Os contidos de "Mmmh!!"

Unha das cuestións recurrentes que se teñen plantexado ó longo do tempo é se existe unha escola galega de banda deseñada, se hai un estilo co que se identifique un amplo número de autores do país. Como tódalas catalogacións, esta pregunta pode levar a respostas controvertidas.

Alén de etiquetas, o que si se pode sinalar é que existe un padrón común entre os autores de "Mmmh!!". Escola galega, coruñesa ou o que for, a diversidade destes cinco estilos gráficos non eclipsa unha consistencia evidente. As características que contribúen á homoxeneidade do conxunto final son: graficamente, o branco e negro que caracteriza ós autores acreditados; xunto coa síntese gráfica, a primacía da narración sobre o barroquismo. Argumentalmente, unha total independencia creativa, propia de autores tradicionalmente ligados á escena alternativa da banda deseñada.

David Rubín debuxa cun estilo soberbio a historia máis longa do álbum, a que o abre. Un relato duro e amargo que encontra no seu hiperexpresivo estilo un aliado ideal. Os lápices de Rubín logran convertir en realidade uns escenarios intencionadamente inubicados.

As tres contribucións de Bernal enfatizan o apartado gráfico. Buscando a expresividade e a contundencia visual, conxugan dun xeito brillante o humor e espectacularidade. A composición de páxina é outro dos elementos cos que xogan estas historias.

Jano ofrece dúas historias de certo ton melancólico, tampouco exento de certo humor, nas que deixa unha porta aberta á interpretación do lector ós seus relatos. Neles mistura diversas técnicas gráficas dando lugar a unha interesantísima evolución do inconfundible estilo que deu a coñecer en "Nieve Negra".

Alberto Vázquez ofrece, pola súa banda, un debuxo persoalísimo e enganosamente sinxelo, que se adapta á perfección á historia de amor/desamor que ilustra. Na variedade estilística radica un dos puntos fortes deste debuxante, pero, ó longo das oito páxinas que compoñen o relato que debuxa, mostra unha gran consistencia e criterio gráfico.