Xa é primavera en Polaqia Tempo das flores, estación do amor, e primavera que o sangue altera: Que ben que xa chegou o novo Barsowia número cinco! E que sabemos do amor? O amor pode ser cursi, adictivo, escuro, radiante, eufórico, doente... Hugo Covelo demóstranos que o amor nunca é "Tempo perdido". Diego Blanco desvela o que agachan dous rudos e varonís axentes de policía en "Cops in love". "A canción de Isabel", de Brais Rodríguez, cóntanos de parellas cruzadas, afastándose de calquera tópico. En "O noso" Kike Benlloch e Javi Montes mostran unha estraña maneira de facer as paces nunha relación. Miguel Porto cóntanos a historia dun presidiario moi particular. Con "Querida Elba:" Kike Benlloch, Hugo Covelo e Diego Blanco relatan a historia dun mozo que procura o diario perdido da súa namorada. E Andrea López explícanos o que debes facer cando lle queres a alguén. En "É o pensamento da noite" Michael Bonfiglio proba que se pode amar á noite en persoa máis que a ninguén. Con "A sombra xigante que me afoga", David Rubín móstranos unha perspectiva distinta do superheroe e da muller oculta detrás del. Ken Niimura asina "As cartas sobre a mesa", un relato no que unha partida de cartas desvelará quen ama a quen. E como non todo vai ser fluído rosa, Louis Bertrand Devaud opina sobre a comida rápida. En "Se moderno", Adrien Bouss reflexiona sobre a soedade e o vacío da vida "moderna". Finalmente, "Resaca en Marte" de Bruno Rouanet preséntanos dous personaxes que nin no peor dos seis pesadelos farían parella... O novo Barsowia. Máis páxinas, máis autores, mesmo prezo. Oh la la, c'est l'amour... Ficha ----- Barsowia nº5 Maio de 2005 56 pp 2.50 eur Autores: Kike Benlloch Louis Bertrand Devaud Diego Blanco Michael Bonfiglio Adrien Bouss Hugo Covelo Andrea López Javi Montes Ken Niimura Miguel Porto Brais Rodríguez Bruno Rouanet David Rubín Sobre as novas incorporacións ----------------------------- * Louis Bertrand Devaud (Besançon, Francia 1980) ten asinado diversas historias curtas e agora está a colaborar con Le Reb, un proxecto editorial tanto en soporte papel como en soporte dixital (www.lereb.org). * Michael Bonfiglio (Nova Jersey, EEUU 1975) participou nas antoloxías "Top Shelf", "Typewriter", e na "Storylines" coeditada por Fantagraphics Books e a NACAE. Na actualidade baralla unha idea para unha historia longa en formato de novela gráfica. * Adrien Bouss (Chambéry, Savoie, Francia 1981) publicou algunhas historias curtas no fanzine Azil Zine antes de publicar no "Barsowia". Actualmente prepara "Ascension", a súa primeira serie de álbumes, que estreará este outono na editorial francesa "Le Cycliste". * Andrea López (A Coruña, Galiza 1976) é ilustradora e ten debuxado para libros de Galaxia, Ir Indo, e Edelvives/Tambre. Contribuiu ao álbum de banda deseñada "H2Oil" do Colectivo Chapapote e, ademais do "Barsowia", colabora coa revista "Arraianos". * Javi Montes (A Coruña, Galiza 1975) ten traballado profesionalmente para editoriais do mercado francófono como Vents D'Ouest e Paquet e contou con serie propia na revista "Mister K". En xuño verá a luz o seu primeiro traballo para Marvel Comics. * Bruno Rouanet (Varennes sur Seine, Seine et Marne, Francia 1982) está a preparar cuns amigos o fanzine "Toimoinou". No entanto, continúa a facer historias protagonizadas polo Capitán Vilán, o seu personaxe fetiche. ----------------------------- - Catálogo de Polaqia: http://www.redegalega.org/polaqia/2005/ - Proximamente poderás comprar todos os produtos de Polaqia a través de internet: http://www.dospasos.com ----------------------------- Barsowia é a revista de cómic do colectivo Polaqia. Polaqia, fundada en 2001, é un colectivo auto-editor de autores galegos de banda deseñada. Até agora os once títulos publicados por Polaqia teñen divulgado o traballo de 30 creadores e creadoras internacionais. Máis información en www.redegalega.org/polaqia Contacto en polaqia@redegalega.org