
Director: Robert Rodríguez. Guión: Quentin Tarantino. Intérpretes: George Clooney, Quentin Tarantino, Harvey Keitel, Juliette Lewis, Salma Hayek... Banda Sonora: Tito y Tarántula, Stevie Ray Vaughan...
Trátase dunha nova pasada deses dous enfants terribles do novo Hollywood, que desde as películas de culto feitas cunha presada de dólares e amamantados con pura serie B, cómics e literatura pulp están chegando ás posicións máis altas da industria do celuloide. E namentres sigan a se-los mesmos ca cando empezaron, nós tan ledos: máis éxito, máis películas, mesmo estilo.
¿De que vai a película? Pois de novo Tarantino e Rodríguez déronlles nos fuciños á maioría de críticos etiquetadores facendo unha película que reborda os límites dos xéneros convencionais. Poderíase dicir que tén algo de road-movie, moito de comedia de terror, bastante de parodia, guiños ó gore e homenaxes ó cine de culto mexicano ou asiático. Todo metido no batedor e centrifugado a 5000 rpm. Alíñase cuns intérpretes que o pasan de medo facendo a película e uns correctos efectos especiais e temos servido o sanguento cóctel da tempada.
¿Puntos débiles? A case ninguén se lle escaparán tachas e incoherencias do guión, pero pódense deixar a unha beira e disfrutar do conxunto. E por outra banda atopámonos de novo con mostras do mal que se traduce en España (pregúntome canto tempo levan enganándonos facéndonos ver películas con diálogos e nomes trocados... ¿u-los bos traductores?): A famosa "Teta Enroscada", publicitada ata fóra da película mediante promocións comerciais e concursos, é en realidade "Titty Twister" ou sexa, o "Retuerce-tetas", "Retuerce-tetitas" ou "Retuerce-pezones"... ¿De onde sacaron iso da "Teta Enroscada"? ¡Vaia vostede a saber! Se non tiñan máis que mirar a figura de neón á entrada do antro... ¡Xesús! Se tan mal traducen algo tan simple... ¡o que non farán cos sutís á vez que mestos diálogos de Tarantino!
De tódolos xeitos non nos amarguemos e disfrutemos deses momentos cumes da película: ese baile con serpe e cervexa Chango incluídas que pon os pelos de punta, ese burato de bala na man que nos deixa ver a un desagradable e divertido Tarantino, ese Equipo A do paranormal preparando as súas armas amparados polo espírito de Peter Cushing, ese plano final que nos deixa xeados no medio do deserto mexicano...
En definitiva, non defrauda ós seguidores de Quentin & Robert. Os demáis xa podedes saír correndo do cine... aínda que vos advirto que George Clooney tén 6 amiguiñas que corren máis ca vosoutros.
---Casdeiro
E se queredes saber/ver/oír máis sobor a From Dusk Till Dawn, recoméndovos ir a unha páxina máis sobor From Dusk Till Dawn.

¿Preparastes xa os vosos corpos louzáns e os vosos sacos de durmir para ir ó acontecimento rockeiro do ano en España? ¡¿Aínda non?! Nese caso podedes perdérvo-lo seguinte:
Días 3 e 4 de Maio (Parque del Soto, Móstoles, MADRID): grupos definitivos:
| Rage Against The Machine | día 3 | The Smashing Pumpkins | día 4 |
| Cypress Hill | día 3 | The Jesus And Mary Chain | día 3 |
| Rancid | día 3 | Terrorvision | día 4 |
| Los Enemigos | día 3 | Cocteau Twins | día 4 |
| The Posies | día 3 | Los Planetas | día 4 |
| Los Flechazos | día 3 | Sex Museum | día 4 |
| Mucky Pup | día 3 | F.F.F. | día 4 |
| The Pleasure Fuckers | día 3 | Tribu-X | día 4 |
| High Llamas | día 3 | Bracket | día 4 |
| Pribata Idaho | día 3 | Filter | día 4 |
| Tijuana No | día 3 | Psilicon Flesh | día 4 |
| Hamlet | día 3 | Boikot | día 4 |
| Hammerhead | día 3 | Marion | día 4 |
| Sexy Sadie | día 3 | Dut | día 4 |
| Treble Spankers | día 3 | Parkinson DC | día 4 |
| Venas Plutón | día 3 | Letters To Clio | día 4 |
| El Club de los Poetas Violentos | día 3 | Ke no Falte | día 4 |
| Vantroi | día 3 | Buenas noches Rosa | día 4 |
| La UVI | día 3 | Uncle Ho | día 4 |
| Intronautas | día 4 | ||
E iso non vos é todo:
Xa vedes: un acontecemento histórico, sen precedentes en España, que sorteando problemas de todo tipo (¡oh, cielos, miles de rockeros van a invadir Móstoles!) incluindo reticencias por parte de grupos ecoloxistas temerosos do estado das arboriñas do parque o día despois, promete comodidade (¡5 ou 6 m2 por persoa! ¿será certo?), boa música e buen rollo (nada de alcol, excepto cervexa).
