Singles recomendados da tempada:

  1. "Burden in my Hand" - Soundgarden
  2. "Stupid Girl" - Garbage
  3. "Aneurysm (Live)" - Nirvana
  4. "A comer a casa" - Los Del-Tonos

Álbumes recomendados da tempada:

  1. "Down on the Upside" - Soundgarden
  2. "From the Muddy Banks of the Wishkah - Nirvana
  3. "New Adventures in Hi-fi" - R.E.M.
  4. "Chaos and Disorder" - Prince
  5. "Everything Must Go" - Manic Street Preachers
  6. "Three Snakes and One Charm" - The Black Crowes

Algo de música para redescubrir:

UP! Álbum "Brand New Bag" de The Mother Station:
Álbum de 1994 desta banda de rock sureño (Tennessee), con moito rhythm & blues e unha voz feminina apaixonada e desgarrada (unha das dúas rapazas do grupo).

Críticas de tebeos da tempada

DOWN! Hellboy - Los lobos de San Augusto (Hellboy - The Wolves of Saint August, #) - Norma Editorial (Dark Horse - Legend). Autores: Mike Mignola, James Sinclair
Mignola ós lapises: ¡ben! Mignola ó guion: ¡oh, non! Podería ser un resumo da impresión que lle asalta a un ó ler este tebeo. E se non a ten, quédalle como predisposición para outra vez. As ilustracións de Mignola, se ben non son prato para tódolos gustos, son dunha indubidable calidade e non defraudará ós seus seguidores. Sen embargo, aínda que se traballou documentalmente a historia (Mike, cunha sinceridade non adoitada nos guionistas, desvélano-las fontes do argumento nunha nota final), esta historia aparecida orixinalmente no Dark Horse Presents (#88...91) recopilada agora en España por Norma nunha edición que cae a anacos, déixanos cun E ¿iso é todo? cando rematamos de lela. O guion podía dar moito máis de si, podía exprimirse dando unha boa e longa historia con pés e cabeza (de lobo!), pero queda nunha excusa absurdamente xustificada para ilustrar unha loita de Hellboy sen ningún interese en si mesma.
Casdeiro

Críticas de películas da tempada:

DOWN! Independence Day, de Roland Emmerich.

Onte fomos ve-la pelicula do día da independencia. Démonos conta de certos detalles, algún deles non precisamente detalle, xa que salta da pantalla: referímonos ó patrioterismo ianki subido de tono.

Toda a pelicula pásana dicindo o bos que son e o inútiles que son os demais. Aparte disto tan obvio comentamos por exemplo o ben que esquivan os cazas americanos os disparos dos extraterrestres e ó final o mal que voan os bichos e o fácil que os derruban usando os cañóns Vulcan dos cazas.

Vexamos: en primeiro lugar os raios disparados polos bichos sexan da natureza que sexan, lasers, blasters ou calquera outro, son luz, ondas electromagnéticas e como tales a súa velocidade de propagación é a velocidade da luz, ou moi próxima. ¿Como pode un avión que só alcanza 2 ou 3 veces a velocidade do sonido esquivar un raio?, ¡se dende que disparan o raio ata que chega ó avión o tempo transcorrido non é dabondo nin para move-lo avión nin unha fracción de milímetro! ¿É que os marcianos son tan listos como para viaxaren anos-luz pero tan parvos que non poden facer un sistema de puntería e disparan ó tolo?

O segundo, vemos cómo os cazas derruban naves espaciais a gusto cos cañóns e mísiles, unhas naves capaces de saír da atmosfera terrestre vencendo a atracción gravitacional da Terra como se nada e que por tanto teñen que ter unha velocidade de desprazamento e unha aceleración enormes, moi moi superiores ás dos avións, por moi americanos que sexan; polo tanto deberían de voar moito máis rápido cás balas e mailos mísiles.

Cando os ET´s disparan o supercañón e o arrasan todo, a moza do rapaz bo métese nun oco da vía do tren e milagrosamente sae sen un so rasguño (¡deberíase ter cocido viva como pouco!) e ó saír vese en medio da devastación dos edificios, coches e todo en xeral... ¡un par de palmeiras que non perderon nin o verde das follas, nin tan sequera están un pouco chamuscadas!

