O concepto de "Mmmh!!" Contar unha historia só con imaxes e sen usar palabras supón un reto para os creadores, xa que se deben esforzar en utilizar tódolos recursos narrativos que ten a linguaxe do cómic para compensar, e mesmo superar, esta "limitación". No ángulo oposto, a vantaxe é que un relato que non depende dun idioma en concreto pode ser lido en calquera parte do mundo. "Fastidiábame un pouco" explica Kike Benlloch "que cando lle entregábamos exemplares dos nosos traballos a autores estranxeiros, por exemplo no Salón do Cómic da Coruña, moitas veces non os podían ler. Ese é un problema que coa linguaxe do cómic podemos esquivar, porque é un idioma auténticamente internacional." O reto creativo radica tamén na complexidade do relato a comunicar: Expandindo a gramática do cómic, este pode competir coa prosa ou co cine mesmo na "inferioridade" de condicións que representa, a priori, a ausencia de texto. |