Segundo se salientou na Conferencia Europea sobre Transporte Urbano celebrada recentemente en Bilbao, a catástrofe chegará pola vía máis estúpida: o costume de andar en coche dun punto a outro das cidades está a extingui-las reservas de enerxía.
O transporte é o segundo consumidor mundial de enerxía e ó ritmo que vai será o responsable de que a cousa saia de control en poucos anos. E aínda por riba gran parte dese consumo débese a deficiencias de doada reparación nos vehículos e ó xeito de conducir de moitos cidadáns. ¡E ademáis éche pura comodidade, tendo medios colectivos de trasporte!
Póñeno tan negro que seica non quedará nin leña nos montes. ¡Deus nos asista!
Continuamos co meu arquivo de radio-barbaridades históricas. Teño que aclarar que a maioría son de emisoras que hai tempo que non escoito e que espero se haxan reformado... ou mellor non: ¡así a programación musical será tamén humorística!
---Casdeiro
Moitas voces véñense alzando procedentes de diversos sectores sociais desque a manipulación xenética se fixo presente nas nosas vidas. Cada día son máis as noticias sobor os logros desta disciplina científica que acostuma toma-la forma de novas ou alteradas especies animais ou vexetais (de momento non trascenderon noticias sobor humanos alterados). A industria empezou a ver un filón nestas creacións xenéticas que mesmo poden vir revestidas dun manto de filantropía como no caso de vexetais modificados para se adaptaren a entornos onde poderían acabar coa fame.
Pero por moito que se prometa acerca dos beneficios destes inventos xenéticos hai unha gran parte da sociedade que desconfía deles. E non é de extrañar posto que a esixencia da industria leva en moitas ocasións a sacar ó mercado especies modificadas sen os necesarios e exhaustivos tests que determinen a súa inocuidade.
Sen embargo as protestas máis interesantes veñen do lado ética por parte daqueles que consideran que o home non pode xogar a ser Deus creando novas formas de vida, que estas teñen que ser nin máis nin menos que as que Deus/a Natureza creou no seu intre ou as que proveñan, en definitiva, dunha evolución natural. Non parece que estas asociacións relixiosas ou conservadoras protesten de igual maneira polo efecto contrario: a disminución no número de especies causada pola acción do home. De calquera forma non trato de atribuírlles unha incoherencia nas súas denuncias senón ofrecer un novo punto de vista que as rebata.
Vexamos: polo visto só teñen que ser aceptadas novas especies ou razas cando sexa Deus (a Natureza, a Evolución desde o punto de vista ateo ou agnóstico) o que as produza. Isto quere dicir que se os factores naturais (clima, radiación, enfermidades...) producen a mutación dun animal noutro diferente, está ben. Pero se é o home o factor que actúa sobor unha especie para crear outra nova, non. É unha visión tremendamente antropocéntrica da Natureza, pois ¿seica non é o home un actor máis do drama da Natureza coma o poida se-la chuvia, un virus ou un macizo granítico? Se o consideramos así, veremos que é unha ferramenta máis (a máis poderosa quizais e consciente, pero ¿que diferencia hai niso?) da Natureza, non somos algo separado dela, por moito que o parezamos esquecer... ¿Que debemos impor un límite á nosa actuación mutaxénica sobor as demáis especies? Evidentemente, porque somos consciente dos resultados da nosa acción (¡ou deberíamos!) e non queremos leala e mandalo todo ó carallo, pero tampouco deberíamos renunciar a ser un factor de cambio no Ecosistema.