Nótanse bastantes puntos en común con outras películas xa clásicas, como por exemplo cando o presidente americano quere destruí-lo superraio disparando un mísil, veume á mente a imaxe de Luke Skywalker disparando o seu mísil para destruír a Estrela da Morte; ou cando infectan con un virus informático a nave nodriza lembroume a Guerra dos Mundos cando se resfrían os extraterrestes por un virus da Terra; e demais, que por falla de espacio pasamos de poñer.

Por certo évos curioso cómo entran no ordenador dos marcianos, sen código de acceso nin login, sen coñeceren o protocolo de comunicacións... vamos, como se prendésemo-lo ordenador da nosa casa. Igual que entran na nave: sen se identificaren nin nada, como Pedro pola súa casa.

E, ¿pódese saber cómo aterran despois de que os alcanze a onda da bomba atómica que deixan na nave gorda e caen á Terra? ...Porque a nave queda feita unha merda pero a eles non se lles enruga nin o puro que fumaban, e non tiñan air-bag.

Poderiamos seguir pero por falla de espacio e tempo, como na tele, deixámolo aquí. De tódalas maneiras a peli non está mal, é entretida, mellor sen tanto americanismo barato, pero xa se sabe que os iankis son máis papistas có Papa. Os efectos especiais son moi bos; iso si, a golpe de ordenador, sen posible comparación cos de A Guerra das Galaxias que eran a man. En fin, unha forma de pasar entretidos algo máis dun par de horas.

Luis Grijalba Merino

UP! LA CANCIÓN DE CARLA (CARLA'S SONG)

Director: Ken Loach. Intérpretes: Robert Carlyle, Oyanka Cabezas, Scott Glenn.

Trátase dunha nova película do famoso realizador británico na que volve utilizar temática e recursos doutra das súas películas de temática bélica, Tierra y libertad. Por varios motivos faime lembrar aquela: tamén aquí se trata dunha guerra civil, tamén hai participación estranxeira, tamén hai alguén que descobre a realidade dunha loita allea dende unha posición cómoda nun país en paz (agora é Escocia), a película divídese xeográficamente en dúas zonas (correspondentes á paz e maila guerra)... Ó final acabas vendo que os bos da película son os de esquerdas, como ó fin e ó cabo é en ámbolos dous casos (aínda que quizais non tan bos). Aquí os malos (a Contra nicaragüense) non din nin unha palabra, pero xa bastante di a personaxe de Scott Glenn, ex-axente da CIA reconvertido á causa da paz. En ámbalas dúas películas aprendemos da man do protagonista unha realidade de dor, heroísmo e fratricidio. E o estilo non cambia moito: seguimos tendo longos e pesados planos nos que os protagonistas do conflicto falan sobre o pasado, o presente ou o futuro da súa loita diante dos ouvidos abrumados do guiri, con sobredoses de palabras apaixonadas que a bastante xente poden rebotarlles polo cru da súa exposición cinematográfica.

Ata aquí os esquemas repetidos. Pero hai novos sabores nesta película, como a parte de comedia romántica do principio, que contrasta coa dor que se empeza a desbordar en canto o protagonista, George, empeza a derruba-los muros que illan a fermosa Carla Delgado (convincente Oyanka Cabezas) do seu propio inferno interior. Hai momentos de lograda intensidade poeticamente emotivos ó longo de todo o filme, con elementos maxestuosos como a paisaxe de loch escocés ou sinxelos como a fotografía enrugada que recibe a Carla á súa volta ó mundo dos vivos.

E iso é en definitiva, unha vez máis, a nova película de Ken Loach: un escenario de traxedia bélica no que se mergullan personaxes que aman e sofren, pero un escenario que traspira mensaxes de liberdade e soños de revolución, ó contrario có cine bélico tradicional onde adoitaba ser un mero marco argumental para unha aventura, un romance ou un alegato propagandístico. E un dos medios polos que nos chegan as mensaxes en torno ó conflicto é a música, que como se reflicte no título, ten un especial significado nesta obra: Carlos Mejía Godoy e máis Silvio Rodríguez levan o peso principal neste apartado.

Comentar para finalizar que, unha vez máis, debemos ver unha dobraxe ó castelán dunha obra rodada en inglés e castelán, cos chirridos ilóxicos que iso produce nos diálogos dobrados. De todos modos, salvouse moi honrosamente esta dificultade inevitable, sen chegar a facela invisible para o espectador.

En definitiva unha película emotiva e que da que pensar sobre o noso mundo: ¿alguén pode pedir máis?

Casdeiro

Webs do mes