Cómo naceu o álbum
"Comecei a darlle voltas á idea de Mmmh!! a primeiros de ano" lembra Kike Benlloch, "un momento moi problemático para min no que me apetecía calquera cousa menos falar. Dese silencio imposto nacería ó final Mmmh!!. Deime conta de que moitas veces os artistas temos a capacidade de crear a pesar de pasar por unha situación fodida, e con este proxecto pasou algo así. Acabei de debuxar a primeira historia do álbum (a que vai nas páxinas 38 a 40) o dous de xaneiro do 2001. Durante meses tiven a idea do libro na cabeza, pero o proxecto en si non arrincou realmente ata que se incorporou Bernal, a mediados de marzo. Bernal foi fundamental, porque non só contribiu coas súas propias historias, senón axudándome no procesamento infográfico, na maquetación e no deseño do libro. Despois falei con Jano, con quen xa traballara en Nieve Negra, unha experiencia fabulosa que tiña gañas de repetir."
Pero non só A Coruña contribuiría ó álbum, xa que unha terceira parte da obra está debuxada polo ourensán David Rubín. Kike Benlloch explica que "resultou importantísimo incorporar a David, foi clave para o proxecto porque debuxou e entintou dezaséis páxinas, nun tempo record. Sen el, o álbum simplemente non existiría."
O curioso é que a historia fora pensada para outro ilustrador, o creador de Gorka, o barcelonés Sergi Sanjulián. Benlloch lembra: "En marzo do 2000 escribín este guión para Sergi, pensamos en diversas posibilidades de tirarlle partido á historia, pero ó final por problemas de axenda o relato quedou perdido nun caixón. Eu coñecía o traballo de David Rubín nos certames de Ourense, e mandeille esta historia a ver se lle gustaba. Foi unha conexión inmediata, desde o primeiro momento. Penso que David e mais eu temos o mesmo chip historietístico na cabeza... Globalmente, teño a sensación de que as seis persoas involucradas no proxecto compartimos unha concepción común, moi coherente entre nós, de todo o que pode dar de si este medio."