---Casdeiro
Xa está de novo esa marca de coches que todos coñecemos e do nome de cal non me quero lembrar lanzando unha nova campaña baseada no seu concepto (?) da mocidade... os Jóvenes Aunque Sobradamente Preparados.
O ridículo alleo que puidemos sentir tódolos xoves coa súa primeira campaña promete ser elevado ó cadrado nesta nova tanda de anuncios que nos tratarán de vende-la imaxe dunha xuventude absolutamente falsa, vergonzante e manipulada. Todo iso asociado por suposto á idea de rebeldía e éxito económico que non pode ir senón montada nos seus xuvenís e preparados coches.
Este reino das Españas volverá a ser tan permeable como a vez pasada e todo o sistema dará un empuxonciño máis a esta ridícula e baleira etiqueta coa que catalogarán a calquera novo dos que antes chamaban yuppies. Tal vez o JASP se impoña á redita e absurda Xeración X e sexa a primeira palabra inventada por uns publicitarios que pase ódiccionario para definir a un suposto sector social.
¡Non só nos van facer merca-lo que eles queren senón que nos pretenden facer chamarnos a nosoutros mesmos cos nomes que eles inventan!
---O Hipercrítico
Hai tebeos que son simplemente irresistibles. Non importa se es ou non es un devoto siareiro das aventuras do señor da noite, se estás a favor ou en desacordo coa política febrilmente recopilatoria que semella terse apoderado do nivel decisorio de Ediciones Zinco. Tebeos tan atractivos como este hai que mercalos e lelos co gusto que da un traballo tan ben feito.
Trátase da edición ibérica en formato de número dobre que recolle a historia en dúas partes que o tándem Steven Grant / Mike Zeck realizou para o título Legends of the Dark Knight ("Criminals", nºs 69 e 70).
Grant é un escritor que ten un don especial para a prosa introspectiva e paradoxicamente breve e directa, libre de subterfuxios. O meirande inconvinte do que pode ser acusado neste sentido é que moi probablemente nunca se saia dos parámetros nos cales ten asentada a súa forma de traballar. Do seu teclado nunca sairá un Sandman ou un Maxx. O que acontece é que se foi parar a amosarnos as vidas de Bruce Wayne ou Frank Castle é porque está dotado espontáneamente da capacidade para contarnos a forma de percibiren a realidade que estos personaxes teñen. E faino condeadamente bien.
Pola súa banda, dun grande artista como Mike Zeck pouco podemos dicir que non se teña dito xa. Descuberto por toda unha xeración de lectores co abrente das Secret Wars marvelianas, Zeck estivera traballando ultimamente no Eliminator de recentemente fagocitada Malibu Comics. Alí unha aparente dilixencia excesiva diluíu lixeiramente os seus tan carácterísticos trazos, sen chegar por isto a defraudar de todo. Mentres, Steven Grant embarcábase nun dos seus máis interesantes proxectos, o inquedante X de Dark Horse (por certo, é imprescindible axenciarse a triloxía debuxada por Chris Warner superada a decena de números deste título).
Como tándem, Grant & Zeck fixéronse populares coa miniserie de reintroducción do Punisher de Marvel Comics que posteriormente resultaría ser o prefacio á primeira colección regular protagonizada polo personaxe, nacida do equipo formado por Mike Baron e Klaus Janson. Esta colaboración de Grant e Zeck recibíu o título de "Círculo de sangue" [Circle of blood] e foi publicada por Comics Forum primeiro na fenecida Marvel Héroes como complemento e despois recopilada en tomo. Posteriormente o dúo retornaría á vida de Frank Castle coa novela gráfica "Regreso á Grande Nada" [Return to Big Nohting].
