós, eliminándonos como individuos. Frente a eso: identidade e creatividade, serían as grandes claves de todo esto.

¿Que haxa grupos de rock galegos fai máis pola normalización da lingua que tódalas actividades das institucións públicas?

Eso está claro. Eso é obvio. De todas formas que haxa grupos de rock galegos era algo obvio que tiña que aparecer, era o lóxico, era o normal, ¿non?

¿Que pensades dos grupos galegos que cantan en inglés: Killer Barbies, Blood Filloas, Rebelde Rojito, Kozmic Muffin..?

Cada quen que faga o que queira. Quero dicir que na música non hai un ideario: hai que facer esto, hai que eso... Nós podemos explicar por qué facemos o que facemos, pero nunca podemos dicir a xente o que ten que facer.

¿Qu&e relación tedes con grupos e públicos do extranxeiro? ¿Cal é a vosa relación, por exemplo, con Manu Chao? ¿Cando pensa cantar Chao en galego?

¡Xa cantou en galego! Xa hai anos. Tiña un grupo que se chamaban Les Carallós, en París, e xa cantaban en galego "Aí vai". E a relación con Manu para nós pois foi unha relación de admiración de sempre, para nós era unha estrela do rock and roll. E agora descubrimos que é unha persoa que é un amigo e hai unha relación pois moi boa. Por exemplo para nós foi un honor cando volveu de Colombia e estivo en Madrid e tal... e esas ganas que tiña de redescubrir Galicia e claro pois nós fomos parte da xente que lle axudou a redescubrir Galicia. Eso é algo moi bonito.

Ténme pasado coa xente que me pregunta qué tipo de música tocades... ¿podería dicirse que sóde-los Mano Negra galegos?

Xa che nos gustaría, pero creo que é un título que nos queda demasiado grande. Esta é unha música de usar e tirar, xa che digo. Os nosos pais son da aldea, nós somos da cidade, gústanos a música heavy e os Chunguitos e tamén nos gustaban Os Satélites e a música tabernaria en galego. E desa mestura naceu o que somos: algo bastante modesto que sigue sendo modesto co paso do tempo, quero dicir que non aprendemos a tocar, pero que bueno que ten a súa descarga de forza vital que para mín é o máis importante.

¿Qué vai pasar esta tempada co Dépor?

É que eu desde que marchou Arsenio Iglesias non quero falar do Deportivo. Négome en redondo. É máis, desde que marchou Arsenio cada vez impórtame menos o fútbol, en concreto o Deportivo.

Casdeiro