Historias sórdidas, ambientes violentos... vengadores solitarios. Así chegamos a este comic. Non sorprende en exceso a trama carcelaria de Grant porque xoga desde o primeiro coas cartas ó descuberto, e o seu desenrolo e desenlace é previsible. Chama sen embargo á atención o nivel de calidade e flexibilidade que Zeck logra. Mentres outros artistas practicamente botan a perder os seus lápices se se autoentintan -como o meu admirado e agora publicamente dilapidado pola Inteligentsia Jim Lee- Zeck cobre o seus trazos de mina tan maxistralmente coa tinta que lle fai a un preguntarse que tolemia ou atrevimento pode embriagar a algúns entintadores para embestir o traballo a lápis do veterano artista con inexpertas plumas e pinceis.
Sacrilexios artísticos a unha beira, o equipo de informáticos
coloristas ou coloristas informatizados de Digital Chameleon
enfúndanse nesta ocasión o seu traxe máis sobrio e deixan a
espectacularidade e os bruscos contrastes fosforescentes
para os comics de Image, dito quede sen o menor
menosprezo. Unha elección intelixente, porque realmente
logran acoplarse á historia. Por derradeiro detalle, un aspecto
do que case nunca falamos: a traducción. Se non me
trabuco, por fin puiden ler un tebeo sen atopar
barbaridades como traduccións literais de expresións
inglesas, sen o verbo haber impersoal conxugado en
plural, sen "tú lo hicistes" ou cousas así. Eso sí, a
batalla do "leísmo" (aplicar "le" para o complemento
directo en lugar de "lo") está totalmente perdida. En fin.
Ben, xa sabédes que se no atopades este maravilloso
tebeo no quiosco podédes pedilo ó servizo de venta por
correo de Zinco, que tamén eles terán familias que
manter. Digo eu.
Hai máis dun mes que deixei o tabaco e o oito de Maio volverei fumar.Esta frase,
tan sinxela ela, provoca entre os meus coñecidos as máis dispares reaccións.
Algúns fican con cara de perplexidade e pídenme que repita unha mensaxe que é
inimaxinable para almas e corpos consagrados ó novo deus da saúde bendito a través
da suor e as privacións nos modernos templos de moda:ximnasios,restaurantes-light...(
Algún día volverei retomar este tema ).
Sen embargo a maioría cuestióname sobre o motivo de tan pouco usual acto.Superación
persoal,coñecer ata que punto chega a miña dependencia da nicotina e certa curiosidade por constatar , na propia carne, a veracidade da literatura anti-tabaco son as respostas que
normalmente expoño.Ata aquí todo lóxico e normal. Pero indefectiblemente
preguntan:"Entonces ¿Por qué vuelves a fumar?" "Porque me gusta" respondo. É nese
preciso momento cando entornan os ollos e suspiran un "noloentiendo".
Gústame fumar. Gústame sentir como o fume se desliza polos meus pulmóns e como a miña respiración se acompasa e relaxa ó ritmo das caladas do meu cigarrillo.Disfruto do pracer de
acender un pito despois do café nunha morna mañá de abril. Paréceme de bon
gusto ofrecer un cigarro a un amigo fumador e encántanme eses intres de silencio ,que
se producen nunha conversa entre fumadores, nos que se sinten os distintos praceres
dunha planta seca, troceada e enrolada nun fino papel.
Estas letras non queren ser una apoloxía do tabaco senón máis ben unha reflexión que desexa que o sentido común e as boas maneiras sexan as normas que regulen a convivencia entre
fumadores e non fumadores.
Revindico, desde a miña actual posición de non fumador,un respecto cara ós fumadores,da
mesma maneira que nosoutros os non fumadores temos dereito a un aire limpo e libre de
fumes.
Home Page de Manuel Casal Lodeiro